O Nadal, herdeiro en moitos sentidos do mitraísmo así como das Saturnais, vén sendo unha manifestación
da loita da vida contra a morte. O triunfo da luz sobre as tebras ou do ben
sobre o mal, polo que as comidas, como reunións familiares, non son máis ca
unha manifestación da fartura e da prosperidade de que participa toda a familia
reunida, e por iso, tamén se pon na mesa un prato e unha cadeira para os
finados que morreron nese ano, e cando se recolle a mesa, déixanse viandas por
se a alma dalgún antepasado quere vir pola casa, a participar da felicidade ou
simplemente da reunión, para que non lle falte comida e calor, polo que asemade
se deixa o lume do fogar aceso toda a noite. Tampouco se pode varrer para fóra,
porque se pode estar varrendo a alma dalgún familiar que se vén acoller á calor
do fogar. E para acentuar esta mostras de vida, as mesas adórnanse con plantas
de folla perenne e que precisamente nestas datas dan o seu froito, tal o acivro.
Como é día de alegría, non poden faltar as manifestacións
musicais, as panxoliñas, e cánticos propios desta data, cantares para evocar o
milagre do nacemento de quen representa a luz da vida, pero tamén con certa
carga de sorna, xa sexa á conta de san Xosé e a contrariedade que o milagre
deste día causa en calquera esposo, que ata no románico se representaba sempre
arredado da escena central e caviloso, ou lembrando pequenos actos domésticos,
do neno chorando ou da nai lavando. E con estes cantares percorren os rapaces
as casas do lugar na procura dun aguinaldo, que non é outra cousa ca compartir
a felicidade.
E xa á media noite, sáese a apedrar as árbores para
exhortalas a dar froito.
E lembramos, asemade un costume que a cociña de
butano primeiro e as de inducción agora desbotaron, que era o de manter aceso o
lume sobre o tronco de Nadal, o Lume Novo, un tronco que despois de estar
ardendo toda esta noite en que o día comeza a gañar horas, logo se reserva como
o tizón de Nadal que sempre estará nun lado da lareira, para acender cando hai algunha
desgraza, para esconxurar o mal ou para arredar as treboadas.
Eran moitas as parroquias galegas que prendían unha
grande fogueira no adro, de onde cada veciño sacaba o seu tizón despois da misa
do Galo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario