mércores, 25 de decembro de 2013

Unha panxoliña para esta data.

É fermoso escoitar panxoliñas, e notar nelas o sentemento dun pobo que manifesta con palabras
sinxelas o milagre do nacemento dun neno e a loita contra os problemas que un matrimonio de recén casados atopa cando andan por terra allea. Iso nos conta esta panxoliña interpretada por Berrogüeto que recuperamos para este caderno, e que eles titulan:  Nadal de Luintra coa seguinte letra popular, que unha veciña da aldea ourensá cantou para eles certo día de inverno:
 

  Cara Belén camiña
unha nena ocupada
fermosa en canto a ela
san Xosé a acompaña.

Chegaron a Belén
e pediron pousada,
responderon desde dentro
con voz alborotada:
-¿Quen chama á miña porta?
¿quen á porta me chama?.
-Somos Xosé e María
que pedimos pousada.
-Se traen cartos que entren
e se non que se vaian.
-Cartos non traerei
máis ca un real de prata.
-Eses son poucos cartos.
Pídano nouta parte.

San Xosé se apenaba
María o consolaba:
-Non te apenes Xosé
non te apenes por nada
¿que máis cartos queres
ca isto que nos acompaña?

Ningún comentario:

Publicar un comentario