A incerta singradura entre a
néboa
En Bueu
era día de mercado, e entre chafarices de froita, roupas e aparellos varios,
accedemos ó peirao onde nos agarda o barco que ha de levarnos á illa.
A penas
desatracamos a voz dun dos mariñeiros de cuberta advirte e alerta: “Está pecho”.
Si, o patrón xa viu que por proa o mundo é un manto branco que cega ó
observador. Ás veces por algún dos costados vemos unha barquiña pesqueira coas
cores diluídas e pouco máis, coma unha pantasma que emerxe entre néboa. Pálpase
certo temor entre a xente, como se de súpeto puidese aparecer algo diante de
nós que non puidésemos esquivar. En cuberta sentimos frío,
pero por iso
deixamos de outear, agardando que o horizonte se amose dalgún xeito, furando,
escudriñando entre esa nube branca e fría, e lembramos lendas de barcos
fantasma que aparecen inesperadamente pola amura para traer a súa desgracia ós
nautas indefensos contra as errantes ánimas do Máis Alá, lendas de santas
compañas mariñeiras que nos levan a procurar algún mascarón que nos protexa,
unha imaxe divina que nos ampare, unha figura apotropaica, porque aínda que non
se sexa crente o temor crea náufragos do desespero; ata que con ollos buscóns
descubrimos no mastro do radar que coroa a ponte de mando, unha restra de allos
como única invocación á boa sorte, como símbolo protector contra as bruxas que
nos asexan, como figura que nos ampara e nos permite ter a seguridade do bo
camiño.
Nestes
tempos de abatemento, pesimismo, desánimo e falsos ídolos, volven a nós, como
un salvavidas seguro e esperanzador, as vellas crenzas que nunca lle fallaron ós
nosos devanceiros a través dos séculos. O allo repelente de bruxas e do mal de
ollo é hoxe o noso escudo e rompeolas
E así, cunha
restra de allos por mascarón furamos na néboa do mar de Ons con maior afouteza
cara o noso destino, ata que de súpeto, como se aquel manto de invisibilidade
se abrise, imos descubrindo o espigón do peirao, xurdindo entre a néboa como
unha flor saíndo entre as nubes. Aí están as casas da beiramar que rodean o
embarcadoiro.
Cargamos
o petate, e agardamos a que amarren para que o patrón nos dea a voz de
desembarco.
A néboa
non despega, pero, ó menos, xa nos permite ver onde poñemos os pés.
Sabendo a quen se lle reza sabemos a quen se lle teme
Sabendo a quen se lle reza sabemos a quen se lle teme
Ningún comentario:
Publicar un comentario