Coma
cada vintedous de novembro os músicos están de festa, celebrando á súa patroa,
aquela que morreu cantando, aínda que outros a poñen tocando a arpa, o
harmonio, a frauta e non sei cantos outros instrumentos para remarcar a súa
condición de música.
E
se hai uns días lembrábamos como a música por medio de Orfeo establece unha
relación entre o ben e o mal, e incluso entre a vida e a morte, e dado que un
pagán como aquel non podía estar no almanaque, o cristianismo foi buscando
entre os seus mártires a quen mellor se adaptaba para o posto e escolleu a esta
mártir que, obrigada a casar, a pesar de facer votos de virxindade, no mesmo día
da voda subiu ó estrado dos músicos e cantou para todos os invitados as
marabillas da castidade. E claro, unha cousa tan privada do matrimonio como é a
relación sexual, que sexa exposta en público pola mesma noiva, no mesmo intre
de casar, avergoña a calquera e provoca todas as furias imaxinables. E
provocounas a pesar de que o mozo lle perdoou, porque ós sogros non lles
chistaba nada aquela tolería de deixalos sen netos. E pola furia dos sogros levárona
ó xulgado e daí ó cárcere por rebelde e por negarse a darlle fillos ó imperio,
logo vén a tortura e finalmente a pena capital, e no intre en que morría, todos
os presentes sentiron un coro de anxos que baixaba do ceo, envolto en fermosas melodías
para recoller a alma da finada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario