venres, 27 de decembro de 2013

San Xoán Evanxelista

                       
San Xoán, o apóstolo imberbe, non se celebra a dous días do Nadal porque si, senón porque el foi quen proclamou que Cristo era a luz do mundo, recordando no seu Evanxeo as palabras do Mestre: “Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará nas tebras”. E estes son días para celebrar o que as horas de sol lle van gañando camiño á noite, e aí está esa asimilación mesturando o que se ve co que se predica, a próxima renacencia dos campos co nacemento da luz dos crentes, a esperanza dos que agardan que abrolle o froito dos campos e dos que prognostican o crecemento do número de crentes.
            Que san Xoán o evanxelista se represente sen barba é debido a que era moi noviño cando acompañaba a Xesús, sen embargo morreu de vello, con máis de oitenta anos, e tras escribir as máis desconcertantes páxinas do Evanxeo.

            Nesta imaxe pintada polo Greco, vémolo no momento no que, tras terlle dado alguén unha copa con veleno, el, facendo o sinal da cruz antes de beber, obrigou a saír do copón ó demoño que o envelenaba e daquela puido beber sen perigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario