domingo, 2 de marzo de 2014

Os Boteiros de Viana do Bolo


Tamén son boteiros os de Viana, ó outro lado do río, co encoro do Vao polo medio, e tamén dan brincos coas súas pértigas, pero a máscara, negra, como para distinguirse da de Vilariño, ás veces engalanada cuns cornos, que nos traen á memoria a algún ser arcaico, algunha divindade agrícola, leva unha mitra de entrambilicadas figuras, alta, e pesada, moito máis alta ca dos de Vilariño, como copa de árbore farturenta.
Acostuman a ser estas mitras unhas estructuras de arame recubertas con papel de cor ou telas, nalgún caso, con moitos e moi variados motivos que poden facer alusión a algún tema en concreto ou simplemente representar figuras xeométricas de agradable visión.

Na cintura non poden faltar as campaíñas, non lle faltan as polainas nin o mantón de Manila. Corren polas rúas con paso libre, podendo se eles queren pasar por riba de quen se poña diante, pateándoos e arrastrándoos sen dor, porque así é o tempo que comeza: un río de vida que nada pode deter.
E seguimos no soso percorrido por estas terras en festa camiño de Manzaneda, das
                                  Mazcaras de Manzaneda

Os Boteiros de Vilariño de Conso


Os boteiros botan, evidentemente, ou sexa, que saltan sobre as súas pértigas ou moncas trenzadas. Saltan procurando unha aproximación ó ceo, coma árbores vivas que suben día a día. Andan brincando e lucindo as vivas cores do seu traxe, os fruncidos pregues que forman fermosas rosáceas e figuras xeométricas. As máscaras adornados cunha mitra cadrada, xeralmente con algún símbolo astral, amosan unha cara branca, con algo de barba simulada por uns flocos. Todos eles son flores, primaverais luces que percorren as rúas de Vilariño que brincan sen orden, expontaneamente diante dunha ruidosa comitiva, ou acompañados do son dos tambores, abríndolle paso ós Folións.


Ninguén ousa interromper o paso dos Boteiros. Eles teñen sempre preferencia e arrasan con quen se poña diante.
E agora cruzamos para Viana do Bolo, para disfrutar dos Boteiros de Viana do Bolo

Os folións


Foi unha noite de Entroido. Xa era tarde e estabamos nun hotel da Pobra de Trives recuperando forzas para o día seguinte cando, a iso da media noite pasada, o son dos tambores empezou a sentirse como se viñese de lonxe, rítmico, aumentando o son a cada intre, canto máis se aproximaba. Qen sabe de onde viñan, se da próxima Manzaneda, onde os víramos esa tarde, ou da Vilariño de Conso. O son ía acercándose e ó pouco todos os hóspedes do hotel asomaron ás fiestras para ver pasar o nocturno Folión.
Ese acompañamento de tambores e ferros que levan os Boteiros de Viana e de Vilariño, así como as “Mázcaras” de Manzaneda, son unha constante no acompañamento das figuras tradicionais do Entroido nesta parte de Ourense. Agora xa se mesturan os protocolarios usos, pero ata non hai moitos anos, os tambores só os podían tocar os homes mentres que as mulleres golpeaban sobre aparellos agrícolas de ferro, gadañas, legoñas e outros ferranchos. Así mentres os homes golpean unha figura redonda que lembra as formas femininas, as mulleres golpean obxectos puntiagudos que lembran as formas masculinas cun ritmo desacorde nun principio, no que cada paisano toca ó seu xeito, pero pouco a pouco, golpe a golpe van chegando a unha uniformidade de ritmo ó encontro de sons, a ese estado de gracia que se alcanza cando todos camiñan, tocan, responde cun mesmo acorde. Cando a parroquia está en sintonía.
Son berros de vida contra o mortífero inverno que se vai, ou así os interpretan os etnógrafos, e así os vemos nós, que na nosa experiencia vital sabemos como pola maña, xa o rechouchío dos paxaros chega ata nós, que aínda non hai un mes nos erguíamos co silencio da natureza, ou rodeados dunha natureza morta.

Aínda así é sufrido o traballo que se fai para chegar a esta boa sintonía da comunidade, tan sufrido, que nos sorprendeu en máis dun dos tambores ver as marcas do sangue sobre o coiro, sangue de mans labregas que golpean durante horas sobre o coiro na procura dunha sintonía coa natureza.
Este é o son da vida, pero a vida tamén é cor e danza como os Boteiros de Vilariño de Conso

.-.-.-.-.-.-

Os percebes de Langosteira

sábado, 1 de marzo de 2014

Os Peliqueiros de Laza


Sen dúbida, Laza é un dos lugares máis senlleiros de toda Galicia, non só no Entroido, senón tamén noutras festas ó largo do ano, nas que se festexa o florecemento da vida e a renacenza. Non quero ser partidista, pero así é. Mostrei e mostro a miña querencia por outras figuras do noso Entroido, pero confeso sen rubor que en Laza, diante deles, vertín bágoas de emoción. Ir a Laza é ir á Terra Santa do Entroido, pero non a unha terra santa de mortos senón de vivos e de vida, un santuario que mantén a esencia do que esta celebración é, a pesar da tentación do turismo mantén os principios de invocación á vida e á renacencia que debe ter o Entroido.

Os Peliqueiros de Laza contan ata cunha película documental na que puxeron o seu saber Miguel Castelo e Miguel Pérez Romero aló por mediados da década dos setenta, cando as rúas eran camiños de lama e Laza un recuncho illado. Son as figuras referenciais, o cartel que atrae ós turistas carnavaleiros, son os sacerdotes da tradición, sempre con dereito de paso, con preferencia nos camiños por onde van, coas súas mitras historiadas, a súa roupa branca e os floridos flecos, garabata e chaleque. Vestir de Peliqueiro non é un acto simple, é unha cerimonia na que participan amigos e familiares, un ritual, porque o peliqueiro é unha autoridade que sae a benzoar os camiños de Laza, e o domingo, tras a misa de doce, perfectamente dispostos no adro, coas súas zamarras saúdan as persoas que saen do acto relixioso, como modernos lupercos desexándolle saúde e prosperidade ós veciños.

Tamén vin como un señor maior, chamando por un peliqueiro rogoulle que fose saudar á súa esposa falecida, na campa onde repousa, e o peliqueiro, acercouse á campa e despois de facer soar as chocas cun áxil movemento de cadeiras, bateu coa pelica sobre a lápida tres veces, como un acto para facer triunfar a vida sobre a morte, para dicirlle á finada que na vida desta terra aínda hai quen se lembre dela, que non está soa nin esquecida, que os finados seguen vivos mentres haxa quen os lembre. Ese día souben que os Peliqueiros non son uns simples choqueiros máis ou menos simpáticos ou alegres, senón que, debaixo das súas máscaras está a seriedade dun antergo rito, a transcendencia da existencia humana, que hai toda unha tradición de invocación á vida que se perde no longo pasado que nos precede.

Deixamos para outra ocasión a simboloxía da fariña, a cinza, as formigas e a bica, que tamén forman parte do ritual. 
E seguimos no noso camiño cara as terras de Trives, Vilariño de Conxo e Viana para escoitar
 Os folións

Os Felos de Maceda


      
      Heivos dicir, coa esperanza de que ninguén se senta ofendido nin se saquen conclusións de desafecto con ninguén, que lle teño unha querencia especial ós Felos de Maceda, porque conto con moi bos amigos entre eles. Tamén porque os coñecín cando ninguén falaba deles, como se non existisen, pero aí estaban, resistindo, na medida do posible, non só contra as prohibicións, senón tamén como aqueles que os minguneaban porque non eran famosos. E sorprendéronme de súpeto cando apareceron na miña casa vestidos con esas máscaras de mitra con figuras de animais, coa pelica, coas medias negras, sen liga que os distinguen, a camisa branca as chocas grandes e pesadas, o mantón sobre os ombros e na man un bastón por atributo. Pequenas diferencias que, sen embargo os manteñen no grupo dos Cigarróns e dos Peliqueiros.
            Os meus amigos Felos, de quen conservo unha máscara feita polo Manuel a golpe de xubia e navalla, van percorrendo nestes días as súas paisaxes. Son, com dixemos, parentes dos Cigarróns de Verín e dos Peliqueiros de Laza, pero teñen pequenas diferencias, e tal vez, por razón que só a historia pode xustificar, perderon algo da súa transcendencia animista.

            Non lle faltan o chaleque con charreteiras, o pano e a garabata. Van de aldea en aldea, ruando por corredoiras e estradas, importunando ás féminas, porque neste acoso seudosexual, veñen a revivir, dalgún xeito a xeración de vida, o baile de noivos como un baile de paxariños antes de facer o niño.

            Alguén me ten contando que son unha recreación burlesca dos antigos cobradores de impostos (como din doutros), pero non o creo, só hai que ver como se portan as outras máscaras da familia para que se vexa a razón de non crer eu niso e si para pensar que este tipo de máscara, algunha vez estivo máis presente nun máis extenso territorio. E desde Maceda vamos ata Laza, imos ver os Peliqueiros de Laza

Os Cigarróns de Verín


Vin un paisano que se arrepuxo ó paso dun Cigarrón, e todos os presentes ó unísono increparon a aquel que non sabe que o Cigarrón ten dereito de paso e de presencia.












O Cigarrón, con claras diferencias co Peliqueiro e o Felo, na súa vestimenta, tamén se inviste desa autoridade que lle dá ser un sacerdote do ritual en cada Entroido, un sementador de fartura alí por onde el pasa, nada que ver con esa lenda de se eran os recadadores do conde de Monterrei que tiñan que disfrazarse para que non os recoñecesen os paisanos. Só hai que ver os atributos simbólicos que portan, a pelica, a máscara con mitra onde se representa unha figura zoomorfa, as cores vivas sobre o branco das medias, pantalóns e camisa, a combinación de atributos masculinos e femininos, garabata ó pescozo e liga na perna, que lle outorgan unha representación da unidade de ambos sexos nunha soa figura, como se nun só ser se puidese representar a dualidade sexual; e as chocas, imprescindibles, grandes de son forte, para anunciar a súa presencia.


Como na maioría das figuras tradicionais do Entroido, ata hai poucos anos só podían vestir estas roupas os homes.
Dexámoslle o paso libre e agora imos acercarnos a Maceda, para que vexades semellanzas e diferencias con estes Cigarróns. Imos ver os Felos de Maceda 

venres, 28 de febreiro de 2014

Os ídolos de Dombate

                  
           Por Rosa Benigna Vizcaya
   
            É gratificante comprobar como un monumento tan significativo e importante para a nosa cultura, o dolmen de Dombate, que xa fora cantado por Pondal e descrito por Murguía, se atopa tan ben protexido e conservado. Ademais, o seu centro de interpretación permite adentrarse no mundo dos antigos bergantiñáns, coa reproducción a escala da anta e os seus gravados e pinturas.

            Usado como lugar de enterramento hai seis mil anos, móstranos na entrada do corredor unhas figuras antropomorfas, de pedra, coñecidas como ídolos. Algunhas son simples cantos rodados e outras teñen unha leve talla, o que nos fai intuír, que no seu día estaban pintadas para resaltar as formas. Se realmente representaban a deidades ou ós alí soterrados, confírmase que pese ó paso dos milenios séguense a colocar imaxes relixiosas e fotos de finados nos cemiterios actuais en nichos e sepulturas. En calquera caso, no noso país, os defuntos adquiren certa divinización ou santificación, se se me permite o uso destes termos, pois non hai máis que achegarse ó tema da morte para comprobar como os nosos finados son invocados nas adversidades como intercesores ante Deus. Non morren, só se adentran en “outra vida” distinta da terreal. Expresións de consolo para os familiares tales como “Xa está no ceo pedindo por vós” ou, como ocorre na Barbanza, cando se chama ó finado polo nome para que vaia ó seu propio cabodano acompañando ós vivos. Isto non é máis que a negación da morte como punto final.

         
   Por iso pensamos que cos ídolos de Dombate tamén se trataba de facer perdurable a memoria das persoas alí soterradas, e de que, dalgún modo, se mantivesen próximas á comunidade da que formaron parte.

xoves, 27 de febreiro de 2014

As Pantallas de Xinzo

                    
A Xinzo da Limia non vaiades estes días se non ides vestidos de algo, disfrazados se o preferides, porque se non é así, pode pasarvos o que a un servidor, que aínda sendo forasteiro, non se reprimiron as Pantallas en ir empuxándome, arredándome dos meus amigos, ata meterme nun bar onde, rodeándome e ameazándome coas súas vexigas, non me soltaron ata que lles paguei unha rolda.
Como en case todos os entroidos tradicionais, ata hai poucos anos as mulleres non podían vestir este traxe, composto por camisa e pantalón axustado de cor branca e unha capiña adornada con fitas de cor, o pano polos ombros que non pode faltar, quen sabe se algunha reliquia traída das colonias de ultramar, e as polainas e luvas, todos estes elementos de cores predominantemente vermellos ou negros, formando así esa dualidade de cor contrastado da pureza do branco coas cores do sangue e da noite. Sobre unha faixa vermella amarran as chocas, que aquí soen ser pequenas campaíñas e incluso axóuxeres.

Portan nas súas mans esas vexigas de vaca curadas e inchadas de aire que golpean entre si. Con elas ameazan, pero non baten nunca na xente. A Pantalla nunca anda soa, senón en grupo.
A máscara inclúe careta e capucho, e ten este esa forma de gorro de guerreiro grego, acabado nunha especie de punta sobre a fronte, feita dunha soa peza para tapar a cara, pero esa parte superior esa especie de gorro soe adornarse con elementos relativos á astronomía ou de animais, mentres que a parte da cara deixa pendurados uns flocos a modo de barba polo maxilar e o queixo. E aí onde será a unión do gorro coa cara, aparecen uns cornos que nos lembran a algunha divindade agrícola, quen sabe se a Fauno, aquel deus que tamén tiña cornos e pés de cabuxa e a quen os gregos e os romanos lle rendían culto no comezo da primavera.

Nestes días veremos como corren polas rúas, tal folerpas de neve abríndose paso entre a xente, estendendo as súas capas ó vento en bailes alegres facendo soar as campaíñas e as vexigas, enchendo toda a vila de vida de luz, cor e son. 
E de Xinzo, como nos queda perto, imos ata Verín para ver Os Cigarróns de Verín

Os Xenerais do Ulla

         
                   
Era un domingo á noitiña cando, volvendo de Ourense, encontramos en Ponte Ulla ós Xenerais, cos seus lucidos traxes cargados de charreteiras, tricornios e bicornios adornados con plumas, con máis entorchados ca un “Xeneral Bonito”, subidos en engalandos cabalos que mansamente camiñan de casa en casa pedindo o aguinaldo con floreadas rimas que adulan a quen dá algo e burlan a quen non..
Foron traxes que algún día lle serviron a algún antepasado nas guerras decimonónicas, e que agora cobran vida para revivir aquelas batallas pero trocando as balas por versos improvisados polo xeneral, o máis destro na arte da regueifa, aínda que se acompaña dos seus soldados de a cabalo e de a pé, que lle fan coro e o animan, e contan os etnógrafos Bouza Brei e don Vicente Risco, nos seus interesantes artigos, que nalgunha ocasión tamén pasaron das palabras ás obras e acabaron a paos de verdade.
Pola tarde, estes aguerridos cabaleiros andaron polas terras da Ulla e chegaron a A Estrada, conquistando a golpe de verso as parroquias por onde pasaban, enfrontándose a aqueles outros que lle saísen ó paso preguntando:
-Alto, ¿Quien es el que ronda?.
Ó que o outro lle contesta:
   -Mas alto no puedo estar,
   las patas de mi caballo
    por aquí vienen rondar.

Son regueifas e desafíos, duns
contra outros, en castelán moitas veces, porque os xenerais non saben falar como a tropa, tal vez lembrando as loitas parroquiais, naqueles tempos nos que buscar moza na parroquia do lado era un risco para a saúde, pois saían os nativos a impedir que o forasteiro lles levase unha moza se non pagaba antes unha convidada que os deixase satisfeitos, e así son estas regueifas dos Xenerais ata que ó final, gañe quen gañe, todos acaban xuntos na taberna, e falando como Deus manda. 
E daquí imos baixar ata a Limia, para ver como visten as Pantallas de Xinzo

mércores, 26 de febreiro de 2014

O Momo


A entrada ó Entroido queda marcada pola entronación do seu rei, do deus Momo, do Meco das terras do Salnés, do Felipe da banda norte da ría de Arousa, o Facundo de Muros ou a Micaela de Buño, pero todos á fin, variantes do primeiro, do Momo, da deidade grega que representa a loucura, aquel que sempre ten algo que criticar e de que rir, e así foi que, cando se atopou con Afrodita, como nela nada era feo nin nada tiña de que burlarse, el burlóuselle das sandalias que chirriaban ó camiñar. Tan amigo de buscar defectos e de rirse de todo e de todos, que os mesmos deuses do Olimpo o botarón do seu lado.

            O Momo, o amo do sarcasmo, sempre se representou como unha figura masculina e grotesca, sen embargo, ultimamente, nestas entronacións carnavalescas soe aparecer a parella, e sempre coa mostra acentuada dos atributos sexuais. 
   E agora imos ata as terras da Ulla onde pasean e regueifan
 os Xenerais do Ulla

martes, 25 de febreiro de 2014

Entroido e Carnaval

     
Fálase de Entroido e Carnaval como se ambas palabras, polo feito de coincidir no tempo en que se celebran fosen sinónimos, e nós non o entendemos así. Sabemos que Carnaval vén de Carnestolendas, e que Entroido deriva de Introitus e tamén que esta é unha palabra moito máis tardía que a primeira, pero nunca nace a palabra antes que o feito ou o obxecto, senón ó revés, e nós distinguímolos porque mentres un fala de desenfreo ou outro fala dun ritual. Conviven pero son distintos.

O Carnaval é a esmorga, a oposición á orde, vestido con farrapos, trócase a vestimenta como a norma, os homes visten de mulleres e as mulleres de homes, buscan o uniforme da autoridade para ridiculizala (cregos e policías), arman barullo, fan burlas e rinse dos veciños. É unha oposición á Coresma, ó tempo de xaxún e recollemento e polo tanto unha celebración que nace co cristianismo, cando o papa Xelasio quixo erradicar os vellos costumes das Lupercais; mentres que o Entroido é un ritual que se manifesta con ritos de fecundidade, ó noso entender moito máis antigos co Carnaval, tal cando nos din que os volantes teñen que pisar os campos senón non nace o froito, ou cando os peliqueiros saúdan coas súas zamarras de coiro, como antigos lupercos, á xente que sae da misa, son a autoridade á que non se lle pode pechar o paso porque eles levan a prosperidade por onde pasan e zorregan en todo aquel que atranca o seu camiño, mentres que ás máscaras de Carnaval pódeselle facer todo tipo de trasnadas. O Entroido é a festa na que se mancha ós veciños con elementos evocadores da vida, coa cinza, abono dos campos ou con fariña, o po branco como a pureza. O Carnaval disfrázase e o Entroido vístese. Un peliqueiro, cigarrón, boteiro, pantalla, felo, volante ou o oso de Salcedo, non son disfraces senón personaxes investidos do poder da natureza. Cada bisbarra ten os seus entroidos, a súa maneira peculiar de entrar na primavera, e en moitos lugares onde se perderon as figuras tradicionais para invocar á natureza, como pode ser a Barbanza ou as Mariñas coruñesas, si se mantén o nome dos “Choqueiros” para as máscaras, lembrando que algunha vez houbo personaxes que levaban chocas coma todos os que acabamos de citar.
As figuras do Entroido galego teñen en común o colorido do traxe, que evoca ó florecemento da natureza así como a mestura de elementos masculinos e femininos no mesmo personaxe, como os peliqueiros e cigarróns que levan garabata ó pescozo e liga na perna, simbolizando a unión sexual da natureza.
A risco de dicir algo que pode levantar discrepancias, o Carnaval e o Entroido son dúas celebracións distintas que coinciden na data.
E como comezo das celebracións, empecemos por entronizar ó deus Momo   


OAXACA, CUERNAVACA, QUAUHNÁHUA


Pepe de Rocaforte
Malcolm Lowry
            Recibo correo dun amigo, colaborador tamén deste blog, en relación co meu escrito sobre Mal­colm Lowry: “A mim quedara-me que Cuaunáhuac era a actual Cuernavaca... e parece-che-me mais semelhante do que Oaxaca...”, dime, entre outras cousas.
            Volvo ver o meu texto: “...Alberto Rebollo conta a súa visita a Oaxaca, o Quauhnáhuac da novela de Lowry...”, dicía alí. Efectivamente: o non repasar coa debida atención o escrito levoume a deixar pasar sen explicación este erro polo cal pido desculpas.
            Non hai dúbida de ser Quauhnáhuac o nome precolombino de Cuernavaca, e polo tanto esa cidade a localización xeográfica onde máis ou menos sitúa Lowry “Baixo o vol­cán”. Pero dándo­lle voltas a esto veume un interrogante á cabeza: Se é Oaxaca a cidade onde vive o autor a máis lacerante experiencia co alcol, o lugar onde encontrará a lava activadora do volcán interior das súas veas, a que lle vai aguilloar os instintos suicidas exacerbados polo abandono da muller, ¿por que é Cuernavaca e non Oaxaca a localización elixida para situar a acción?
Festa da Primavera en Oaxaca
            O simbolismo do volcán é evidente, vese no propio título. O protagonista vive baixo a súa ameaza simbólica, a presencia inquietante do Popocatépetl condiciónao e pesa sobre el. Pero á hora de iniciar a narración, Lowry observa que Oaxaca está a máis de catrocentos quilómetros do volcán, desde alí non se ve, non se sinte a súa influencia como en Cuernavaca, a pouco máis de cincuenta quilómetros do cráter, ¿non pode ser ese o motivo, ou un dos motivos, da súa elección?
            Esta suposición miña non se sustenta en nada realmente palpable, pode ser pouco fiable xa que logo, pero apún­toa por se alguén cre que merece a pena pro­fundizar por ese camiño, se antes non o fixo ningún outro.

luns, 24 de febreiro de 2014

Aí vén o Entroido

               
Xa se escoitan as chocas, ese son compasado, esa chamada ó Entroido, á entrada á vida que agroma nestes días. É a última lúa nova do inverno. Ferve na ola o lacón, os grelos e os chourizos. Todo o porco, torado en anacos, irá entrando a esta pota ó largo destes días. Que non falten os ceboleiros, co seu sabor forte que tinxe a auga de vermello. E que non falten comensais.
Unha mesa ben servida é unha mostra de fartura, e nestes días, días nos que se chama pola vida, non debemos ser escasos nin na mesa nin na cama, como me di un vello que senta a carón da lareira coa súa cunca de caldo ensopado de pantrigo.
Estamos nunha aldeíña de Ourense, onde presumen de que o caldo da súa casa é gordo,
manteigoso, caldo que o estómago agradece nestes días fríos, e deixamos que o patrucio que corta os anacos de pan coa súa navalla antes de metelos á boca, nos conte con certa sorna que o Entroido de agora xa non é o que era. Non sabemos a que se refire, pero intuímos que algo de razón leva: el é máis vello e o ritual cambiou; o turismo manteno vivo pero quitoulle a esencia primixenia, estase perdendo parte do ritual en favor do espectáculo, os medios de comunicación axudan a adulteralo e os etnógrafos teñen que apartar moitas capas de po e cascallo para encontrar a fonte de toda esta marabilla.
A señora da casa pon diante de nós orellas, filloas, melindres e bica: comede que boa falta vos fai”, e fará, porque vimos con intención de movernos de norte para sur e de leste a oeste, con ganas de compartir a foliada e non perder oportunidade para contárvolo. Queremos ver como se visten os protagonistas, que nos conten e digan que se sinte cando saen á rúa investidos coas roupas que lle outorgan un poder especial, o poder de antigos sacerdotes capaces de outorgar a esperanza e a prosperidade á comunidade.

Xa se escoitan as chocas... e os folións ensaian cos seus bombos e legoñas, gadañas e ferranchos. Xa estamos nos prolegómenos, co domingo corredoiro, que é como unha chamada para as vindeiras celebracións, porque o entroido é unha celebración, xa andamos a voltas co xogo dos sexos, co xoves de comadres que ridiculizan ós varóns, e o de compadres que ridiculizan ás mulleres, o xogo das olas, onde se mide a destreza de mozos e mozas, e axiña virá esa celebración que incita ó nacemento da vida e ó crecemento, a grande festa da fecundidade, na nosa opinión. 
Por iso é pertinente que nos preguntemos cal é a diferencia entre Entroido e Carnaval

UM APELIDO. UM NOME.



                                                           Por UM-DO-CHAO.

INSUA/INSÚA.

O apelido.
Waldo Álvarez Insua
            Como Nóvoa (de que já tratamos) esta palabra suporta a maldizom tónica, é dizer, leva, geralmente, o acento cambiado.
            Compreende-se que, fora da Galiza, ao resto do mundo é-lhe dificultoso esse –como aquel e outros- esdrújulos. Mas é que na própria Galiza nom estamos exentos de tales deformaçons.
            Nom hai mais que lembrar-se do ínsula castelhano (a famosa ínsula Barataria) co seu adjectivo insular ou o seu derivado península, comuns estes a ambas as línguas, para focarmos correctamente o tema.
            Insua, pois, é um arcaísmo que, modernamente, cedéu o passo a ilha. É curioso como ilha nom déu apelido em galego, em quanto o dá em catalám: os caprichos dos homens!... sem embargo existir apelidos nossos como Illán e Illanes (Ilháns?), talvez derivados.
            Segundo era de esperar, o acidente geográfico insua passou a topónimo (aldeias, cabos), e mesmo vemo-lo como topónimo de terra adentro, tal sucedendo co acidente porto, o que nos deixa cavilando e, em tanto, recorremos ao português, que lhe dá esta segunda acepçom: terra regadia junto ao rio. E de topónimo foi que passou a apelido.
Alberto Insúa
            Insua, era visto, tem o seu diminutivo Insuela (tamém apelido, isso si, bem mais escaso). Nós a estes (insuas, montes, rios, outeiros ou ribeiras) preferimos chamar-lhes apelidos topográficos, pois que se refirem a acidentes do território.
            De sempre nos chocou que Alberto Insúa acentuasse assi o seu apelido, em tanto o pai era Insua… Agora vemo-lo como um para-seudónimo, e inteirando-nos (ainda hoje!) de que aquel nom era senom filhastro deste, adoptando o (segundo) apelido del… algo cambiado.
            A extensom do apelativo no mundo é grande, e quase sempre malacentuado: acabamos de ver que hai, quando menos, três futbolistas argentinos que o levam na actualidade… seguramente de origem galega bem cercana.

As personagens.
1 Waldo Álvarez INSUA (1856-1938), estradense, traémolo aquí porque o principal do seu quefazer desenvolvéu-no em Cuba. Jornalista de primeira linha e grande animador do movimento galeguista, que acabou se radicando em Madrid.
Alberto Inzúa
2 Alberto INSÚA (1885-1963), havaneiro, novelista mundialmente conhecido por El negro que tenía el alma blanca (1922), informa-se-nos que era Alberto Galt Escobar de seu verdadeiro nome.
3 Alberto INZÚA (1926-2003), havaneiro tamém (ignoramos qualquer relaçom co anterior), é a miúde confundido com el -talvez desfigurando aínda mais o apelido para tal evitar-, foi actor de TV, teatro e cinema que rematou se instalando em México

domingo, 23 de febreiro de 2014

Martelo contra a tristura


Por Pura Tejelo


                       





                          MARTELO CONTRA A TRISTURA
                Agora que andamos tan  perto da dor
                                        Tan  próximos á loucura
                                     Situémonos, se  é posible
                                                                             na                          
                                                                             ale
                                                                             grí
                                                                              a!
                                                                                .

.-.-.-.-.-


                      A meiga de Luaña



xoves, 20 de febreiro de 2014

Filloas á pedra

                               
Xa se aproxima o tempo das filloas (e o dos cocidos, e das orellas), por iso queremos amosar esta estampa dunha filloeira de pedra dunha casa de Peiro (Culleredo), que os seus donos quixeron conservar e, para iso, cada ano reúnen no Carnaval e Entroido a amigos e familiares, e todos, absolutamente todos, teñen que contribuír facendo filloas na pedra.
Non deixa de ser un síntoma da importancia que as filloas teñen na cociña galega o feito de que se fagan aparellos especiais para elaboralas, desde o máis común como é o usa dunha tixola, ata as tixolas filloeiras de ferro e estas que necesitan de longas horas de quecemento, máis o resultado é excelente.
E como a filloeira de pedra, coas cociñas eléctricas, de inducción ou de butano ficaron apartadas da lareira, moitas acabaron reutilizadas como material de construcción.

E aquí está esta, que lle debían faltar pedras ó canteiro cando fixo este muro nun lugar de A Laracha, que botou man do primeiro que atopou para completar o labor: a pedra da filloeira.
E para quen o necesite, aquí está a receita para facer filloas