venres, 8 de novembro de 2013

Unha chave


             Petar cunha chave na porta, ou a chave convertida en aldraba, posta a disposición dos visitantes pero tamén ó criterio dos moradores. Eis o poder da chave que abre pero tamén pecha, por iso os exipcios usaban aquel símbolo da cruz ansada que abría as portas da eternidade e que por transmisión e asociación simbólica chegou a converter a nosa chave en elemento apotropaico e forza protectora.
            Como elemento preventivo úsase a chave da igrexa en distintos rituais para evitar enfermidades, porque así como franquean os camiños do ben e pechan os do mal, tamén serven para curar, e funcionan como profiláctico contra os andazos, usándose incluso, a chave dalgunha igrexa posta ó lume, para cauterizar as feridas dos mordidos por can rabioso. Nas lendas e haxiografías témolas nas mans de san Pedro para abrir as portas do ceo ou nas de Hécate para abrir o camiño do Máis Alá. Tamén ás mulleres que van parir se lle pon unha chave sobre a barriga, para facilitar o parto e ós moribundos unha chave entre as mans, para facilitarlle o tránsito pola Outra Vida.

A chave abre as portas polas que se accede á verdade da vida pero tamén reclúe ó maligno, como anuncia o Apocalipse, cando fala do anxo que traerá a chave do abismo para encerrar o mal.

xoves, 7 de novembro de 2013

MUSEO DA EMIGRACIÓN


Por Pepe de Rocaforte
            Enviáronme nestes días unha montaxe con fotos da Emigración e  música de Fuxan os Ventos. As fotos, de Alberto Martí e Manuel Ferrol, lémbranme unha idea sobre a cal matinara xa hai certo tempo en relación coa posibilidade de que algunha institución puxese aquí en marcha un museo ó xeito do que funciona na Illa de Ellis, en Nova York.
            A idea, de se levar a cabo, non contaría cun éxito de público proporcional ó do museo neoiorquino da Inmigración, entre outras cousas porque alí a entrada vai incluída dentro dunha visita á estatua da Liberdade. Pero, ó noso nivel, ¿pagaría a pena en Galicia un museo similar?
            Debo confesar que a miña experiencia particular da Illa de Illis foi deprimente. A visión daque­las fotografías de xente humilde (os viaxeiros de primeira e segunda clase non eran desembarcados en Ellis, senón en Manhattan e sen problemas de ningún tipo). Os exames a que os recén chegados eran sometidos antes de lle permitir o acceso ó paraíso americano, a expresión dos seus ollos, o medo a vérense obrigados a regresar ós seus puntos de orixe, onde sen dúbida deixaran quei­madas as naves, encollíame o corazón.
            Certo que, ó parecer, dos vinte millóns de inmigrantes desembarcados en Ellis entre 1895 e 1954, tan só a un dous por cento se lle negou a entrada nos Estados Unidos. Pero tal porcentaxe representa catrocentas mil persoas (anarquistas, delincuentes e portadores de enfermidades contaxiosas, segundo as informacións).
            Quedeime particularmente cos enfermos, vin nas fotos o seu aspecto humillado, pensei no que os esperaba e tiven que abandonar o museo e marchar ver o mar para librarme da sensación de angustia que empezaba a afogarme.

            Certo que aquí as fotos serían de xente que se ía, non de xente que chegaba. Pero ben pensado ¿non son igualmente horribles, e alleas, as causas que os conducen a tal situación?

mércores, 6 de novembro de 2013

Membros para sandar

                        

Non vos asustedes. Non estamos nunha carnicería. Estamos nunha capela abandonada, e iso que vedes aí non é máis que a moeda con que os fieis mercaban o favor do santo, que xa nin os cregos aproveitan.
            Aí, pendurados da trabe están os exvotos que os fieis ofreceron nalgún día, pernas, brazos e ata caras feitas de cera, coa esperanza de curar dalgún maliño, que logo da festa se refundía e volvían a servir para as ofrendas doutros devotos noutra ocasión. A cera tiña, gracias á fe máis valor co ouro, porque cada peza que se mercaba volvía ó lugar de onde saíra, e logo de refundida volvíase a vender para que os ofrecido a deixasen onde se mercara. ¿Pode alguén imaxinarse cantas veces se podía revender un quilo de cera sen saír da tenda?, ¿ou cantos pés, brazos ou mans curou o santo con este pago?. Con estes exvotos podemos dicir que a esperanza non ten prezo.


            Dicir, para quen teña a curiosidade, que estes exvotos, están nunha capeliña abandonada na montaña luguesa, baixo a advocación de san Roque.   

luns, 4 de novembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                            Por UM-DO-CHAO.
FERREIRO.

O apelido.
            Apelidos sociais chamam-se aqueles originados no quefazer do home na sociedade, quer polo seu ofício (Peleteiro), quer polo seu cargo (Juiz), bem pola sua categoria social (Conde)… Daquela, som apelidos que estám presentes em todo o mundo, pois ondequer houvo e –cada volta menos- hai gentes que fabricam cousas coas suas maos ou que desempenham funçons de governo e administraçom.

            O de ferreiro (co seu subsidiário de ferrador) é-vos um ofício de bem antigo nascimento, haveria que aventurar que, em quanto falamos de Idade do Ferro, temos que falar de ferreiros ou proto-ferreiros, homes que fabricavam trebelhos e armas e que, portanto, jogavam um papel vital (ou mortal!) na sua colectividade.
Martín Ferreiro y Peralta
Daí passou a ser apelido em toda a Europa (nom temos conhecimento para nos referir a outras línguas e continentes onde se daria igualmente), com procedência filológica no latim ferro, e do que podemos citar umha longa lista de exemplos em várias paragens: é o Herrero espanhol, o Ferrer catalám, o Lefebvre francês, o Smith inglês, o Schmidt alemám… e o Kuznetsov ruso (como nos ilustrara o lembrado Manolo Riveiro).

Assi como Ferreira, o feminino, é topónimo entre nós e apelido muito comum em Portugal, cuido que Ferreiro está mais estendido na Galiza.

As personagens.
Nom parece haver tanto Ferreiro famoso a nível mundial. Mas hai abondo para os nossos fins. Vedeaí um espanhol, um uruguaiano e mais um galego, mesmo por esta ordem cronológica:

1 Martín FERREIRO y Peralta (1830-1896). Madrilenho. Geógrafo e cartógrafo muito dedicado à área marítima, é recordado principalmente por ter sido (1880) impulsor da Sociedad Española de Salvamento de Náufragos, co que isto tivo de filantrópico.

Alfredo Mario Ferreiro
2 Alfredo Mario FERREIRO (1899-1959). Uruguaiano. Poeta e jornalista. Adscrito à escola futurista, cujos títulos das suas obras abondam para darmo-nos ideia do seu criacionismo humorístico, talvez herdado de seu pai galego: El hombre que se comió un autobús (poemas con olor a nafta) (1927) ou Se ruega no dar la mano (poemas profilácticos) (1930). (Anedoticamente digamos que, por aqueles anos, codirigiu, co corunhês Julio Sigüenza, a revista literária montevideana Cartel).



3 Celso Emilio FERREIRO (1912-1979). Porventura o poeta galego mais popular do século XX, cum lirismo e um dizer incisivo parelhos (adoptando nalgum poemário o seudónimo de Arístides Silveira). Lembrai Longa  noite de pedra ou Onde o mundo se chama Celanova

domingo, 3 de novembro de 2013

A festa de Todos os Santos

           

            Coroas de acivro e loureiro eran comúns nos camposantos e cemiterios galegos noutro tempo, máis aínda que as flores; e a razón, sempre vinculada á simboloxía, non é outra que a de ser plantas de folla perenne, sempre verdes e sempre vivas, como unha evocación ó triunfo da vida, para lembrar que, como a semente que fica baixo a terra e logo florece, tamén os finados han de resucitar, unha crenza que, como vemos neste caderno por exemplos anteriores, non é exclusiva do cristianismo.
            E neste país en que a morte forma parte da vida, non podía ser doutra maneira que dúas das máis grandes feiras galegas, reunións de vida e actividade, son as que no primeiro de novembro se celebran en Monterroso e Betanzos, por exemplo.
            É data de visitar ós nosos antepasados, e como recollen etnógrafos como Taboada Chivite, eran datas nas que incluso se lle levaba comida ós finados, que se
depositaba sobre as tumbas, bolos de pan e cuncas de viño, que o sancristán recollía para contribuír con tales pagos ós responsos e misas de ánimas, nas que se evocaba o nome da persoa finada.
            E tamén é o tempo dos magostos, que tal vez teña na provincia de Ourense a máxima expresión ritual, onde nos dixeron que cada castaña que estoupa ó asar, é unha ánima que acaba de entrar no ceo.  

O ciprés


            A razón de que os cemiterios amosen uns cipreses dentro do recinto, é costume que traemos dos romanos, primeiramente por ser esta unha planta con forma fusiforme, fálica se se quere, e de folla perenne, unha planta sempre viva que semella loitar contra a morte.
            Mais a explicación lendaria da súa orixe nos cemiterios vén a través da lenda que conta de cando había en Grecia un mozo de beleza extrema, chamado Caperiso (ciprés en grego) de quen Apolo, o deus da luz, se namorou.
            Tiña este rapaz un cerviño que usaba de mascota e quixo a mala sorte que o animaliño lle morrese, sumindo ó fermoso mozo na máis triste desconsolación, polo que, apiadado del Apolo, ofreceulle a súa axuda para axudarlle a consolalo, e o cativo non tivo outra idea que pedirlle que lle permitise chorar polo cervo eternamente.
            Para cumprir tal desexo, Apolo converteu a Caperiso en ciprés a carón da tumba da súa mascota.

            

O Samain e Todos os Santos

            


            Na tradición celta hai tan só dúas estacións: o verán e o inverno, marcadas cada unha por unha data significativa, o Samaín (vocablo gaélico que se traduce ó inglés por Halloween), que marca o principio do inverno e o Cetmaín que marca o principio do verán..

            Á marxe das novas interpretacións que estamos vendo no noso país, que teñen máis de importación que de tradición, o Samain era unha celebración que coincidía con este primeiro de novembro, e cando as distintas tribos celebraban as súas asembleas e comidas rituais, lembrando as lendas asociadas a tal festexo, tal a do heroe que, en chegando esta data fica inmóbil durante todo o inverno, agardando a chegada do verán para volver á actividade, ou a do rei que pasa o inverno na completa ignorancia, ata que vén o verán. Lendas que á fin, nos falan da
inactividade da vida, da natureza que agarda ó medre dos días para volver a florecer, e que no fondo gardan esa relación simbólica co Achadego de Osiris, e asemade coa nosa celebración da Festa de Todos os Santos e Fieis Difuntos, que fala da esperanza dunha nova vida tras a morte.

xoves, 31 de outubro de 2013

INSCRIPCIÓNS FUNERARIAS


Por Pepe de Rocaforte      
            O nome de Jose Viale Moutinho na miña colaboración anterior tróuxome á memoria esta outra historia.
            Era na primavera de 1989. Os asistentes en Lugo a un Congreso de Escritores Galegos des­prazáranse a Mondoñedo para homenaxear a Leiras Pulpeiro, Lence Santar, Álvaro Cunqueiro e outras personalidades enterradas no cemiterio local. Entre os asistentes atopábase Viale Moutinho, quen nun á parte me comentou, en relación coas brincadeiras que aquí nos traemos a conta das inscricións en lápidas de cemiterios portugueses, que tamén nós, os galegos, tiñamos algo que rascar no asunto.
            A fin de mo demostrar convidoume para á viaxe de regreso pararmos en Vilalba e dar unha voltiña polo seu cemiterio vello. Aceptei e, nun paseo entre lápidas, puiden ver a que aquí se reproduce, sen dúbida un exemplar antolóxico.
            Repito o texto, por se na foto non se pode ver con claridade: “Aquí yace el licenciado José Fraga Iribarne. Amó tanto la justicia que se fue a ejercer la abogacía al cielo a los 21 años de edad. Villalba, 6-9-47”.
            Na outra fotografía reproduzo a Viale Moutinho fotografando a lápida.

            Por certo, para remate, nunha información aparecida na prensa do día seguinte, onde se daba conta do acto de Mondoñedo, dicíase que entre os asistentes se encontraba o escritor portugués Jose Viale Mortinho. Co seu habitual sorriso irónico, comentoume Viale: “Non é de estrañar que tratándose da información sobre un cemiterio, se lle ocorra chamarme así”.


O achádego de Osiris


Aínda que Osiris é unha divindade de orixe exipcia, no século II a.C. foi introducido o seu culto en Roma, onde cara o final do mes de outubro lle celebraban un festexo coñecido como o Achádego de Osiris. Que se prolongaba ata o día catro do mes seguinte.
Esta divindade, que merecía o culto que nas ribeiras do Nilo lle facían por ser o deus que lles ensinou ós nativos o cultivo da vide e os secretos da agricultura, tiña tanto aprecio entre os devotos, que seu irmán Seth, envexoso, con artes malignas fixo que entrase nunha caixa onde o pechou, arroxou ó Nilo, aproveitando unha crecida e a posterior inundación das terras baixas e logo aínda o despezou para que o seu corpo nunca máis volvese a ser un.
Pero tras moitos días de procura, cando as augas se retiraron facendo fértiles as terras antes asolagadas, a esposa do deus, Isis, encontrouno e foi recuperando os anacos do seu corpo, de maneira que, alí onde algún devoto quería erguerlle un templo ó benigno ser, a partir dun cacho de corpo recompoñían o resto da súa persoa con cera e o deus cobraba vida para os devotos.  O deus resucitaba así en cada templo.

Pero por se houbese dúbida sobre se a resurrección de Osiris era real ou ficticia, unha vez recuperado e refeito o corpo, Isis fornica con el e nace de tal xuntanza Horus.

martes, 29 de outubro de 2013

Un alzadeiro contra os roedores


A mellor solución contra calquera maligno becho inoportuno, ladrón ou infectocontaxioso non é a morte. A primeira lei do ecoloxismo di que todos o bechos, por moi repugnantes que sexan, son necesarios, incluíndo ás ratas de sumidoiro; e asemade ós ratos, a pesar de que contra el domesticouse ó gato. E como o gato non sempre dá abasto contra os roedores, argalláronse todo tipo de solucións para protexer os bens dunha casa. A vida no campo tamén é vida de resignación.

Unha solución contra os roedores, era este tipo de alzadeiro tan peculiar, que se penduraba do teito, e nel colgábanse os chourizos, pero tamén tiña esas baldas ou estantes sobre os que se pousaban os queixos, lonxe do alcance dos ladróns que habitan o máis humilde e honrado dos fogares, de maneira que, mantendo o producto ó aire, facilitando a súa curación, afumado nalgúns casos, e maduración, tamén se illa de ratos e gatos.

luns, 28 de outubro de 2013

Un enxeñoso transfogueiro


O transfogueiro é un simple ferro con patas que sirve para apoiar os troncos na lareira co fin de facilitar a súa combustión, pois ó erguelos facilita a circulación do aire e polo tanto o lume mantense aceso.
Vemos tansfogueiros en moitos sitios, algúns con fermosas figuras decorativas para adornar as chemineas dos pazos, pero hoxe detémonos nestes que atopamos na montaña de Lugo, onde os enxeñosos ferreiros lle argallaron un soporte para poñer cuncas e manter así o seu contido quente cando o traballo non permitía acudir coa prontitude axeitada.

Podemos dicir que era a solución de antes de que se inventase o microondas, onde se coloca a cunca ó cabo dun longo varal que a suxeita por encima do lume da lareira.

domingo, 27 de outubro de 2013

Un carreto




Un carreto curioso, dos usados na montaña luguesa para ter ós nenos recollidos, e
onde ademais de fortalecer as pernas estirándose poden sentar nese pequeno asento que se percibe entre as táboas. 
     Como vemos é un asento incómodo, que obriga ó cativo ou cativa a erguer cada pouco exercitando así as pernas. Non é un andador, pero semella que cumpre unha función para dar os primeiros pasos antes de andar sen caer.
Ten o seu pratiño para as papas e ten unha especie de asas ou asideiros para poder apartalo ou transportalo sen sacar ó neno de dentro.
Decir que tamén se lle chama a este tipo de aparellos tenteteso, pola parta de A Estrada.

O ganzo e o pasmón



Velas, candís, quinqués... os sistemas de iluminación previos á chegada da corrente eléctrica eran múltiples, pero entre eses aparellos curiosos, tal vez máis aínda polo primitivo do seu uso, está o Ganzo, que é unha vara de acivro ou uz, principalmente, seca e con algunhas físgoas ou gretas na súa madeira, de maneira que, ó acenderse poida manter unha chama acesa. A cousa está en que esas gretas permiten o paso do aire para avivar a chama, e sen elas só se conseguiría unha brasa, que non ilumina.

Esa vara que fai as veces de lanterna suxéitase co “pasmón”, un soporte que ten no extremo unha pinza para suxeitalo.

venres, 25 de outubro de 2013

O CAMIÑO PORTUGUÉS

Ponte de Ucanha
 Por Pepe de Rocaforte

            Chámanme por teléfono para ofrecerme, seica dado o meu presunto interese pola cultura galega, unha película sobre o Camiño Portugués a Santiago, a un módico prezo de nove euros, importe destinado case na súa integridade ó pago dos dereitos de autor. Eso me din.
            A chamada tráeme á memoria o meu paso, a mediados dos anos noventa, pola aldea de Uca­nha, uns quin­ce quilómetros ó sur de Lamego, onde fun ver a única ponte medieval fortificada de Portugal. Alí chamoume a atención un letreiro, semellante a outros que algún tempo atrás empezaran a verse polas estradas españolas, coa indicación de “Caminho de Santiago”.
            Ó día seguinte, no Porto, comentáballo ó xornalista Jose Viale Moutinho, quen me dixo: “Como Portomeñe continúe na Xunta (Victor Vázquez Portomeñe era daquela Conselleiro de Cultura) chegará a descubrir un camiño de Santiago a través de Angola. Xa o ve­rás”.

Viale Moutinho

            Falamos tamén da cantidade de bandeirola e restos festeiros que vira na ponte, así como un gran cartel na torre coa foto de Mario Soares, por aquel tempo Presidente da República, a quen saudaban os representantes do pobo, agra­decidos pola súa visita (realizada un par de días antes do meu paso por alí). E comenteille a Viale a fina ironía da coidadora do monumento ucanhés, quen ó lle eu preguntar como fora o encontró co presidente, respondeume: “É o segundo xefe do estado que pasa por aquí. O primeiro foi Afonso Enriques”.
            “¿Estás de brincadeira?”, retrucoume Viale. “Non, ho. ¿Por que o dís?” “Porque eso escribino eu na crónica que mandei para o Diario de Lisboa”.

            Se fose hoxe, responderíalle: “Pois vaille esixir dereitos de autor á señora. Tal vez lle poidas sacar uns nove euros segundo tarifas”.

mércores, 23 de outubro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                       Por UM-DO-CHAO.
ESTÉVEZ.

O apelido.
Apelido patronímico e exclusivo do galego-português, sendo o seu significado filho de Estevo/Estevao… nome que (Mdz. Ferrín) viria do grego (coroa).
Muita sona ou devoçom devéu ter este santo Estevo na Europa toda (alcumado de protomártir, o primeiro mártir), dada a presença do apelido derivado em tanta língua continental: Estébanez (espanhol), Stefani/Di Stefano (italiano), Stephens (galês), Stevenson/Stephenson (inglês), Steffansson (escandinavo), Stepanovicius (lituano), Stepanov (ruso), Stefanovic (eslavo), Stephanescu (rumano), Stepanopoulos (grego), Stepanian (arménio), etc., etc. (Persoalmente conhecémos umha senhora Estefanía (Fanny) Esteves, quem seguro ignorava ter nome e apelido tam ligados entre si, quase redundantes: daquela nós nom tínhamos o conhecimento de tal para lho comentar).
José María Estévez Ruiz de Cote
Como primeiro apelido de tal grupo que resenhamos, nom estará de mais lembrarmos que os patronímicos som os mais antigos apelativos, como que nascidos na Idade Meia, e daí que se tornassem os mais abundantes e, portanto, ó paradoxo!, os mais vulgares… até o ponto de a gente de sona tratar de evitá-los, para o qual ou bem os levam em simples inicial… ou bem, direitamente, os eliminam: (Martínez) Murguía,  (Martínez) Risco ou (Rodríguez) Castelao antano, e onte e hoje o tam destratado Fernández, que foi amputado em Nan (de Alhariz) antes, e agora em Fer (Claudio Rodríguez F.) ou Fernán (M. Anxo F. Vello), por pormos meia dúzia de exemplos literários.

As personagens.
Sempre fazendo fincapé nos nom galegos, velaí vam três nomes doutros tantos países… se bem um deles galego foi, destacou longe do seu e nosso país.
1 Miguel ESTÉVEZ Díaz (1767-1812). Compostelám, ajudante de arquitecto, conservam-se os seus cróquis das duas fontes históricas corunhesas: a de Santo André (antiga da Fama) e a de Santa Catarina (ou de Neptuno); mas a sua obra persoal foi (1798) a colonial Capilla de la Caridad do hospital homónimo na cidade de Montevidéu.
2 José María ESTÉVEZ Ruiz de Cote (1789-1834). Bispo de Santa Marta (bem conhecida polo cantar Santa Marta tiene tren pero no tiene tranvía), em Colómbia, neto que foi do galego Juan Estévez. Polo seu activismo patriótico, dele dixo Simón Bolívar: “Él vale por una guarnición” e García Márquez (em El general en su laberinto -1989-) refere-se aos momentos derradeiros do Libertador (1830) quando foi sacramentado por Estévez.

Martin Sheen 
3 Ramón Antonio ESTÉVEZ Phelan (1940). Vede aí o nome oficial do actor ianqui Martin Sheen, filho de Francisco (de Parderrubias, em Salzeda de Caselas) e de mai irlandesa. Este sócio de honra do seltiña visita acotio a aldeia da sua oriundez, fixo-se  famoso a partir do seu protagonismo no filme Apocalypse now (1979) e mais actuando de presidente dos USA na série conhecida em espanhol como El lado oeste de la Casa Blanca. Além disso é pai dos tamém actores Emilio Estévez e Charlie Sheen.

O CONXUNTO “CASA CATALÁ-FACTORIA” EN A POBRA DO CARAMIÑAL


Por Kanus                           


            O fomentador catalán constrúe a súa vivenda familiar ligada á propia factoría, distribuíndose ambas edificacións sobre unha planta rectangular.
            Nun dos lados menores do rectángulo que forma toda a propiedade, cara a leste, emprázase a  vivenda (da que xa demos uns apuntes), que ten a fachada principal, coa porta de entrada cara ó mar, e cuxa soleira é de considerable amplitude, porque a través dela  tamén entraban os carros coa materia prima (sardiña) e outros productos e materiais para a elaboración do peixe, atravesando a casa por un corredor de pedra ata a fachada posterior que dá á factoría, onde se diferencian tres áreas: a chanca, o claro e o morto.
            No sur do recinto, sitúase a chanca, constituída por lagares, unha especie de pozos rectangulares de pedra onde se introduce a sardiña con sal, e se cubre  con tapas  de madeira, permanecendo deste modo o tempo necesario ata adquirir o nivel de salgadura preciso.
            Na parte central da factoría está o claro, que vén sendo unha zona de paso, pero tamén o lugar onde se  limpa a sardiña, sobre un chan lousado polo que atravesa unha canle para as augas residuais, tanto as derivadas da limpeza da sardiña como da mesma choiva.
            No norte, situase o morto, que é o lugar de prensado da sardiña, mediante as prensas dispostas para tal efecto, onde ó peixe se lle extraía a graxa ou saín, para o seu envasado e posterior comercialización como combustible, de uso principal no alumeado.
            No oeste, no fondo da factoría, é dicir, no outro lado menor do rectángulo, localízanse  diferentes estancias menores pechadas que constitúen o almacén (do sal, de aparellos e ferramentas de traballo, pequenos obradoiros, etc).

            Constructivamente a factoría está pechada ao exterior por muros de pedra, de dimensións variables en altura pero máis ou menos duns dous metros.
Interiormente, no contorno destinado a factoría obsérvanse dúas ringleiras de postes de pedra, que van de leste a oeste, que xunto cos muros exteriores sustentan dúas cubertas distintas, unha a norte, onde se sitúa o morto, e outra a sur do recinto, onde se atopa a chanca, con teito a dúas augas cada unha, armada cunha estructura de madeira e cubrición de tella do país. Entre ambas ringleiras de columnas non hai cubrición, está a ceo aberto,  é a denominada o claro.

            A factoría está inspeccionada polo encargado que dispón de despacho na parte posterior da vivenda, con ventá á factoría.

domingo, 20 de outubro de 2013

Cantigas de Pastoriça (e III)

Por José Devesa                                                                                                                           


VI
Virxiña de Pastoriza,
Pastoriña, pastorela,
Se A Cruña é coma unha lúa
Ti semellas unha estrela.

VII
Virxiña de Pastoriza.
O que pasa a tua pedra
Non perde nunca a esperanza
Nin morre fora da Terra.

(Baixando cara á vila, 30-03-75)

sábado, 19 de outubro de 2013

Pináculo nun hórreo de Rianxo.



Supoño que se vos pregunto aquela adiviña que di: Ten barbas e non é home, ten dentes e non come, todos sabedes que falo do millo, con aquela outra variante máis extensa: Nun prado moi cercano hai un frade franciscano, que ten dentes e non come e ten barbas sen ser home.
Acórdanme estas adiviñas diante deste hórreo de Taragoña, en Rianxo, que ten como pináculo unha espiga de millo, un símbolo apotropaico para esconxurar o mal e atraer a boa fortuna, unha evolución para moderno que ten a súa orixe naquel corno ou pico erguido que representaba ó deus Priapo, protector dos campos e favorecedor da multiplicación da semente. Esta non necesita máis interpretación, aquí gárdase o millo coa esperanza de que dea de si moita fariña e medre o seu contido como semente en terra fértil.
E para rematar, xa que hoxe estamos con adiviñas, a ver quen sabe esta que di: Verde nai de cabelo dourado, leva o fillo no colo cun cobertor agochado.

Quen o saiba que o diga.

xoves, 17 de outubro de 2013

SITUACIÓNS QUE SE REPITEN

Por Pepe de Rocaforte
            Dicía don Vicente Risco que cando aparecía publicado algún libro novo e se poñía en marcha a cadea de reseñas xornalísticas, colocación dun ou varios exemplares en lugar destacado dos escaparates das librerías e toda esa publicidade (daquela aínda tan escasa) para promocionar as vendas dese determinado título, el, don Vicente, non o lía, prefería deixar que o paso do tempo calmase un pouco o rebumbio e máis adiante xa decidiría se se animaba á lectura ou non, segundo lle cadrasen as circunstancias.
            Como en tantas cousas non podo parecerme a don Vicente (nalgunhas non quero), nesta tan doada de cumprir, sigo o seu consello e case nunca leo un libro en campaña de lanzamento, co cal en moitas ocasións acabo por non chegar a lelo nunca.
            Outro tanto me sucede co cine e non vexo ningunha película senón bastante despois da súa data de estrea. Non é estraño polo tanto que aínda acabe de ver agora mesmo “O desafío. Frost contra Nixon”.
            Por se alguén non está ó tanto direille que en resumen o filme trata da entrevista televisiva feita polo presentador e xornalista británico David Frost ó daquela recén demitido presidente dos Estados Unidos. A película seguramente non pasará á historia da cinematografía, pero dela chamáronme a atención particularmente algunhas das frases pronunciadas por varios personaxes ó comezo da fita. “O poder mal usado é a esencia mesma da tiranía”, dicíase nunha delas. E noutra: “En lugar da satisfacción que pensei sentir (pola demisión de Nixon), só me atopaba cada vez máis cabreado porque en ningún momento admitiu a súa culpa nin pediu perdón”.

            A propiedade con que se poderían aplicar estas frases a unha situación ben actual e próxima (pero neste caso sen demisións por medio) fanme traer aquí este comentario, aínda coa dúbida de se será lugar axeitado para el.

mércores, 16 de outubro de 2013

Muíño de man


Cando falamos de muíños, sempre nos vai a idea a esas construccións feitas a carón dos ríos, onde tantas festas se fixeron, pero hai moitos máis, sempre adaptándose ás necesidades do usuario e á forza motriz máis adecuada en cada lugar, xa de marea, xa de vento ou xa de man, coma este que atopamos no Porto do Son. Un muíño caseiro, outrora moi usado e que, coma os seus parentes maiores e máis grandes, tamén ten pé, que é a pedra de abaixo, a moa que é a pedra que se move sobre o pé, e o ollo, polo que se bota o gran para moer; e nesta moa, é onde vai unha especie de asa ou manceira para facelo xirar manualmente.

Quixemos tamén sacar o detalle do interior do ollo, onde se ven as pedras sobre as que xira a moa, o grilo ou ovo, e a ra ou cuncha, que apenas se ve.