domingo, 9 de febreiro de 2014

OUTRA VEZ MALCOLM LOWRY


Pepe de Rocaforte
 
Ó pé dos volcáns.
Á dereita o Iztaccíhuatl e á esquerda, ó fondo, o Popocatépetl
           Sucédeme cada vez con máis frecuencia de ler un libro e pasados tres meses non lembrar xa nin que o lin. En cambio
, de moitas lecturas da adolescencia, e algunhas da infancia, non só recordo os argumentos, senón tamén, nalgúns casos, parágrafos enteiros de texto.
            Boto de ver nesto a degradación inevitable producida polo paso dos anos, pero hai tamén ou­tras razóns para tales deficiencias na memoria. Algunhas novelas de Hamsun, particularmente “Baixo as estrelas de outono”, “Fame” e “Pan”, linas preto dunha ducia de veces. E outro tanto podo dicir de “O estranxeiro” de Camus. Ou, por aquelo da variedade, das historias do inefable Jeeves de P. G. Wodehouse.
            ¿Como non me vou acordar mellor entón deles que doutros libros despachados hoxe cunha lectura rápida e nunca máis voltos a abrir?
A taberna "El Farolito" en El Parián, Oaxaca
            Un traballo sobre Malcolm Lowry visto nestes días pasados tróuxome á cabeza “Ba­ixo o vol­cán”, novela que lin por primeira vez xa de ben adulto e que, porén, continúame presente na memoria gracias a tela relido varias veces, aínda que debo con­fesar ter sido incapaz de entrar no seu miolo na primeira ocasión e terme custado traballo rematala.
            Posteriormente a lectura dun número da revista “Quimera” dedicado a Lowry e “Baixo o volcán”, fíxome volver sobre o libro e, desta vez, empezarme a sentir posuído polo lirismo alucinado do texto do escritor británico.
            Logo, hai cinco anos, con motivo dunha viaxe por México, despois de estar ó pé do Popocatépetl e do Iztaccíhuatl, sentín a necesidade de volver por terceira vez á novela de Low­ry, daquela xa plenamente interiorizada.
            Neste traballo recén lido Alberto Rebollo conta a súa visita a Oaxaca, o Quauhnáhuac da novela de Lowry, e a busca e encontro en El Parián, unha aldea hoxe deserta con todo o recendo da Comala de Rul­fo, dunha taberna, “El Farolito”, cerrada como todas as casas do lugar.

            Lendo esto acordeime do meu paso por Oaxaca nunhas “Fes­tas da Primavera”. Días antes estivera en Puebla, no Mercado de El Parián, pero do Parián de Oaxaca e de “El Farolito” non tiña entón nin idea. Unha mágoa que me fará ler por cuarta vez o delirante des­censo ós infernos dun home alcolizado nunha cidade ó pe dos volcáns nun día de Defuntos dos anos trinta do pasado século XX

1 comentario:

  1. Recordo a primeira e única vez que lin "Baixo o volcán". Era moi novo e moitos estabamos a descubrir as grandes obras da literatura universal, que liamos coa paixón propia de toda viaxe iniciática, neste caso a través das palabras. Foi a única vez, pois foi tan forte o impacto que me causou a novela, a dor que había nese lirismo emocionado co que o autor narra o proceso autodestrutivo do protagonista, que non fun quen de seguir lendo e só puiden rematar a novela cos ollos pechados. Esta vez si que non era un tópico iso de "baixada aos infernos". Quizais non estaba preparado para ese descenso. Non fun quen de aturar tanto mezcal e tanto ardor. Non tiven valor para acompañar o cónsul no seu desamparo, no seu extravio, ata a mesma boca do inferno. Eu mesmo sentín a súa propia vertixe. Mais, non hei esquecer esa viaxe.

    ResponderEliminar