Por
Pepe de Rocaforte
A medida que pasan os anos medra en
nós a tendencia a idealizar o pasado. Polo menos eso me sucede a min. Recordo a miña infancia, cando ía de veraneo
a Vigo. Vigo parecíame o paradigma da cidade ideal: o mar, os barcos, os
edificios altos (Aquela “Residencia Almirante Vierna” en construcción, máis
coñecida como “O Pirulí” porque todos chupaban dela; para falar agora da
corrupción como cousa nova). Pero o principal símbolo cidadán eran para min os tranvías. Aquel continuo trafego arriba e
abaixo polas rúas empinadas da cidade, o ruído do ferro, rodas contra raíl, os
chispazos de contacto do trole co cabo de onde tomaba a corrente, o son da
campaíña con que advertía do seu paso ós transeúntes, a xente encolgándose en
marcha...
Aínda non se me borraron da memoria
os números dalgunhas liñas: o “1", que ía á Florida, cun mini-zoolóxico na
estación final, desde onde se baixaba a Balaídos; ou o
“2", a Bouzas, que colliamos habitualmente para ir á praia a Alcabre. En
fin, conto esto para intentar explicar a alegría con que hai uns anos recibín a
inauguración da liña de tranvía polo Paseo Marítimo da Coruña e a desilusión
con que observo nestes días a retirada do cableado nese mesmo paseo, signo da
próxima desaparición desta pequena atracción.
Recordo a ilusión con que hai anos
levei ós meus fillos ó Porto e a Lisboa para darlles a coñecer aquel medio de
transporte desaparecido en Galicia. E pregúntome como é posible que noutras
cidades manteñan ese servicio: o Tramvía Blau de Barcelona ata o pé do
funicular do Tibidabo ou as liñas en pleno funcionamento en tantas cidades
europeas.
¿Resulta realmente tan costoso manter o tranvía nA
Coruña para ter que proceder hoxe ó seu desmantelamento?
Ningún comentario:
Publicar un comentario