domingo, 10 de novembro de 2013

San Martiño

            
      
San Martín de Tours en Navia de Suarna
      No veranciño do san Martiño, que non sempre cadra co mesmo día do santo, todos os porquiños andan tristes e todos os paisanos felices. Logo virán os días fríos, o mellor tempo para curar as carnes da matanza, os días de recollida a carón de boas cuncas de viño e boas talladas de carne, por iso esta é unha data para celebrar. E por se non nos chegase un santo, no mesmo día temos a dous santos Martiño que festexar, o de Tours e o de Dumio, e se un é importante o outro é interesante, e ó revés.
San Martín de Tours en Suevos
(Arteixo
)
            Advírtenos o refraneiro que “despois do san Martiño deixa a auga e bebe viño”, porque aí está xa o frío, que “de san Martiño para diante non hai demoño que aguante”, e por iso precisamente o Martiño de Tours, cando está entrando na cidade e un mendigo lle pide esmola, el non atopa outra cousa mellor que ofrecerlle un anaco de capa, para que se tape nos vindeiros días invernais.

            Pero o noso de Dumio é outra cousa, porque era bispo e tiña que aconsellar, organizar as parroquias e as dioceses e advertir co seu famoso De correctione rusticorum, ou como corrixir ós rústicos, o famoso escrito no que lle aconsella ós párrocos como actuar diante dos costumes dos seus paisanos, para que deixen de adorar  ó lume, ás fontes, ás pedras e ás árbores. Xa tres ou catrocentos anos antes, o seu homónimo de Tours aconsellou poñer unha cruz naqueles lugares de culto precristián ou erguer capelas en honor dos santos onde antes había templos pagáns.
San Martín de Dumio en Suevos (Arteixo)
            Pero polo que sabemos, os consellos do de Tours non deran o resultado agardado catrocentos anos despois e polo que vemos tampouco os consellos do de Dumio deron resultado mil anos despois, pois que seguimos lavándonos na fonte do santuario, deixando exvotos de agradecemento, pasando polo carrasquiño carrasqueiro que non foi nado nin tampouco transplantado, colocando os ramos de loureiro nas adegas de viño novo, e os de toxo nas portas da casa contra as bruxas, colgando figas, cornos e espiñar contra o malfacendo todo tipo de rituais para casar, mocear, empreñar, nacer con ben e morrer sen dor.
     Somos fillos dunha tradicción que non é doado erradicar.
            En fin, festexemos ó san Martiño, a un ou outro, que aló no ceo, cada un xa saberá para quen é o recado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario