domingo, 22 de decembro de 2013

Xa van medrando os días



           Xa chegou o solsticio,  e a partir deste intre o sol vai durar máis tempo no ceo. Medran os días, segundo sabemos, polo que os científicos, xeógrafos, físicos ou astrónomos nos contan, porque o eixo da terra móvese de maneira que os raios do sol inciden cada día máis perpendicularmente sobre o hemisferio norte. Pero nesta páxina, o que nos interesa é saber como se interpretaba isto no mundo clásico, cando había que lle explicar ós paisanos por que a partir desta data os días eran cada vez un pouquichiño máis longos.

            Os gregos, como xa temos comentado neste caderno, o pasado día once botábanlle uns cabalos ó mar para galano de Poseidón, e el, por razóns de amizade, cedíallos a Apolo, para que xunguíndoos ó seu carro remudase ós cabalos cansados de todo un ano percorrendo a bóveda celeste e lle puxese estes novos; así que, desde este día, en que uns cabalos máis frescos eran xunguidos ó carro solar, cada día ían subindo máis alto no firmamento, e polo tanto o día durará máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario