Mitra
era unha divindade de orixe persa que os romanos introduciron como propio por mor
da forte carga simbólica que o rodea. Fora adoptado polos frisos e daí pasa a Roma,
no ano 67 a.C., adquirindo virtudes de mediador entre o ben e o mal, protector
da vexetación e salvador dos homes.
A lenda de Mitra dinos
que o seu natal foi precisamente na data do solsticio, xusto a noite máis longa do ano e
a partir da que, sendo el un deus solar, os días van medrar. Tamén se di que
naceu dunha pedra que estaba a carón dunha fonte e dunha árbore sagrada, e ó
nacer, bebeu do manancial sagrado, comeu da froita da árbore e vestiuse coas súas
follas; e asemade, nese mesmo día recibiu homenaxe de todas as xentes
incluíndo a uns pastores que o viron nacer, e tal foi a alegría no ceo e na
terra que ata o sol se uniu á celebración.
Tras as marabillas que
se narran encol do seu nacemento, Mitra foi considerado como o creador da luz, a
pesar de que os rituais de celebración desta divindade acostumaban a ser en
lugares lúgubres, en covas principalmente e criptas onde se realiza unha
especie de purificación que remata cunha comida ritual a base de pan e viño.
Cóntase que Mitra,
andando polos campos próximos á súa cova, encontrou o “touro primordial” que
conseguiu dominar, e con iso está dominando simbolicamente ó sol pois este
animal era na cultura exipcia e do Oriente próximo, un deus solar asociado a
Nun, portador da vitalidade e da fertilidade. E de feito, segundo nos conta a mitoloxía, despois de sacrificalo, do seu sangue naceron as
primeiras plantas e animais.
É pois, Mitra, un deus
creador, pero tamén un deus de xustiza, representante do ben absoluto, arredor
de cuxa figura se organizaba un culto mistérico que tiña entre os soldados ós
principais adeptos, e no que se exhortaban os valores da amizade, a fidelidade,
a pureza de actuación e a carraxe contra os inimigos (propia dos soldados), un culto que tivo forte
vixencia entre os séculos I e IV da nosa era, ata que Teodosio o ilegalizou no
ano 391.
Ningún comentario:
Publicar un comentario