Por Pepe de Rocaforte
A “lenda” conta con todos os
aditamentos do xénero, incluído un túnel que desde o castelo, pasando por
debaixo do Douro, ía saír a Portugal, non sei se á vila que se divisa ó lonxe,
do outro lado do cañón, Freixo de Espada á Cinta (nome ben portugués, non si?).
En fin, o relato é tan completo que ten todo o aire de tratarse dunha invención
recente.
No outeiro de San Pedro queda hoxe
unha ermida románica, seica antiga capela da fortaleza do “feudal” de marras. Mais
para compensar a falta de castelo e contar con algo para entreter ós turistas,
as forzas vivas de Hinojosa montaron un museo etnográfico, o “Museo
interpretativo del Duero”, onde ademais dos preceptivos aveños de labranza,
teñen unha colección de estelas dos séculos III e IV, traídas do enterramento
romano de “La Magdalena”, e, ocupando a metade da planta alta, unha enorme
maqueta cuns trens eléctricos que farían gozar coma un anano a Carlos Casares.
Estes trens de xoguete xustifícanse
como reivindicativos para a recuperación da liña, actualmente abandonada, coa
cal unir a bisbarra coa estación portuguesa de Pocinho, onde remata o
ferrocarril turístico procedente do Porto.
Pero no que realmente é pioneiro o
museo de La Hinojosa, e por eso falo del, é na exposición dunha boa colección
de teléfonos móbiles, algo que sen dúbida imitarán a partir de agora moitos dos
museos postos en marcha en localidades similares. ¿Non é unha boa idea?
Ningún comentario:
Publicar un comentario