Por Pepe de Rocaforte
Estes
días pasados, por exemplo, informábanos a prensa do inxusto acoso de feministas
e progres a monseñor Javier Martínez Fernández, arcebispo de Granada. E todo
porque unha editora baixo o seu control, “Editorial del Arzobispado de
Granada”, acaba de publicar un texto da escritora católica italiana Costanza
Miriano, cun título que non ofrece dúbidas sobre a orientación do seu contido:
“Cásate y sé sumisa”.
Costanza
Miriano alecciónanos no seu libro sobre o papel da muller nas relacións de
parella. A muller debe aprender, dinos, a obediencia leal e xenerosa, a
submisión, para poder ser feliz “incluso co seu marido”. ¿Resulta estraño? Pois
é simple aplicación da doutrina bíblica, das normas de conducta dictadas
directamente por Deus ós homes para o seu bo goberno.
Vexamos
se non o “Eclesiástico”, que por feliz coincidencia me cadrou ler nestes días: Á
muller que non dá gusto ó seu marido escórdalle os brazos e amolécelle os
xeonllos (25, 32). Se ela non camiña baixo a túa dirección, ofenderate
diante dos teus inimigos (25, 35). Ela (se non a controlas como é debido), coma un camiñante
con sede, aplicará a boca a toda fonte, e beberá a auga máis próxima, sexa cal
for, e sentará en calquera esquina e abrirá a súa alxaba a calquera flecha
(26, 15). Metáforas preciosas, por certo. Etc., etc.
Ademais
¿non nos di tamén a Biblia que no principio do mundo creou Deus ó home e como
este se aburría fabricoulle unha muller para o seu solaz e distracción? Pois
logo ¿de que nos escandalizamos? A publicación deste libro é consecuente coa
doutrina bíblica. Non acusemos logo a monseñor Martínez, nin á súa editorial.
Por
certo ¿quen diría eso de eppur si muove?
Ningún comentario:
Publicar un comentario