Coroas
de acivro e loureiro eran comúns nos camposantos e cemiterios galegos noutro tempo,
máis aínda que as flores; e a razón, sempre vinculada á simboloxía, non é outra
que a de ser plantas de folla perenne, sempre verdes e sempre vivas, como unha
evocación ó triunfo da vida, para lembrar que, como a semente que fica baixo a
terra e logo florece, tamén os finados han de resucitar, unha crenza que, como
vemos neste caderno por exemplos anteriores, non é exclusiva do cristianismo.
E
neste país en que a morte forma parte da vida, non podía ser doutra maneira que
dúas das máis grandes feiras galegas, reunións de vida e actividade, son as que
no primeiro de novembro se celebran en Monterroso e Betanzos, por exemplo.
É
data de visitar ós nosos antepasados, e como recollen etnógrafos como Taboada
Chivite, eran datas nas que incluso se lle levaba comida ós finados, que se
depositaba sobre as tumbas, bolos de pan e cuncas de viño, que o sancristán
recollía para contribuír con tales pagos ós responsos e misas de ánimas, nas
que se evocaba o nome da persoa finada.
E
tamén é o tempo dos magostos, que tal vez teña na provincia de Ourense a máxima
expresión ritual, onde nos dixeron que cada castaña que estoupa ó asar, é unha
ánima que acaba de entrar no ceo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario