xoves, 8 de agosto de 2013

O lume


Aquí andamos, neste mes en que o verán se manifesta con todo o seu poderío, cando o calendario cristián nos aproxima a haxiografía de santos como Lourenzo, Román e Tiburcio, que tanta relación teñen co lume.
Din que Román, un soldado encargado de manter a orde mentres se asaba a Lourenzo na grella, vendo a tranquilidade con que o martirizado aturaba o martirio, pediu o bautismo. De Tiburcio cóntannos que sento ameazado con brasas incandescentes se non homenaxeaba ós deuses romanos, el mesmo, sacou as sandalias dos pés e púxose a camiñar sobre as mesmas brasas.
O lume, sen embargo, aínda que se converteu en elemento de martirio, de sempre foi considerado como un ben ó que se lle rendía homenaxe como se dun deus se tratase.
O lume do lar é un elemento respectado ata o punto que a el non se lle poden botar as varreduras do chan nin o lixo,  para non aldraxalo. Tampouco se lle poden botar as cáscaras dos ovos, pois con elas foi avivado o lume en que asaron a san Lourenzo.
Convertido pois en deidade do fogar, avívase botándolle graxa, na crenza de que así esta divindade alégrase e rise. Mais con todo, para evitar que se rebele contra o devoto que o mantén sobre a pedra do lar, para evitar as queimaduras do fogar, está a oración que se lle di mentres se acende:
A auga mata ó lume e o viño mata a sede,
E así como estas cousas son verdade,

Lume: non andes nin arades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario