Os
camiños dos santuarios énchense de devotos que, ás veces con máis pena ca
gloria cobren longas distancias baixo sol e chuvia, con pouco pan e mal
descanso. Outras veces, ós inconvenientes do camiño únese o feito de que o
devoto vai con toda a esperanza de curar algún mal que o atormenta, e co mal
fai o camiño pero ese sacrificio non sempre é suficiente para mover a compaixón
das divindades e queda nas bermas e alí mesmo é soterrado.
A
tumba do penitente que non chegou ó seu destino convértese axiña en lugar de
reverencia para os posteriores peregrinos que, ó pasar ó seu carón réndenlle
homenaxe depositando unha pedra sobre ese improvisado humilladoiro, día tras
día e ano tras ano.
Outras
veces baixo ese monte de pedras non había finado, e así no lo conta don Eladio
Rodríguez, senón tan só unha proba de que se pasou por alí, ata onde o
peregrino trae consigo unha pedra que depositaba nese lugar en concreto, para
que así, cando chegue o día do Xuízo final, esas pedras dean testemuña da
peregrinaxe. Neste caso o amilladoiro só é un contador de persoas, como o torno
dos accesos públicos ó bus ou a unha sala de espectáculos. Un costume que xa
tiñan os gregos clásicos para honrar ó deus protector dos camiños e do
comercio, a Hermes, que logo adoptaron os romanos para o seu Mercurio, tamén
deus dos camiños e protector do comercio. E os amilladoiros seguiron logo co
cristianismo e fóronse formando nos camiños que levaban ós principais
santuarios, tal así que un deles deulle nome a un lugar da entrada de
Compostela vindo de Padrón, e os de Teixido aparecen en todas as guías turísticas
como exemplo de antergo costume. Pero tamén os había laicos, segundo nos conta
don Eladio, que era o que formaban os
segadores cando ían a Castela, como mostra da tristeza con que abandonaban as
terras galegas.
E
xa que estamos indo cara santo André lembramos a cantiga:
Indo para santo André
seica me viu un agoiro:
non puiden deixar a
pedra
no primeiro amilladoiro. E imos segindo o camiño porque Teixido queda lonxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario