Non quero adiantar acontecementos, pero estou seguro de que
este ano vai vir o Apalpador. Chegará coma cada ano antes da madrugada, nalgúns
sitios faino na noite de Nadal, pero a min sempre me vén na noite de fin de
ano, nesa hora quente da madrugada, cando sentes uns aloumiños na barriga e
unha voz que che arrola: Mantente así, gordiño e ben mantido para todo o ano.
O Apalpador é
esa figura mítica da nosa tradición, que volve a andar os camiños sen que Papá
Noel nin os Reis Magos lle impidan o paso. El é o amigo de todos, que non se
preocupa de que uns teñan galanos máis fermosos e caros para competir cos seus
veciños e compañeiros de escola, senón de que todos teñan a barriguiña chea de
saúde, para que as nenas e os nenos cheguen a ser galegos e galegas de verdade.
Despois de que el pasa polo meu cuarto, érgome
cunha ansia nova, e entón xa vexo un paquete fermosamente envolto para min,
ademais dunha presa de castañas. ¡¡¡Grazas amigacho!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario