luns, 18 de novembro de 2013

Orfeo



            Tan guapo e bo rapaz era Orfeo, que o mesmo Apolo fixo para el unha cítara co caparacho dunha tartaruga, e con el, cal repoludo gaiteiro encantaba ás mozas que o escoitaban. Pero non só a elas, senón tamén ás mesmas feras do monte e ata ós inclementes meteoros. A súa música amansaba ás bestas, arredaba as tormentas e traía a paz a todos os lugares onde improvisase algunha melodía, por iso Xasón, cando buscaba ós mellores tripulantes para ir na procura do vélaro de ouro, escolleuno tamén a el, quen grazas á súa música, ó pasar por diante das sereas que cos seus cantos atraen ós mariñeiros á perdición, el executou o seu arte tan primorosamente, que ata as mesmas sereas calaron para escoitalo.
            Foi así, con este arte marabilloso que conquistou o corazón de Euridice, e ela tan namorada del estaba que ó seu lado nin miraba onde pisaba, e por iso pisou mal e foi mordida por unha serpe e morreu.
            O desconsolado amante choraba todo o día tal perda, lamentaba a súa mala sorte, rogáballe ó ceo e á terra que o levasen coa súa amada porque o seu xa non era vida, e os deuses do Olimpo escoitaron o seu lamento e permitíronlle entrar no reino de Hades para encontrar a Eurídice; e diante dela volveulle a alegría e volveu a tocar a súa cítara, e tanto lle gustou ós deuses das profundidades que lle permitiron volver ó mundo dos vivos coa súa esposa. Pero cunha condición: Non poderá volver a vista para vela mentres non sexa bañada pola luz do sol.
            Colleron o camiño da saída e Orfeo, ardendo en desexos de bicar a Eurídice, mantivo á vista á fronte aínda que ela laiase pola presencia dalgún maligno ser que lles saía ó paso, só por importunar e provocar maldades. Orfeo coa cítara na man camiñaba diante e fixo durmir ó mesmísimo can Cerbeiro e alcanzou a boca da funesta cova e sentiu o sol sobre a súa faciana, e sentiuse feliz polo grande favor que os deuses lle facían, e ansioso de bicar á súa amante volveuse. Maldita sexa. Volveuse pero ela aínda non saíra á luz do día, e entón, cal nube de fume no nordés, desapareceu para sempre.

            A súa cítara xa só tivo tons fúnebres para o resto dos seus días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario