martes, 24 de decembro de 2013

O Belén


O primeiro Belén, Pesebre ou Nacemento que se montou foi unha iniciativa de san Francisco de Asís, onde só aparecían as figuras do portal ou cova onde naceu Xesús: san Xosé, a Virxe, o Neno, a mula e o boi. Logo fóronse engadindo máis elementos, como a estrela, o anxo, os pastores, o castelo de Herodes, os Reis Magos e os representantes de cada oficio, así como esa figura catalá dos caguetas, cagón ou caganet, que representa máis ca unha figura escatolóxica  un símbolo da fertilidade dos campos, polo abono que a súa función aporta.

O Belén, que naceu como unha representación relixiosa, non tardou en encherse de elementos simbólicos, á fin, nel represéntase o que o evanxelista Xoán definiu como o nacemento da luz do mundo, e polo tanto, alí, arredor da máis humilde das mesas que é unha manxadoira de animais, onde repousa o principal elemento desta representación, o Neno nacido nunha noite fría e escura, vencendo polo tanto á morte que aqueles evocan, rodéase dunha mula e un boi, dous animais que non poden ter descendencia, a mula por estéril e o boi por castrado, e con eles uns pais que non interviñeron na concepción do neno que acaba de nacer, por un lado un vello e polo outro unha nena que ademais é virxe. Só Deus pode crear vida entre este conxunto de elementos estériles, e daí o grande milagre da noite de Nadal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario