martes, 24 de decembro de 2013

O Belén


O primeiro Belén, Pesebre ou Nacemento que se montou foi unha iniciativa de san Francisco de Asís, onde só aparecían as figuras do portal ou cova onde naceu Xesús: san Xosé, a Virxe, o Neno, a mula e o boi. Logo fóronse engadindo máis elementos, como a estrela, o anxo, os pastores, o castelo de Herodes, os Reis Magos e os representantes de cada oficio, así como esa figura catalá dos caguetas, cagón ou caganet, que representa máis ca unha figura escatolóxica  un símbolo da fertilidade dos campos, polo abono que a súa función aporta.

O Belén, que naceu como unha representación relixiosa, non tardou en encherse de elementos simbólicos, á fin, nel represéntase o que o evanxelista Xoán definiu como o nacemento da luz do mundo, e polo tanto, alí, arredor da máis humilde das mesas que é unha manxadoira de animais, onde repousa o principal elemento desta representación, o Neno nacido nunha noite fría e escura, vencendo polo tanto á morte que aqueles evocan, rodéase dunha mula e un boi, dous animais que non poden ter descendencia, a mula por estéril e o boi por castrado, e con eles uns pais que non interviñeron na concepción do neno que acaba de nacer, por un lado un vello e polo outro unha nena que ademais é virxe. Só Deus pode crear vida entre este conxunto de elementos estériles, e daí o grande milagre da noite de Nadal.

UM APELIDO. UM NOME.


                                               Por UM-DO-CHAO.
CASTRO/DE CASTRO.

O apelido.
Pertence aos apelidos que nós chamamos topográficos, finalmente incorporados aos
Eugenio Díaz Castro

toponímicos: som aqueles que, tendo se aplicado a núcleos de povoaçom, inicialmente denominárom acidentes geográficos (rios, outeiros), ou mesmo construçons humanas (pontes, torres, casas, paços, castelos, castros… nom sendo estes últimos outra cousa que pré-históricas cidades-fortalezas construidas nos outeiros).
Palavra latina coa sua derivaçom adjectival castrense, indicando realidade defensiva, militar (castrum… que tamém déu os diminutivos castrelo/castelo, topónimos e apelidos ambos)… pervive, amém de na nossa língua, no espanhol (dando-se, amais, na Itália, onde tanto nome colonial castelhano perdura). Por tal, o apelido que daquela nasce permite ser considerado de quaisquer dessas áreas lingüísticas.
Américo Castro
Ora bem, dada a profussom do topónimo na nossa terra, que nom tem mais razom que a multitude de castros que houvo nela, é um feito que a maioria das famílias Castro que en el mundo han sido… e som tenhem origem na Galiza. O que nom obsta para que os Castro castelhanos reputem a Castrogeriz como o berço do seu apelativo… sem esquecermos o  Castro-Urdiales cántabro.
Muito outro é o caso de Castropol… na Astúrias galaica… onde tamém se dam os castrilhons (diminutivo - reforçado por aparente aumentativo- de castro, cos apelidos Castrillo (muito leonês) e o próprio Castrillón)… como os Castrelos mais nossos ou os derivados Castromán/mao ou Castromil (que som topónimos e apelidos absolutamente  galegos), assi como o composto Bermúdez de Castro de longínqua procedência (nom temos visto, contodo, que o topónimo Castrobó desse em apelido).
Comum a todos os toponímicos, o ante-apelido (preposiçom DE e contracçons DO, DA, DOS, DAS) quase sempre desbotado, foi freqüentemente conservado neste suposto (De Castro)… sem que necesariamente conleve categorizaçom social (fidalga, para entendermo-nos).

As personagens.
Juan José Castro
            Fora a nossa Rosalia (à cabeça dos numerosos  Castro galegos), ou um alheio… mas ainda vivo (Fidel), aí vam alguns estrangeiros deste apelido:
1 Eugenio Díaz CASTRO (1803-1865), colombiano, escritor costumbrista (Manuela).
2 José Mª CASTRO (1818-1882), costarricense, presidente liberal, Fundador da República.
3 Cipriano de CASTRO (1858-1924), venezolano, presidente nacionalista morto no exílio.
4 Américo CASTRO (1885-1972), espanhol nado no Brasil e famoso historiador.

5 Juan José CASTRO (1895-1968), argentino, figura fundamental da música do século XX (seu pai de Neda).

domingo, 22 de decembro de 2013

Mitra


            Mitra era unha divindade de orixe persa que os romanos introduciron como propio por mor da forte carga simbólica que o rodea. Fora adoptado polos frisos e daí pasa a Roma, no ano 67 a.C., adquirindo virtudes de mediador entre o ben e o mal, protector da vexetación e salvador dos homes.
            A lenda de Mitra dinos que o seu natal foi precisamente na data do solsticio, xusto a noite máis longa do ano e a partir da que, sendo el un deus solar, os días van medrar. Tamén se di que naceu dunha pedra que estaba a carón dunha fonte e dunha árbore sagrada, e ó nacer, bebeu do manancial sagrado, comeu da froita da árbore e vestiuse coas súas follas; e asemade, nese mesmo día recibiu homenaxe de todas as xentes incluíndo a uns pastores que o viron nacer, e tal foi a alegría no ceo e na terra que ata o sol se uniu á celebración.
            Tras as marabillas que se narran encol do seu nacemento, Mitra foi considerado como o creador da luz, a pesar de que os rituais de celebración desta divindade acostumaban a ser en lugares lúgubres, en covas principalmente e criptas onde se realiza unha especie de purificación que remata cunha comida ritual a base de pan e viño.
            Cóntase que Mitra, andando polos campos próximos á súa cova, encontrou o “touro primordial” que conseguiu dominar, e con iso está dominando simbolicamente ó sol pois este animal era na cultura exipcia e do Oriente próximo, un deus solar asociado a Nun, portador da vitalidade e da fertilidade. E de feito, segundo nos  conta a mitoloxía, despois de sacrificalo, do seu sangue naceron as primeiras plantas e animais.


            É pois, Mitra, un deus creador, pero tamén un deus de xustiza, representante do ben absoluto, arredor de cuxa figura se organizaba un culto mistérico que tiña entre os soldados ós principais adeptos, e no que se exhortaban os valores da amizade, a fidelidade, a pureza de actuación e a carraxe contra os inimigos (propia dos soldados), un culto que tivo forte vixencia entre os séculos I e IV da nosa era, ata que Teodosio o ilegalizou no ano 391. 

Xa van medrando os días



           Xa chegou o solsticio,  e a partir deste intre o sol vai durar máis tempo no ceo. Medran os días, segundo sabemos, polo que os científicos, xeógrafos, físicos ou astrónomos nos contan, porque o eixo da terra móvese de maneira que os raios do sol inciden cada día máis perpendicularmente sobre o hemisferio norte. Pero nesta páxina, o que nos interesa é saber como se interpretaba isto no mundo clásico, cando había que lle explicar ós paisanos por que a partir desta data os días eran cada vez un pouquichiño máis longos.

            Os gregos, como xa temos comentado neste caderno, o pasado día once botábanlle uns cabalos ó mar para galano de Poseidón, e el, por razóns de amizade, cedíallos a Apolo, para que xunguíndoos ó seu carro remudase ós cabalos cansados de todo un ano percorrendo a bóveda celeste e lle puxese estes novos; así que, desde este día, en que uns cabalos máis frescos eran xunguidos ó carro solar, cada día ían subindo máis alto no firmamento, e polo tanto o día durará máis.

venres, 20 de decembro de 2013

Árbore de Nadal

A árbore de Nadal é unha árbore de luz e fartura, un conxunto simbólico que se popularizou en Europa a partir do século XIX, aínda que a súa orixe se remonta a épocas precristiáns, cando durante o solsticio de inverno, nos países nórdicos festexaban a Frey, divindade da fertilidade e polo tanto asociado ó sol, por iso se adorna con luces, froitos e debe ser de folla perenne, para representar a permanencia da vida. Daí o uso de pinos e abetos que ademais abundan en folla verde e tupida.
            O cristianismo, segundo parece por medio de san Bonifacio, que andou polas terras da actual Alemaña entre os séculos VII e VIII, adaptouno á simboloxía cristiá, colgando das súas ramas unhas mazás que simbolizaban o pecado orixinal e unhas luces para indicar a luz da verdade. Logo fóronse engadindo outros elementos como anxos, figuriñas de Papá Noel, as mazás converteronse en simples bólas, engadíronse fitas de cor e anacos de algodón para simbolizar a neve.
            De todas formas, a árbore de Nadal non chegou a Inglaterra ata principios do século XIX, e en España instalouse o primeiro no 1870 da man dunha nobre de orixe ruso.

mércores, 18 de decembro de 2013

LOTERÍA


Por Pepe de Rocaforte
            Como se vivísemos nun eterno retorno, aquí temos, un ano máis, a Lotería de Nadal.
            Unha das moitas cousas que me chaman a atención neste país tan reacio ó pago de impostos é ver o fervor con que aportamos a nosa non pequena contribución ás arcas do estado co negocio da lotería, especialmente nestas datas.
            Podemos clamar ó ceu cando na declaración da renda nos corresponde contribuír con máis do 25% dos nosos salarios. En cambio pagamos sen rechistar o 30% cando adquirimos un décimo en calquera administración de loterías. Porque, por se non o sabiamos, o importe destinado a premios en cada sorteo é tan só o 70% do recadado. E non nos queixemos: nas quinielas ou na lotería primitiva a aportación ó fisco é do 45%, sendo destinado a premios unica­mente o 55%.
            E por se era pouco, como a quen non quere caldo, sete cuncas. Este ano os agraciados cun premio de máis de 2.500 euros, deberán devolver á Facenda o 20% do importe recibido. Unha dobre tributación da cal ninguén se queixa.

            Non son inimigo da recadación de tributos polo Estado. Deberíame queixar, así e todo, da inxusta distribución de cargas contributivas cando os ingresos por traballo persoal son o 80% da recadación, mentres os grandes capitais e as grandes empresas só aportan o 20% restante.
            E dóeme aínda máis ver como co diñeiro dos contribuíntes se están “forrando” unha man­chea de políticos corruptos e grandes empresas que se levan con malas artes nas licita­cións as contratas das máis costosas obras públicas no país.

            Pero como parece que pedir a abstención non procede, deséxovos sorte coa lotería e, de non ser así, xa sabedes: o importante é ter saúde. Ou polo menos é o que se di nestes casos.

martes, 17 de decembro de 2013

As saturnais

                  
Sabemos que o noso Nadal herdou de distintos mitos precristiáns as simboloxías da luz e da esperanza, da fartura e da unidade familiar e veciñal, tanto así que, como preparación para estas, ata para celebrar o momento no que os sete outeiros de Roma quedan unidos por unha única muralla que os rodea, a mediados de mes os romanos celebraban o Septimontium. Festa de comunidade e veciñanza
Pero tal vez unha das celebracións máis significativas deste momento do ano, eran as Saturnais, unhas festas que se celebraban en honor de Saturno, o deus que lles ensinou ós romanos a cultivar as terras, e por iso eles o tiñan atado cunha fita para que non escapase e deixase sen protección os campos de cultivo, e só o desataban en chegando os seus días de celebración.

Como preparación para as Saturnais, empezábase co festexo a Conso, o protector dos silos, e logo o día 19 (sempre adaptado as datas aproximadamente ó calendario actual) era o día de Ops Rea, a esposa de Saturno, deusa da abundancia.

            As Saturnais eran pois, xa con estes preámbulos, festas de alegría e desenfreo, que co tempo acabaron por ser unhas festas orxiásticas, durante as que se lembraba os tempos de esplendor, chamado a Ausonia ou idade de ouro, cando segundo as lendas deuses e homes vivían en harmonía, e podían deixar as portas das casas abertas que ninguén ousaba facer ningún mal. Eran unhas festas nas que estaban permitidas as bromas, as inocentadas, facíanse xogos de sorte, facían banquetes, estaba permitido pasarse na comida e na bebida e mandábanse felicitacións con bos desexos, porque a partir destas datas comezaba un novo tempo agrícola, pero tamén un novo ano; e cara o fin do mes saían unhas máscaras polas rúas. Máscaras que eran moi comúns en outras festividades da época, como aquí saen no Nadal, no Corpus ou na Semana Santa, que nada teñen que ver coas que saen no Antroido e no Carnaval, cada unha co seu ritual parateatral representando vicios, virtudes ou personaxes relacionados coas crenzas populares.

domingo, 15 de decembro de 2013

Conso, o protector dos silos


Para esconxurar todos os males do inverno, precisamente agora que se aproxima o día máis curto do ano, os romanos, de quen aprendemos a celebrar, festexar e ata a rezar, tiñan o seu particular  circuíto de festexos agrícolas nestes quince últimos días do ano, onde os deuses protectores dos campos van ser venerados, e que comezaban o día quince (sempre datas adaptadas ó actual calendario) honrando a Conso, o protector dos silos, cun acto cheo de simbolismo, pois os devotos ían ó Circo Máximo e alí desenterraban para facer as súas ofrendas, un altar que permanecía enterrado o resto do ano, como imaxe da semente que permanece baixo a terra a logo florece, invocando así a súa protección para os productos que aínda se gardan nos celeiros.

No seu día tamén facían festa todos os animais domésticos, que quedaban exentos de calquera tipo de traballo, competían en carreiras e probas de tiro e eran engalanados con coroas de flores.

venres, 13 de decembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                                  Por UM-DO-CHAO.
LEMOS/LEMUS.

Antonio Flores de Lemus
O apelido.

Topónimo prelatino, derivaria da tribo céltica dos lémavos povoadores da Terra de Lemos, da que é cabeça Monforte, capital dos condes de Lemos, aqueles famosos Fernández de Castro, aos que pertencéu Inês de Castro, a raínha depois de morta de Portugal, mas tamém o sétimo conde, Pedro Fernández de Castro e Andrade, desde a sua residência madrilenha, mecenas, entre outros, de Cervantes.
Como dito Andrade/Andrada, este apelido tamém adoptou a forma dupla do epígrafe, o qual é doado de entender dada, como naqueloutro caso, a acentuaçom grave que deixa escurecida a pronúncia da última sílaba. (Escaso na Terra, pois vemos se dá quase exclussivamente na zona Mugia-Vimianço-Camarinhas, atopamos, desde antigo, a forma Lemus, maiormente nas Américas).
Gostamos de fazer a contraposiçom Lemos-Melo, senlhos topónimos exclusivos de Galiza e Portugal, para exemplificarmos como esses apelidos, com origem nesses respectivos núcleos de povoaçom, ao revês do que a maior parte dos apelativos doutra origem que som comuns aos dous países, si som diferentes em cada área… pois Lemos nom hai da outra banda e nós nom temos aldeia algumha Melo –que na antiga ortografia lusa escreviam Mello, como Vianna ou Netto, sobrevivendo com tal feitio no Brasil-… ao jeito do que acontece com apelidos toponímicos espanhois tales Santander ou Cáceres, cada um exclusivo da Cantábria e da Estremadura… mas ninguém pondo em dúvida a sua pertença á comum língua espanhola.

As personagens.

Carlos Lemos
1 Antonio Flores de LEMUS (1876-1941), de Xaém, economista e político de tendência positivista e antiliberal, que actuou tanto com Primo de Rivera como coa II República.

2 Carlos (García) LEMOS (1909-1988) e sua irmá Lola Lemos (Dolores García LEMOS, 1913-2009), bem conhecidos actores espanhois, nados aquel em Ciudad Real, esta na província de Saragossa.

3 José María LEMUS (1911-1993), militar e político, presidente que foi de El Salvador, derrocado (1960) antes de finalizar o seu mandato, por ter actuado progressistamente,  morrendo no exílio, tendo alcançado grande prestígio internacional.


4 Carlos LEMOS Simmonds (1933-2003), avogado, escritor e diplomata, brevíssimo presidente de Colômbia.

xoves, 12 de decembro de 2013

O agonio do sol e os ollos de santa Lucia.


O sol cada día dura menos sobre o firmamento, semella que chegará o intre no que desapareza e iso non o quere ninguén, polo que os gregos celebraban estas datas con todo tipo de invocacións ó astro rei, que axiña herdaron os romanos co nome de Agonio do sol indixente. E en tal celebración (sobre o once de decembro), os devotos arroxaban unha xugada de cabalos ó mar como galano a Poseidón, pero este, apiadado dos problemas dos fieis que vían como o sol cada día ía máis baixo, decide cederllos a Apolo co fin de que renove ós do carro en que transporta o sol pola bóveda celeste.
Cando chega o cristianismo ás terras do imperio, tratando a todos os deuses do Olimpo e arredores de impíos, endemoñados, mentireiros e corruptos, amosa ós crentes romanos a unha santa moi guapa, moi lista e moi atrevida á hora de expoñer as verdades da súa fe, negándose a casar cun mozo da nobreza que, segundo ela, só ía detrás da súa fortuna, co que, antes de rexeitalo repartiuna entre os pobres.
Tal actitude non lle gustou ó prometido, quen a denunciou por tola, e entón foi arrestada, torturada e martirizada para que deixase de xustificar a súa actitude proclamando a súa fe en Cristo, e cando os verdugos lle sacaron os ollos que ela porta nunha bandexa, proclamou que agora vía mellor ca antes porque vía coa luz da fe, sen que nada mundano distraese a súa mirada. E aínda que, cientificamente está demostrado que se engana o refrán cando proclama “Por santa Lucía morre a noite e medra o día”, seguimos proclamando tal sentencia para indicar que axiña, a luz vencerá ás tebras. A relixión refírese ó próximo nacemento do Fillo de Deus, e os paisanos teñen presente o solsticio, ese punto de inflexión a partir do que os días lle irán gañando segundos á noite.

E fixámonos nesta imaxe de Padrón, onde a santa gardando fidelidade á narración haxiográfica amósase como unha dama fidalga galega, tanto na riqueza da vestimenta como nos adornos de xoiería. Viste a santa o mantón vermello das mártires e porta a palma do martirio xunto co prato onde repousan os seus ollos. O vestido é branco pola pureza da súa condición de muller virxe e adórnase como unha paisana do país cun medallón ó pescozo e os brincos das orellas.

mércores, 11 de decembro de 2013

A Pisa da castaña



            Quéixanse no Courel de que xa só se aproveita o dez por cento de toda a producción de castaña, cando antes era a dieta diaria de persoas e animais, para os da casa e para vender.
            Se hoxe en día se lle pregunta ós rapaces (e non tan rapaces) polas castañas, poucos nos dirán algo máis ca que se toman asadas, e aparte dos magostos, incluso moitos maiores esqueceron que se cocían con auga e unhas ramiñas de anises, que se cocían en leite, que se remollaban en mel para tomar de sobremesa ou de simple lambetada, que se cocían no caldo, acompañaban o cocido e ata o bacallao, e sobre todo, que as castañas colleitadas no outono conservábanse durante todo o ano para todos estes mesteres e algún máis. E se facemos memoria aínda lembramos nas tendas dos pobos o saco de castañas curadas, que se vendían por quilo, duras e peladas, para algunha exquisitez culinaria que se perdeu coa memoria de nosas avoas.

            E é que unha das formas de conservación pasaba por afumalas nos sequeiros, para que a pel e a cáscara se soltase máis doadamente, logo, estas castañas secas, envolvíanse en trapos e golpeábanse contra un tallo ata que soltasen toda a casca deixando a castaña limpa e lista para gardar e consumir. Esa é a Pisa da castaña, un labor que os novos tempos converteron en festa, para amosarlle a propios e forasteiros o que noutro tempo era común e necesario para asegurar a fartura de cada casa.

               Agradecémoslle a Juan Carlos Brenlla que nos cedese as fotos para este artigo.

COA MÚSICA Á OUTRA PARTE


Por Pepe de Rocaforte
            O meu contacto coa boa música empezouse a producir tarde, mal e arrastro.
          Recordo de neno, cando ía á festa da aldea, asistir ó concerto das bandas de música despois da misa grande. O repertorio tiña un pouco de todo, e na parte central sempre se ofrecía a interpretación de “El sitio de Zaragoza”. Os petrucios atendían serios, con arrandeos aprobadores de cabeza, cando soaban aquelas trompetas e aqueles tambores que case che facían ver os heroicos move­mentos de tropas sitiadoras e sitiadas.
            Logo, na radio, tamén escoitaría outras pezas de altura, a “Danza Ritual del fuego”, do “Amor Brujo”, “En un mercado persa”, ou o Intermedio de “La leyenda del beso”. Así puiden saber da existencia dunha música máis “culta” e saber que había outras cousas á parte de “A saia de Carolina”, “La Conga”, ou o “Cocidito madrileño”.
            Moito tempo máis tarde, escoitando despois de xantar un programa co título de “Clásicos Populares” en Radio Nacional, puiden oír por primeira vez as explicacións e as invitacións a escoitar a chamada música clásica. Dirixía aquel programa un tal Fernando Argenta e da súa man empezaron a chegar ós meus oídos as “Fugas” e os “Oratorios” de Bach, as poderosas sinfonías de Beethoven, ou a alegría ingrávida da música de Mozart.
            Sen nunca falar con el nin telo visto nunca diante, Fernando Argenta empezouse a converter nun dos meus mellores amigos. ¡Canto aprendín e canto disfrutei cos seus programas!
            Agora chégame a noticia da súa morte. Disque marchou coa música á outra parte de onde non se volve. Pero non, el sigue aquí, na miña cabeza, e se xa non está no mundo dos vivos, deixa con nós a música con que tantas veces me fixo feliz.

            Moitas gracias, Fernando, e que a Eternidade che sexa leve.

luns, 9 de decembro de 2013

A Durmiñona

    
Por  Pura Tejelo

                                A Durmiñona nace como unha recreación da escultura que figura no cabezal da fonte sita no fermoso enclave do mosteiro das Ermidas, en Terras do Bolo. Mais, a Durmiñona existe (o poema) porque hai un soño en Galicia non realizado.   

 
                   Terras do Bolo.                Acuarela de Marisa Rodríguez


Estancouse o tempo nos ollos pechos da Durmiñona.
Un tempo fuxido polo cano de auga traslúcida
parouse na túa faciana nova,
no ancorar dun sono senlleiro.
Que  coloración terá o teu ollar baixo?.
Serán doas ameladas,
bicar das oliveiras,
augación do río Bibei que relouca aos teus pés?.

Hai un lentor solaz,
unha forte sombra de catro e media
no morar refrescante da fonte
que verque fíos de son
pola boca en billa de monstro en vixía.

Que preguiza, sequeira ou enfeitizo,
que ausencia fixo deitar ,
galana, o teu corpo entesado?.
Ningún vento remuiñador bate as túas saias,
cóbado fráxil no bico da ola,
man fina na meixela soñadora.
Non hai sentir  que encha o teu cántaro.
Acaso acordes no canto do segrel namorado
que probe  o grolo desexado
na mesma boca da besta.

Namorouse de ti un deus
que fai que durmas
para conservar intacta a túa beleza ?
Que sabia voltarás
zugando os pensamentos dos que te bebimos!.

Bela Durmiñona
non hai morte
hai espera.

Non confíes o segredo á auga.
Dúrmenos, compañeiros do teu sono,
fada, ninfa, dama.

Baixo a cúpula cega de estrelas
tórname contigo, Durmiñona,
para ser testigo do teu espertar.    

Os sequeiros


Hoxe abandonados e cubertos de vexetación, son estes unhas construccións tradicionais naqueles lugares onde abundan os soutos e onde a castaña formaba parte principal da dieta, onde eran afumadas para apurar o proceso de secado.

Os sequeiros son unhas edificacións de dúas plantas, que tanto poden estar cerca da vivenda como no mesmo souto, e neste da foto, propio das terras da ribeira do Sil, hai dúas entradas, aproveitando o mesmo terreo. No piso alto, onde as castañas son esparexidas, o chan é de madeira, coa particularidade de que cada listón é de perfil triangular con un dos vértices cara abaixo e non se une un ó outro, senón que deixa entre eles unha pequena físgoa para facilitar o secado. Mentres que o piso baixo é de chan térreo, onde se queiman toxos, uces e outros arbustos co fin de que o fume suba a través das físgoas do sollado para acelerar o secado das castañas, que van ser parte dos principais pratos cociñados, e incluso, o galano preferido do Apalpador.

domingo, 8 de decembro de 2013

A Inmaculada

        
   Desde o concilio de Efeso, celebrado en tempos do papa Celestino I, no ano 431, xa se tiña definida a maternidade da Virxe e a condición divina da mesma, para remarcar que Cristo era Deus e ela nacera libre de todo pecado, e por iso se representa pisándolle a cabeza á serpe que tentou a Eva ofrecéndolle unha mazá.

Mais, a pesar diso, a Inmaculada Concepción é un dos dogmas máis modernos da Igrexa, pois foi declarado, como tal, o 8 de decembro de 1854, por medio da bula Ineffabilis Deus do papa Pío IX, dándolle así carta de legalidade (entre os crentes) a aquilo que xa se tiña por verdade absoluta desde os primeiros anos da cristiandade, que a Virxe naceu libre do pecado orixinal, e para corroboralo, o papa coroou a imaxe de Nosa Señora cunha coroa de ouro.
E como tal nai divina, tamén chamada a Nosa Señora da O, represéntase algunhas veces embarazada ou con algo de barriguiña, vestida de azul celeste e co branco da pureza, ás veces tamén cun sol á altura do ventre, coas mans xuntas en actitude de obediencia, agardando o momento de dar á luz. E esta data do 8 de decembro tamén foi sempre a data do día das nais, unha celebración que as imposicións comerciais trasladaron a maio, para non xuntalas cos gastos do Nadal e dos días dos nenos.

A data para esta celebración estaba moi ben buscada, pois estamos ás portas de celebrar o nacemento do fillo de Deus, pero tamén serve para borrar a lembranza daquela Bona Dea que festexaban os romanos nestes días.

xoves, 5 de decembro de 2013

O “TAPEO” ¿TAMÉN É CULTURA?


Por Pepe de Rocaforte

            Nestes tempos non debería ser noticia a desaparición dunha cervexería, aínda tratándose dunha das máis populares da Coruña, coñecida mesmo fóra do ámbito galego polas súas tapas de tortilla, carne asada, chourizo, etc. e pola particularidade de ter máis clientes tomando de pé a súa consumición no exterior do local que dentro del. Refírome a “La Bombilla”
            A Coruña non é unha cidade onde os bares sexan especialmente xenerosos á hora de incluír sen incremento do prezo uns pinchos coa bebida solicitada polo consumidor (tampouco este é o caso da “Bombilla”, todo hai que dicilo) e xa nos gustaría que se estendese na cidade o exemplo dos filantrópicos bares santiagueses, onde é raro o que non sirve automaticamente variedade de pinchos sen incremento no prezo da bebida solicitada.

            Pero de calquera xeito, a desaparición, ou no mellor dos casos o previsto cambio de titulares, da “Bom­billa” a partir de primeiro do ano próximo, non deixa de ser unha mágoa e sería desexable que o servicio actualmente ó seu frente procedese á apertura dun novo local, como parece ser a súa idea.
            Como precedente temos o caso da desaparición do “Otero”, compensada no seu día pola apertura nas súas proximidades do “Real”, onde un dos antigos socios continúa ofrecendo as saborosas tapas de calamares que lle deran sona ó anterior.
            Esperemos que co actual persoal da “Bom­billa” suceda outro tanto, sempre que atopen un local próximo e axeitado, onde os propietarios non se “suban á parra” a hora de sinalar o aluguer e os consumidores poidamos seguir disfrutando das súas saborosas e abundantes tapas. Porque o “tapeo” tamén é cultura.

            Ou polo menos así mo parece a min.

mércores, 4 de decembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.

                                                                


Chronométrie de Jules Andrade
          Por UM-DO-CHAO.

ANDRADE/ANDRADA.

O apelido.

       Apelido toponímico absolutamente nosso, como que tal topónimo está situado no concelho de Pontedeume (feudo tradicional dos condes de Andrade, ver apelidos Freire e Pardo), é pasmoso o que polo mundo adiante se deseminou. E tem a variante, mais portuguesa, ANDRADA (aí está o pai da independência brasileira, JOSÉ BONIFÁCIO, a secas, que se chamava J. B. Ribeiro de ANDRADA e Silva de seu nome completo).
Em quanto Eligio Rivas o fai derivar de Andraldus, Méndez Ferrín sugire um original Andreatus, em ambos os casos de procedência germánica (sueva)… e um nom pode evitar recuá-lo até o grego Andréas (home) que está na raíz de palavras como andrógino ou poliandria.

As personagens.

Futbolista Andrade
1 Olegario Víctor ANDRADE (1839-1882). Argentino nado circunstancialmente no Brasil, poeta tradicionalista muito popular nos países do Prata.

2 Ignacio ANDRADE (1839-1925). Venezolano. Militar e político foi presidente da República no breve período 1898-1899.

3 Jules ANDRADE (1857-1933). Francês. Matemático e posteriormente cronometrólogo e relogiólogo, professor universitário na Bretanha (Rennes), de onde foi removido por ter encabeçado um movimento em defensa do condenado (e finalmente absolvido) Dreyfus, affaire político-judicial que comovéu a opiniom francesa durante quase umha década.

Jorge Carrera Andrade
4 José Leandro ANDRADE (1898-1957). Uruguaiano, verdadeira lenda do fútebol mundial desde a década do 920, que os franceses alcumarom La merveille noire… morrendo na miséria; seguindo os seus passos o sobrinho Víctor Rodríguez ANDRADE (1927-1985), campeom de Maracaná. Queremos salientar como os apelidos galegos mesmo podem ser portados por gentes doutras étnias, tal o caso destes dous pretos… e é que os seus ascendentes seriam escravos dalgum Andrade (ao lhes darem o apelido, os donos estavam marcando a propriedade desses objectos ou mercadorias).

5 Jorge Carrera ANDRADE (1903-1978). Equatoriano. Poeta e ensaísta considerado o mais importante do século no seu país, trascendendo a Hispanoamérica toda.


martes, 3 de decembro de 2013

O sol nas montañas


        
Sempre se pide aquilo que escasea, porque o que abunda xa o temos, e nos Ancares, onde os invernos son máis duros ca noutros sitios, o sol é un ben desexado, e simbolicamente representado para invocar os seus benévolos raios, por iso nos fixamos hoxe nesta rosácea e tetrasquel que adornan e protexen simbolicamente algunhas propiedades da bisbarra.
            Tense escrito moito sobre a simboloxía real das rosáceas, como símbolo cósmico, tal vez un dos símbolos máis repetidos no noso país, interpretado como unha representación da grandeza do universo, que desde un só punto, repetindo unha e outra vez a mesma forma circular en distintas direccións pode estenderse ata o infinito, outras veces, cando se representa nun edificio relixioso (no románico sobretodo), interprétase como a figura de Cristo como centro do universo e todo o abranguido por El, ata esta máis indicada para este caso en concreto, como representación do sol estendendo os seus raios para chegar a todos os puntos. Como queira que sexa, das rosáceas habemos de falar moitas veces nas distintas ocasións en que se representa.
            Atopamos pois esta singular incrustación dunha rosácea nun hórreo de Navia de Suarna, e tamén en Navia esa outra rosácea que alguén puxo nunha porta, e por iso nesta ocasión, a asociamos ó sol, tras ver, preto destas esoutra gravación nas madeiras dun piorno do Piornedo, onde sobre un tetrasquel, aparece un sol con rostro humano pero triste, unha clara invocación a un ser solemne, polo de serio, pero tan necesario que aí está, formando parte do hórreo, invocando a súa luz e calor.


luns, 2 de decembro de 2013

A Bona Dea ou a Boa Deusa.


            Hai dúas versións sobre a identidade desta Boa Deusa ou Bona Dea, exemplo de pureza e submisión a quen os romanos festexaban durante a primeira semana do mes de decembro.
            Segundo din algúns mitólogos, a Bona Dea era a esposa de Fauno, o deus protector dos bosques, aquel que ten pezuños de cabrón, falo erecto e orellas en punta, cuxa imaxe foi tomada para representar ó demoño dos cristiáns. E se el era un pouco petellón coas ninfas e doncelas que atopaba, ela era unha esposa mesurada, cauta e ata casta, cousa que nunha esposa non queda aló moi ben. Sen embargo, debía ser do agrado do marido, pois mentres ela ficaba na casa el podía refocilar polos campos.
            Máis sucedeu un día que á boa muller deulle por probar un pouco de viño e fóiselle a boca nel, de tal maneira que cando o esposo chegou á casa atopouna contenta de máis. E como tan inesperada actitude en muller tan moderada o colleu de sorpresa, cunha vara de mirto golpeouna ata causarlle a morte.

            A outra versión di que ela era unha filla de Fauno, con quen el quería fornicar, e por iso a emborrachou con viño, máis, como a pesar diso ela non cedeu ás intencións do deus, este golpeouna cunha vara de mirto ata que os dous se metamorfosearon en serpes, e desde entón o mirto foi considerado símbolo do amor erótico, e por iso o portan Venus e Afrodita.

domingo, 1 de decembro de 2013

Polo Nadal frío cordial.

Luz e cruces
  
Cruz dun hórreo bergantiñán
          Decembro é un mes frío, ventoso e escuro, pero asemade, sempre foi considerado un mes de renacenza e de esperanza. É o mes dos días máis curtos de todo o ano, pero tamén cando empezan a medrar, e por iso, se os exipcios festexaban a Nun, o protector das terras do Nilo, que tomaba a forma dun touro que porta o sol entre os cornos, na nosa cultura europea celebramos o nacemento de Cristo, como os romanos celebraban o nacemento de Mitra, ambos chamados a luz da vida polos seus seguidores, pois ambos nacen en pleno solsticio, cando o día lle gana horas á noite, ambos nacen nunha escura e fría cova, e asemade ambos son adorados polos máis altos astros do ceo e polos máis pobres pastores.
Hórreo de Oroso
            O refraneiro advirte que Polo Nadal cada ovella ó seu curral, pero tamén que Cando o Nadal nada sinal de boa anada. Son advertencias doadas de entender.
Cruz antropomorfa nun hórreo de Rañobre, Arteixo
            Pero por volver a esas reflexións sobre a duración do día e a importancia do sol, tanto no anímico como no metereolóxico, no relixioso como no traballo de cada día, fixámonos na simboloxía que vemos nos hórreos, onde as crenzas populares conviven en igualdade, e atopamos as cruces tantas veces revestidas con elementos precristiáns, tal ese círculo que en tantas ocasións aparece no cruce dos brazos, como representación clara dun sol, tantas veces incluíndo incluso os raios do astro, como nesa cruz dun hórreo bergantiñán, pero outras veces, cando a poética do canteiro busca máis elaboradas formas de expresión, fura o cruce dos brazos, para deixar pasar a raxeira solar, tal neste hórreo de Oroso, onde se representa o postulado evanxélico de que Cristo é a luz da vida, e onde, pola orientación, deixa pasar os raios do atardecer; ou ese outro de Arteixo, onde vemos a lúa a través do oco da cruz. Neste caso unha icona con figura antropomorfa.

            Como queira que sexa, son invocacións á luz que este mes en concreto, vai cobrar protagonismo a partir do mesmo solsticio, para o que os fastos e os festexos xa nos van preparando desde o primeiro día do mes.