mércores, 18 de decembro de 2013

LOTERÍA


Por Pepe de Rocaforte
            Como se vivísemos nun eterno retorno, aquí temos, un ano máis, a Lotería de Nadal.
            Unha das moitas cousas que me chaman a atención neste país tan reacio ó pago de impostos é ver o fervor con que aportamos a nosa non pequena contribución ás arcas do estado co negocio da lotería, especialmente nestas datas.
            Podemos clamar ó ceu cando na declaración da renda nos corresponde contribuír con máis do 25% dos nosos salarios. En cambio pagamos sen rechistar o 30% cando adquirimos un décimo en calquera administración de loterías. Porque, por se non o sabiamos, o importe destinado a premios en cada sorteo é tan só o 70% do recadado. E non nos queixemos: nas quinielas ou na lotería primitiva a aportación ó fisco é do 45%, sendo destinado a premios unica­mente o 55%.
            E por se era pouco, como a quen non quere caldo, sete cuncas. Este ano os agraciados cun premio de máis de 2.500 euros, deberán devolver á Facenda o 20% do importe recibido. Unha dobre tributación da cal ninguén se queixa.

            Non son inimigo da recadación de tributos polo Estado. Deberíame queixar, así e todo, da inxusta distribución de cargas contributivas cando os ingresos por traballo persoal son o 80% da recadación, mentres os grandes capitais e as grandes empresas só aportan o 20% restante.
            E dóeme aínda máis ver como co diñeiro dos contribuíntes se están “forrando” unha man­chea de políticos corruptos e grandes empresas que se levan con malas artes nas licita­cións as contratas das máis costosas obras públicas no país.

            Pero como parece que pedir a abstención non procede, deséxovos sorte coa lotería e, de non ser así, xa sabedes: o importante é ter saúde. Ou polo menos é o que se di nestes casos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario