Sabemos que o noso Nadal herdou de
distintos mitos precristiáns as simboloxías da luz e da esperanza, da fartura e
da unidade familiar e veciñal, tanto así que, como preparación para estas, ata
para celebrar o momento no que os sete outeiros de Roma quedan unidos por unha única
muralla que os rodea, a mediados de mes os romanos celebraban o Septimontium. Festa de comunidade e veciñanza
Pero tal vez unha das celebracións máis
significativas deste momento do ano, eran as Saturnais, unhas festas que se celebraban en honor de Saturno, o
deus que lles ensinou ós romanos a cultivar as terras, e por iso eles o tiñan
atado cunha fita para que non escapase e deixase sen protección os campos de
cultivo, e só o desataban en chegando os seus días de celebración.
Como preparación para as Saturnais, empezábase co festexo a Conso, o protector dos silos, e logo o día 19 (sempre adaptado as datas aproximadamente ó calendario actual) era o día de Ops Rea, a esposa de Saturno, deusa da
abundancia.
As Saturnais eran pois, xa con estes preámbulos, festas de alegría e
desenfreo, que co tempo acabaron por ser unhas festas orxiásticas, durante as
que se lembraba os tempos de esplendor, chamado a Ausonia ou idade de ouro,
cando segundo as lendas deuses e homes vivían en harmonía, e podían deixar as
portas das casas abertas que ninguén ousaba facer ningún mal. Eran unhas festas
nas que estaban permitidas as bromas, as inocentadas, facíanse xogos de sorte,
facían banquetes, estaba permitido pasarse na comida e na bebida e mandábanse
felicitacións con bos desexos, porque a partir destas datas comezaba un novo
tempo agrícola, pero tamén un novo ano; e cara o fin do mes saían unhas
máscaras polas rúas. Máscaras que eran moi comúns en outras festividades da
época, como aquí saen no Nadal, no Corpus ou na Semana Santa, que nada teñen que
ver coas que saen no Antroido e no Carnaval, cada unha co seu ritual
parateatral representando vicios, virtudes ou personaxes relacionados coas
crenzas populares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario