O san Ramón de Loroxo, que se celebra na capela do
pazo de Loroxo, tamén coñecido como Casa de Mandiáns, en terras de Bergantiños,
congrega ás devotas embarazadas que cada ano se acercan solicitándolle axuda para
os delicados intres de dar á luz, a el que despois de morta súa nai saíu á vida,
e por iso o alcuman o Non-nato ou Nonato. E énchese o recinto do pazo e terreos
do entorno para asistir á misa e, se é necesario, á baixada do santo sobre a
ofrecida, colocando a imaxe sobre a cabeza, o ombro dereito e logo o esquerdo ó
tempo que se recita a fórmula:
Santo bendito che dea a sanidá
che quite a enfermidá
co poder de Deus
e da súa bendita madre
Un padrenuestro e un avemaría.
Despois vén a
procesión, que ha de percorrer aqueles camiños e lugares que de sempre se
percorreron e que neste caso incluía a volta a un cruceiro que había nunha
finca do lugar.
Pero sucedeu que os
donos de tal finca decidiron pechala con muro e cancela, e para o día do santo
esqueceron ou non portaron por abrirlle unha porta á procesión, co que o santo
non puido ir por onde sempre foi; e non debeu de gustarlle ó Nonato aquela
prohibición dun dereito de paso ás que obrigan antigas leis de uso e paso, que
volveu para a capela triste. E a vinganza foi terrible.
Ese ano, os propietarios do cruceiro, da finca e da
porta pechada tiñan unha vaca para parir, próxima de dúas crías, que morreu
inesperadamente, ela e o que levaba no ventre.
O Nonato nin sequera permitiu un nacemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario