A punta dos fedorentos
Din que
aquí tamén houbo un castro, que chaman de Canexol (ou sería caniço, ou quizabes
un canejo portugués), pero del só atopamos un cativo conxunto de pedras, unha
cunha incisión que acusa a man do home e pouco máis, nin sequera a forma ou o
detalle polo que adiviñar a razón da mesma, así pois, tras valorar as características
paisaxísticas de todo castro seguimos con rumbo sur, cara ó mediodía, onde as
guías anuncian a existencia dun miradoiro desde o que se ven en fila Onsela, xa
emerxendo da néboa, e as Cíes, ademais das entradas das rías de Vigo e
Pontevedra, así como uns pescos ó fondo do alto cantil onde xa se fai presente
a vexetación de toxos.
Aquí xa
non hai casas. Os ventos que veñen do océano fan desta parte un lugar abrupto,
pero imos quedarnos co nome deste miradoiro:
O
miradoiro dos Fedorentos.
¿Quen
eran os Fedorentos?. ¿Por que fedían?.
Cada quen
ten a súa teoría, desde que este era o lugar a onde saían os cadáveres dos náufragos,
ou onde as algas e argazos se amontoaban, como tamén o lugar onde varaban os
golfiños, baleas ou arroaces enfermos e moribundos. Non deixa de ser curioso
que xusto enfronte, na Onsela, estea a praia que chaman das moscas. Logo, o
nome non é gratuíto; á fin, entre esa praia e este promontorio rochoso ábrese a
porta pola que as rotas do océano atopan doada entrada, xa de correntes mariñas
como do amparo dos ventos que empuxan cara terra firme, e nese empuxe de
entrada, ben podía ser que os descoñecedores destes mares desen coa quilla
nalgunha destas rochas que marcan o paso.
Pero, ¿e
se o nome se refire a que aquí era o refuxio de enfermos infecciosos, ou de
chagas abertas e cheirosas, como se sabe que había en moitos lugares costeiros
e arredados da poboación?. ¿Podían ser os fedorentos unha comunidade de,
poñamos por caso, leprosos, ou de gafos, como din os portugueses?.
Se sondes
crentes, botade unha oración polo que este lugar foi, se non o sondes deixade
caer un simple ramallo de herbas, un bico ou un saúdo coa man movéndose tal ánima
compañeira, e sigamos a nosa andaina.
O buraco do Inferno
O buraco do Inferno
Ningún comentario:
Publicar un comentario