xoves, 8 de maio de 2014

O gando miúdo




     
       Ás abellas tamén se lles chama o gando miúdo, porque, aínda que non se levan atadas co cabestro nin con rello ou adival, son unha fonte de riqueza para a casa que as ten. Os seus productos fornecían de cera e de mel tanto para o consumo propio como para vender.
            E como gando que é, aínda que sexa miúdo, este forma parte da facenda, e polo tanto protéxese ata o punto de que, cando non hai espacio fóra da casa para instalar as colmeas, cobos, cortizos ou trobos, ou o espacio que hai precísase para outros mesteres, ábreselles nunha das paredes da casa un oco para telas a cuberto e mellor resgardadas cando chega o inverno.
            Estas colmeas están orientadas a sur, e distinguímolas porque están formadas por unha ampla laxe apoiada en vertical sobre unha soleira, tendo, nesta base un pequeno oco para darlle entrada ás abellas. Semella todo o conxunto unha fiestra cega. Logo, a recolección do mel e da cera faise desde dentro da casa.

luns, 5 de maio de 2014

CORREDOR VERDE



Por Pura Tejelo

                                                                                                     Marisa Rodríguez
Corredor pendurado na inmensa luxuria verde do val
Eu paseaba descalza  por el as suores da sesta
Gladiolos abafados durmiñaban zunidos de abellas.

Os cuartos achegados recollían o silencio

A longa galería era transparencia de luz intensa e calor
                               
Fun parte da figueira que agatuñaba o mixo
Dos recantos cómplices dos primeiros segredos
Dun soño perdido nun espello infantil de aldea.

UM APELIDO. UM NOME.




Por UM-DO-CHAO.
BETANÇOS, LUGO, OURENSE…

Os apelidos.
Miguel Betanzos
            Depois de falarmos de matos, florestas, fragas e bosques, este dia falaremos de LUGO (o lucus latino significando o mesmo, e mais concretamente, bosque sagrado, similar ao Lluc malhorquino ou ao anglo Holywood… tudo muito céltico). Se bem hai mais Lugos na Espanha e além Pirinéus, o apelido a que déu lugar este topónimo é tido como galego, originado, daquela, no nosso Lucus Augusti.
            De entre as sete cidades cabeça das antigas províncias da Galiza, pareceria que Corunha, Mondonhedo e Tui nom derom apelido, ou bem, se o derom, nom se conservam hoje. (É de advertir que muitos nossos apelativos desaparecidos seguem vivos nas Américas). Pola nossa banda, temos atopado a um soldado Diego de Coruña, natural de Jadraque, casando na Corunha, em 1785, cujo apelido reputamos referido à Coruña del Conde burgalesa.
Antonio (Lugo) Machín
            Si derom tal o citado LUGO e mais OURENSE, BETANÇOS e Santiago… se bem os muitos apelidos Santiago de hoje, a saber se se referem à cidade ou direitamente ao santo católico (casos de Sam Pedro, Sam Giao, Sam Joám, Sam Jurjo, Sam Paio…). Ponte Vedra é a cidade-capital (já entre as províncias novas) que tamém originou apelido. Ourense, actualmente extinguido no país, sabe-se, vem do latim aurense/auriense, por referência ao ouro que, nos tempos romanos, se prodigava na comarca.
            Ora, Betanços, que é apelido protagonista em Ribeira como em Cambados (a se repartirem a metade dos hoje existentes no país), originaria-se na velha capital em riba mentada, nom no mínimo núcleo homónimo do concelho luguês de Ourol, únicos topónimos conhecidos com esse nome. A etimologia do vocábulo segue a ser escura. Nom relacionada, filológicamente, com Brigantium (mália ser duas denominaçons dum lugar único, esta de natureza céltica), é considerada latina, e, segundo L. Monteagudo, derivada de habitancium (castelhano: habitanza), que aludiria a “pequenas entidades de povoaçom”.

As personagens.
José María Orense
1 Miguel BETANZOS (morto em 1815), boliviano, guerrilheiro da Independência.
2 Ramón Emeterio BETANCES (1827-1898), porto-riquenho, considerado o pai do movimento independentista da ilha, cujo pai apelidava-se Betanzos.
3 José María BETANZOS (1863-1948), euskaldum, bispo de Tánger, alcumado de “pai dos pobres”. (Hai um Miguel Betanzos, escritor argentino contemporâneo).
4 Odón BETANZOS (1925-2007), andaluz, filho de fuzilado do 36, radicado nos USA, importante poeta e crítico literário.
5 Antonio [LUGO] Machín (1903-1977), cubano, reconhecido cantante, filho de galego.
6 José María ORENSE, marquês de Albaida (1803-1880), cántabro, jornalista e político democrata, primeiro presidente das Cortes da I República Espanhola.


          

domingo, 4 de maio de 2014

A Santa Cruz de Laza




   
         Sorprendente pola variedade ritual e simbólica que encerra esta celebración de Laza, sobre a que escribiron Taboada Chivite, Fernández Oxeda, Filgueira Valverde ou Vicente Risco, entre outros, e onde como imos ver, a principal figura, unha vez máis, e o triunfo da vida.
            Os festexos da Santa Cruz comezan no atardecer do día antes da festa, cando os mozos da parroquia van á procura dun longo pino que traen ata a parroquia para chantar no medio do campo da feira despois de cortarlle as ramas, un pino que eles chaman o Maio, que vai presidir todos os festexos, pero que a nós nos lembra as festas romanas de Marzo, en que un pino simbolizaba a figura de Priapo, o deus da fertilidade e era levado ata o cento da cidade. Un pino, este, que ha de ser “roubado”. Claro que é un roubo ritual, mediante o cal o elemento acada o valor dunha especie de tesouro que lle aporta á comunidade o ben que pertencía a outra, e como os bens nin se dan, nin se prestan, nin se venden, ha de ser “roubado”.
            O día tres (agora trátase de cambiar o día para o domingo máis próximo), desde que as primeiras bombas anuncian a alborada, vai ser un día no que o relixioso e o profano se mesturan. Ou, para ser máis exactos, onde o simbolismo precristián e o cristián se mesturan.
            O principal do festexo comeza pouco antes do mediodía, cando desde un lugar da parroquia saen os danzantes, seis mozos, acompañando ó Adán, un home vello que carga con instrumentos de labrego, así como as figuras de Abraham, o anxo e Isaac, que desfilan precedidos por un alto ramo de loureiro do que penduran varias cintas de cor, un bolo de pan (agora ponse un biscoito), e un galo vivo, segundo o señor que portaba o ramo, porque se non hai galo non hai ovos. Á fin o galo é o canto do amencer, o saúdo ó deus sol, quen lle dá a benvida á luz do día; e o pan é o alimento, símbolo de fartura como o loureiro o é de vida por ser unha planta de folla perenne.
            E habemos de dicir que este loureiro teñen que traelo de fóra da parroquia, porque en Laza, segundo o noso informante, non hai loureiros. Ou ó menos non os había cando nós participamos nesta celebración.
            A comitiva desfila ata a casa na que está a Eva, unha moza cuxa identidade non se revela ata o día da festa, a cal aparece vestida de branco, e acollida con piropos por parte dos mozos; trae na man unha roca de fiar e do brazo dereito colga un cestiño onde porta tres laranxas, máis sabemos por información recollida de don Xosé Ramón Fernández Oxea, que no pasado a moza estaba coroada cunha grilanda de flores e no cesto portaba tres mazás. Tamén que, antigamente, o Adán era un vello que fixese rir pois a súa función e facer rir a Eva, que durante todo o percorrido se mantén moi seria, á fin, e segundo a tradición bíblica, sobre ela cae o peso da maternidade de toda a humanidade. E ¿por que ha de facela rir?. Pois porque o acto de procreación no que Adán vai participar, é á fin un acto alegre como é todo acto no que se basea a esperanza dun futuro próspero.
            Tras a aparición da Eva na porta da casa execútase a primeira danza, e xa con ela ó lado do Adán camiñan no medio de toda o grupo e do público que se lles une ata a igrexa onde, tras unha nova danza, as imaxes relixiosas saen do templo para unirse á comitiva e percorrer en procesión as rúas de Laza, parando en distintos puntos do lugar para executar de cada vez a danza característica. E en todo o percorrido o elemento profano e o relixioso, ou sexa, o ramo con todos os elementos simbólicos citados e o estandarte da Santa Cruz camiñan á par diante da procesión.
            Cando chagan ó centro da vila, á praza da Picota, nun escenario preparado ó efecto, mentres os personaxes vestidos de Abraham, Isaac e o anxo, representan a escena bíblica do sacrificio de Isaac, o narrador acaba lembrando a promesa de Deus ó patriarca, de que a súa descendencia será tan grande como as estrelas do ceo e as areas do mar.

            Xa para finalizar o acto despois de que a procesión se recolleu, Eva volve á casa e sae ó balcón para que os danzantes executen unha última danza, tras a cal todos se botan a correr, e ó gañador, Eva dálle de galano as froitas que porta na súa cestiña.

.-.-

Vocabulario económico

venres, 2 de maio de 2014

A milagreira fonte de Aranga




Cóntase que certa noite, cando unhas mulleres pasaban por un dos camiños que leva á ponte de Aranga, escoitaron o son dunha campaíña que saía do fondo da terra atraendo a súa curiosidade, pero ó mesmo tempo tiveron medo de que aquilo non fose cousa boa, e fuxiron para contarlle ó crego o que lles acababa de suceder. Mais cando na compaña do crego e de quen ó grupo se xuntou, se puxeron a cavar na procura daquela soadora campaíña soterrada, atoparon que esta penduraba dunha cruz de brazos iguais, que asemade portaba unha cazoliña no cruce de tales brazos, e cadansúa máis no cabo dos mesmos.
E cando os veciños foron a collela, no seu sitio brotou un chorro de auga que deu lugar á fonte que desde entón non deixou de manar. Unha auga que, co tempo, demostrou ser eficaz para facilitarlle a aqueles matrimonios que non poden ter descendencia acadala, tras lavarse os xenitais con ela.

A cruz, de estilo visigodo, seguramente xa fora usada con anterioridade ó seu achádego en ritos de fertilidade, espallando a auga contida nas súas cazoletiñas polas fincas e os animais, unha función que dalgún xeito a Igrexa recuperou a partir da memoria dalgún ritual previo, e que agora, desde o século X ou XI, en que foi recuperada, en que tivo lugar o seu descubrimento, reune ós romeiros cada tres de maio para pedir por iso tan evanxélico da multiplicación dos bens, do de dar cento por un, e así, a auga recolleita en frascos e pasada por ela, espállase polos campos e bótaselle ós animais para favorecer o crecemento e a fecundidade, ademais de ter demostrado o seu poder para espantar ós insectos malignos ou inoportunos que trae a calor do verán.

VERSOS AO XEITO POPULAR

Hoxe que é o teu santiño

  por ANDRÉS TERRA (1969-2004).



I

Hoxe que é o teu santiño

Hoxe que é o santo teu

Terei de darche cartiños…

Pra que me ousequies no meu!

(1969)

xoves, 1 de maio de 2014

Os Maios





           O mes das flores e das fillas de María, tamén é o mes en que a vella aínda queima o tallo, o mes das Floralia dos romanos e a Belteine dos celtas, a festa que lle daba paso a entrada do verán, e que en Galicia empeza co festexo dos Maios, esas construcción vexetais, orixinariamente con forma de cono, pero que agora se elaboran con diferentes figuras icónicas.
            Segundo Taboada Chivite, o Maio máis simple era un neno cuberto de hedras e flores que na compaña doutros nenos cantaban ó renacer da vida e á luminosidade destes días. En Irlanda era costume coroar de fores a unha moza. Pero, como dicimos, ó máis común hoxe en día son os conos piramidais que tamén se poden adornar con ovos e pans, e ás veces levan un neno dentro. 

E unha das máis curiosas variantes desta figura é a usada na bisbarra da Barbanza, onde antano se protexían con ramos de xesta en flor as embarcacións e os carros, máis hogano eses ramos coroan os vehículos, xa na antena do coche ou atados ós parachoques, como elemento protector contra o mal de ollo.

mércores, 30 de abril de 2014

PEDRAS EN EQUILIBRIO




Por Pepe de Rocaforte
   
         Unha mostra de traballos de Michael Grab con pedras postas en equilibrio tróuxome á memoria a Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle.
            Coñecino hai moitos anos, a fins dos sesenta do século pasado. Faláranme del en Cee. Logo lería no “Ideal Gallego” un traballo de Arce Temes sobre a súa figura e finalmente coñeceríao persoalmente non lembro con exactitude en que ano a mediados dos setenta. Estableceuse entre nós unha certa amizade e pasei a visitalo con regularidade, levando comigo a moitos amigos con desexos de o coñecer.
            E agora a idea con que empecei esta nota vai quedar para outra ocasión, porque para buscar algo sobre Man na rede vin un texto do 28/12/2012 onde se di (traduzo): “As cinzas de Manfred Gnädinger … repousan desde hoxe … onde sempre quixo, na caseta museo que esculpiu na rocha xunto ó mar nesta localidade da Costa da Morte”, ó parecer un dos desexos que Man deixou escritos no seu testamento: que as súas cinzas se enterrasen xunto á súa vivenda.

            Se non me equivoco, o testamento redactouse en 1972. Man era home, supoño que coma case todos, que en determinados temas non mantiña sempre a mesma opinión. Máis ou menos sobre 1975 faloume sobre a posibilidade de padecer unha enfermidade mortal. “En tal caso”, díxome, “botaríame ó mar e nadaría ata non ter máis forzas. Alí onde chegase deixaríame morrer”.
            Uns anos máis tarde, despois dunha tempada bastante mala, acordeille as súas palabras de tempo atrás e desta volta díxome que o seu desexo definitivo era o de ser enterrado ó pé duns penedos, do outro lado da entrada ó porto, xusto ó pé duns grandes círculos brancos pintados por el. O lugar resulta de fácil localización porque desde dentro da súa caseta, sentados sobre a liteira ó lado da entrada, os círculos eran visibles en liña recta con nós e os vidros de cores da porta.
            Posteriormente, nuns días en que se lle meterá na cabeza que todo Camelle estaba contra el pola súa oposición á construcción do dique (Man estimaba que sería máis barato, a natureza non se vería tan agredida e os barcos estarían máis protexidos, se dragaban o porto e  aumentaban o calado ata o mesmo fondo da entrada do mar. Co diñeiro así aforrado poderíase dotar ás embarcacións da localidade con sistemas de radar e axuda á navegación cos que ter maior seguridade cando saísen a faenar).
            Nesa ocasión Man confesoume estar completamente desalentado. “Se un organismo oficial se fixese cargo da conservación do meu museo”, díxome, “eu marcharía na busca dalgunha illa semi-deserta perdida no Pacífico. Aquí xa hai demasiada xente arredor de min e empezo a sentirme mal”.
            Entón, tal como mo dixo, presentín que xa nunca máis marcharía. O que non tiña claro é onde sería enterrado.

Ritual para despedir abril




            Acaba o mes de abril, este mes que na Roma clásica empezaba  celebrando a apertura da natureza co abrollo das flores e remataba coa invocación  a Flora, a deusa de todo o que florece, nuns festexos que se alongaban desde o vinteoito de abril ó tres de maio, unhas datas propicias para suplicar pola  protección dos primeiros gromos, e como Murguía nos conta que se facía na bisbarra de Noia, onde os paisanos, subindo a un outeiro prendían unha fogueira arredor da que danzaban cantando en favor dos primeiros brotes do cereal:
   ¡Lume, lume! Vén ó pan,
Deus che dea moito gran;
cada gran coma un bugallo,
cada pé coma un carballo.
   
         Tamén neste día de final do mes de abril, volve a cobrar protagonismo a auga bendita do Domingo de Resurrección e o loureiro do Domingo de Ramos, cando entre lusco e fusco se sae a bendicir as leiras e as propiedades coa fórmula: Bendícete leira, sapos e meigas para as silveiras, fórmula que recollemos en Muxía, ou a que oímos na Barbanza: Bendición de Deus Padre, de Deus Fillo e de Deus Espírito Santo, que entre lo bueno y salga lo malo, aplicada tanto ás persoas como aos bens materiais, un ritual que non será efectivo se o levan a cabo despois da posta do sol.
            Será que despois de que o sol se pon tamén as flores perden vigor.

luns, 28 de abril de 2014

.-.-

¿Onde nace o Miño?    
                                                                                           Pedregal de Irimia

sábado, 26 de abril de 2014

Santo Alberte da Conlleira (Ribeira)


  
          Oito días despois do Domingo de Resurrección, o luns, celébrase no alto da Conlleira, en Ribeira, o santo Alberte, un santo que se amosou na súa época como un enxeñeiro adiantado ós tempos, pois a el sonlle atribuídos os primeiros enxeños mecánicos con actitudes humanas que se construíron, o que hoxe podían ser uns robots, androides ou algo semellante. Un festexo de tan obrigado cumprimento entre a xente da bisbarra, que as mulleres que usan a vasoira no seu día, darán á luz a un cativo con algún tipo de malformación.
            Diremos que o alto onde se atopa a capela, escudada dos ventos de sueste por unha enorme rocha, foi nalgún intre da antigüidade precristiá un castro ou ó menos un lugar humanizado, desde o que se domina visualmente toda a ría de Arousa e o mar de Corrubedo. Pero se traemos este santuario a este caderno, é porque arredor da capela e do santo execútanse unha serie de ritos que están directamente relacionados coa vida e coa fertilidade.

            Esta capela era o lugar a onde as esposas, nais ou irmás dos pescos subían a virar a tella, ou sexa, a trocar de posición unha das tellas do tellado, co fin de que o vento virase a favor para traer ós seus homes con ben ata o peirao ou praia onde atracasen. E era costume, no día da súa romaxe, bendicir a terra que logo se levaba para botar nas leiras co fin de favorecer a fertilidade das mesmas.
            Máis o costume con maior participación entre os devotos é o de lanzar a tella. Trátase de botar tres anacos de tella á fiestra tapiada da ábsida, de maneira que, quen sexa capaz de deixar os tres anacos de tella no antepeito da fiestra, será agraciada (ou agraciado) atopando parella e quizabes casando nese ano.


venres, 25 de abril de 2014

O loureiro das obras


            Cando a casa xa está cuberta, e non antes, os albaneis coroan un dos pinches cunha rama de loureiro, e logo celébrano cun xantar.
     
       O loureiro, a planta sempre verde e sempre viva é aquela na que Dafne fuxindo de Apolo se converteu para non permitir que a súa beleza fose posuída por ninguén, nin sequera por deus tan fermoso como aquel. O loureiro era a planta con que se coroaban os olímpicos e os xenerais vencedores, ós poetas e todo aquel que convertese unha fazaña humana en inmortal obra, pero un loureiro, a falta de olivo, tamén adornaba en Grecia o lintel da porta da casa onde nacera un neno, avisando así de que esa familia tiña continuidade. Unha ramiña de loureiro é o hisopo da casa contra a morte e o malfado, o remedio para espantar bruxas e estadeas. E un loureiro adorna hoxe a porta das casas onde hai viño novo, en Betanzos e en Ribadavia.

            E así está este loureiro aí, proclamando que a obra xa é casa, xa ten tellado que acubille, xa pode refuxiar a unha familia e formar o primeiro elo dunha cadea de imprevisible largueza.

San Marcos, o dos zapateiros.



  

          O evanxelista san Marcos, que ten un león por atributo identificativo, é un dos patróns dos zapateiros, e non é para menos, pois que en certa ocasión, entrando na cidade de Alexandría cunha sandalia rota, foi á casa dun zapateiro para amañala, e mentres tanto falar do divino e do humano, e como as cousas que o artesán dicía non lle desgustaban ó discípulo de Cristo, acordou con el facelo bispo, así, sen pasar polo seminario.

xoves, 24 de abril de 2014

CREADORES E CORRECTORES


Por Pepe de Rocaforte
Na introducción a unha edición portuguesa de “Menina e moça”, Maria de Lourdes Saraiva recórdanos o feito de no século XVI os libros empezar habitualmente por circular manuscritos, “quem queria possuir um exemplar, copiava-o ou mandava-o copiar” sen maior preocupación pola fidelidade ó orixinal. “O copista tinha, ou julgava ter, o direito de corrigir o original ao sabor do seu próprio gosto” e as obras eran modificadas ou retocadas segundo mellor lle parecía a cada un.
Deste modo o lector pode ficar perplexo ante a cantidade de variantes entre unha copia e outra. Ou ver nun mesmo relato cambios de estilo e contido que se van producindo ó xeito de cada novo copista aportar material de invención propia. Tal é o caso de “Menina e moça”, onde o texto evoluciona desde o acabado retrato psicolóxico das dúas iniciais protagonistas femininas ó relato de aventuras cabaleirescas das que con razón tan sobresaturado se vería Cervantes.
Esto tráeme á memoria o que se conta dos editores norteamericanos, que meten man como mellor lle parece ós orixinais presentados polos autores. Certo que algúns, como Malcolm Lowry, non admitiron correccións baixo ningún concepto, cousa máis habitual entre os autores de por aquí, a pesar de que ó cabo, se queren ver o seu libro publicado haberán de transixir, de peor ou mellor gana, con certas correccións ortográficas e de vocabulario.
Ábsida do Seminario de Logroño,
 fresco de Aurelio Arteta.
No libro de que falaba na miña colaboración anterior, “Bilbao-New York-Bilbao”, refírese como tamén os pintores deben sufrir as esixencias de quen lle fai un encargo, cousa en certo modo comprensible: o que paga manda. Kirmen Uribe conta aí como o pintor Aurelio Arteta, a quen lle foran encargados uns frescos para seminario de Logroño, sufriu as continuas interferencias do prelado. O pintor, nunha carta ó arquitecto Bastida, que lle xestionara o traballo, quéixase de que o bispo se entromete demasiado no seu traballo.
As discrepancias empezaron ó querer o prelado cambiar a imaxe da Virxe, situada por Arteta a un lado da composición, para ocupar unha posición central. Tampouco lle gustaba a cabeza da imaxe, obrigando ó pintor a reformala catro veces. Despois, ó ver que a figura da Virxe era de maior tamaño que as dos apóstolos, sentenciou que as figuras dos homes non podían ser máis pequeñas que as dunha muller.

En fin, toda unha alegría. E a un a pregunta que se lle ocorre é: ¿melloran as obras, literarias e pictóricas, coas correccións de persoas alleas ó labor creativo do autor, ou estarían mellor tal e como este as ideou inicialmente?

mércores, 23 de abril de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                               Por UM-DO-CHAO.
MATOS E SILVAS.

O apelido.
   
Francisco Silvela
         Estamos em presença de dous vocábulos de estirpe latina do comum património onomatológico galego-português que, como apelidos topográficos e toponímicos que eles som, começarom sendo Do Mato e Da Silva, convivendo hoje em ambas versons. Ambos estám estreitamente emparentados. Pois mato é um outro nome para fraga ou bosque ou floresta: na Corunha temos o Mato Grande, no Brasil o Mato Grosso que, salvando as magnitudes e distâncias, som, semanticamente, a mesma cousa: umha selva grande. (Decatádevos do hiperbólicos que forom os nossos devanceiros corunheses!). E silva foi originariamente isso, umha selva, dando respectivamente, derivados tales silvestre e selvagem; mas, segundo se estranha Méndez Ferrín, esta silva primitiva passou a ficar no nome dumha simples planta, a silva das amoras, que, por sua parte, dá o derivado abundancial Silveira e tamém Silvar e o diminutivo Silvarinho, como Silvela ou Silvosa (e até o nome de pia Silvia/Silvio)…
            No português antigo esse Mato/Matos grafou-se Matto/Mattos, sendo um dos exemplos de palavras com consoante dupla que a moderna ortografia lusa simplificou, mas que, teimudos, permanecerom nos apelidos, assi: Castello, Villa, Valle, Collaço, Mello, Meirelles, Vasconcellos, ou bem Mattos, Motta ou Netto, como Senna e Vianna… (Sobre Vianna, apelativo toponímico que alude a Viana do Castelo, ao se simplificar passou a ser  confundível co tamém toponímico navarro Viana, tam distante geograficamente).
Clorinda Matto de Turner
            Val a pena, a título de anécdota, comentarmos que hai no Brasil muitas famílias Da Silveira, com origem nos Açores, aonde mais atrás chegaram os ancestros dos Países Baixos, e que, daquela chamavam-se Van der Haeghen, que dá dita traduçom portuguesa… do jeito que o tamém flamengo Van Aard foi traduzido no arquipiélago luso atlântico para Da Terra… e daí passarom às Américas com esse traje novo.

As personagens.
1 Diego [DE SILVA] Velázquez (1599-1660), sevilhano, neto paterno de Da Silva portuenses, o imenso pintor a quem os franceses chamam, mais correctamente, Velásquez.
2 Jean-Baptiste SILVA (1682-1742), famoso médico bordelês, de ginea  judeo-espanhola.
Thomas [DA SILVA] Mann
3 José Asunción SILVA (1865-1896), colombiano, precursor do modernismo poético.
4 Thomas [DA SILVA] Mann (1875-1955), escritor alemám, filho de brasileira, que, nesse ordem se teria chamado se tivesse nascido no Brasil.
5 Francisco SILVELA (1843-1905), madrilenho, chefe do Partido Conservador, presidente do Conselho de Ministros.
6 Clorinda MATTO de Turner (1852-1909), peruana, romancista fundadora da novela indigenista americana.           

7 Luis Palés MATOS (1898-1959), porto-riquenho, iniciador da poesia negrista

martes, 22 de abril de 2014

A estrela solar arrubiouse

                     
Por Pura Tejelo   
                                                        
                                              "Son malo porque son desgraciado"....
                                                          Mary Shelley. Frankestein.

                           

                                                                                    Lola Fernández
 
       

                    A estrela solar arrubiouse
                    caedeira
                    e queimou a montaña de papel charol
                    esnaquizándose no vidro
                    minguante da lúa.
                    e a Madrasta soñou ser a máis fermosa
                    no seu espello cincento
                    a facerse o amor,
                                       Noite
                                            tras
                                                Noite!.

sábado, 19 de abril de 2014

Sábado e Domingo de Gloria.


  
          Nestes días, cargados con tanto simbolismo arredor da rexeneración da vida, da esperanza, de romper co pasado, a Igrexa entendeu que era o punto de inflexión no que separar o Vello do Novo tanto na visión relixiosa como na simbólica. A morte e resurrección de Cristo evócanos un cambio que comeza co acendido, na tarde do Sábado Santo, dunha fogueira no adro, da que cada veciño recolle un tizón para unir ó lume da súa lareira, despois de limpar esta de todo rescoallo de cinza.

            E ás doce da noite é o momento da celebración da resurrección de Cristo, rodeada de toda clase de simbolismo, desde o mesmo nome que se lle dá de Misa do Galo, ou misa na que comeza unha nova era, pois se o galo anuncia un novo día tamén esta misa anuncia unha nova andaina. Resucita Cristo e as campás repenican con alegría, e dise que neste intre, cando o son das campás proclaman a nova, tamén é cando os nenos poden comezar a andar. E bendícese a auga que será usada en próximos rituais para bendicir as propiedades, ou reservada por se hai algún finado na casa, xunto co loureiro ou oliveira bendito o Domingo de Ramos.
É ó día de agasallar ós afillados coa rosca ou pastel de Pascua, co pan de ovos ou, xa modernamente, cos ovos de chocolate, estreitando así os lazos de familiaridade pero tamén de continuidade da unidade familiar máis alá do que són os proxenitores.

venres, 18 de abril de 2014

A Semana Santa


  
          Realmente, a Semana Santa empeza na tarde do xoves, cando todas as parroquias facían o seu Monumento, un lugar onde se expoñía o Santísimo ou se situaba a imaxe da Virxe dos Dores alumeada polas velas que aportaba cada casa da parroquia, ás veces con candelabro incluído, ata o venres pola noite, en que se devolvía a cada veciño a súa, e se gardaba para alumar no caso de que na casa houbese algún moribundo que necesitase a presencia do Viático, pero tamén, como a vela da Candeloria para arredar os tronos.
            Na Semana Santa revísase a paixón de Cristo por medio da escenificación dos tristes días vividos por El nos momentos previos e posteriores ó seu apresamento, o seu xuízo, tortura e condena a morrer na cruz, é todo un ciclo no que as procesións, como representación parateatral, con manifestacións da traizón, a dúbida, a dor, a fidelidade, o sentimento maternal, a esperanza ou a soidade se vai representar no Santo Encontro, o Desencravo ou o Santo Enterro, así como nos sermóns que tratan de explicar cada pasaxe evanxélica dedicada á Paixón, Todas nos lembran en moitos aspectos o ciclo de ritos que os romanos facían en lembranza de Atis, procesións de dor e sufrimento, sen faltar as lesións particulares dos devotos e penitentes azoutándose, camiñando descalzos, cargando con pesados madeiros ou sufrindo todo tipo de sacrificios a imitación dos sufridos por Cristo no camiño do Calvario. Unha penitencia da que Taboada Chivite nos dá noticia do extremo ó que se chegaba en Verín, onde mentres un sacerdote explicaba o sufrimento de Cristo “por mor dos nosos pecados”, os fieis zoscábanse na mesma igrexa, con expresións de “pola túa culpa”, chegando a facerse dano. 


            O venres todas as igrexas e capelas están abertas, e é obrigado visitar ó menos tres templos que haxa na parroquia ou na vila, e no caso de non habelos repítese a visita ata completar o número.
            Nestes días tampouco se deben matar andoriñas, pois a marca vermella que ten este paxaro debaixo do peteiro é debido ó sangue que lle salpicou cando lle quixo aliviar a dor a Cristo arrincándolle unha das espiñas da coroa.

            E como símbolo de dor e loito, durante os días nos que Xesús está morto, non toca a campá, e incluso os finados son enterrados sen tocar por eles e coa cruz tapada. Ata as doce da noite do Sábado de Gloria