Por
Pepe de Rocaforte
Enviáronme nestes días unha montaxe
con fotos da Emigración e música de
Fuxan os Ventos. As fotos, de Alberto Martí e Manuel Ferrol, lémbranme unha
idea sobre a cal matinara xa hai certo tempo en relación coa posibilidade de
que algunha institución puxese aquí en marcha un museo ó xeito do que funciona
na Illa de Ellis, en Nova York.
A idea, de se levar a cabo, non
contaría cun éxito de público proporcional ó do museo neoiorquino da
Inmigración, entre outras cousas porque alí a entrada vai incluída dentro dunha
visita á estatua da Liberdade. Pero, ó noso nivel, ¿pagaría a pena en Galicia
un museo similar?
Debo confesar que a miña experiencia
particular da Illa de Illis foi deprimente. A visión daquelas fotografías de
xente humilde (os viaxeiros de primeira e segunda clase non eran desembarcados
en Ellis, senón en Manhattan e sen problemas de ningún tipo). Os exames a que
os recén chegados eran sometidos antes de lle permitir o acceso ó paraíso
americano, a expresión dos seus ollos, o medo a vérense
obrigados a regresar ós seus puntos de orixe, onde sen dúbida deixaran queimadas
as naves, encollíame o corazón.
Certo que, ó parecer, dos vinte
millóns de inmigrantes desembarcados en Ellis entre 1895 e 1954, tan só a un
dous por cento se lle negou a entrada nos Estados Unidos. Pero tal porcentaxe
representa catrocentas mil persoas (anarquistas, delincuentes e portadores de enfermidades
contaxiosas, segundo as informacións).
Quedeime particularmente cos
enfermos, vin nas fotos o seu aspecto humillado, pensei no que os esperaba e
tiven que abandonar o museo e marchar ver o mar para librarme da sensación de
angustia que empezaba a afogarme.
Certo que aquí as fotos serían de
xente que se ía, non de xente que chegaba. Pero ben pensado ¿non son igualmente
horribles, e alleas, as causas que os conducen a tal situación?
O que si hai neste país son mogollón de monumentos sentimentaloides, de horrible factura, retratando a emigración como unha estampa chorimiqueira, pero a ningún dos rexentes actuais das asociacións e sociedades creadas polos nosos emigrantes se lles ocorreu facer, ó menos, unhas xornadas para tratar sobre o que significou a emigración para nós. Iso si, non se esquecen de facer bailes de sociedade e participacións da lotería de Nadal.
ResponderEliminarPenso que as asociacións de emigrantes non teñen interese nunhas xornadas de análise xa que, en moitos casos, acadouse una situación económica elevada e teñen a menos falar "de cando non había posibles".
ResponderEliminar