Sabendo a quen se lle reza intuímos
ó que se lle teme.

A igrexa,
coma tantos templos da nosa xeografía, cambiou de sitio, cando os habitantes da
illa buscaron a vida fora destas paisaxes, e a xente que atracaba a este peirao
ficaba no entorno dos bares e praias, pois a orixinal co seu cemiterio arredor,
está nun dos outeiros da illa, algo máis arredada do peirao. Pero de momento
entramos nesta, que quere ser minimalista pero adórnase con cerámicas debuxadas
máis propias da arte Kitsch, incluído un rodapés de cerámica que percorre todo
o perímetro interior do templo, con esquemáticos peixiños, pero non por iso vai
ser menos interesante.
O
edificio é un bloque alto e branco, que adorna a súa fachada cun tetramorfos
sobre a porta principal, onde outrora debería ir un rosetón, e a ambos lados da
porta, as xambas representan escenas da vida de Cristo, pero cunha presencia
abondosa daquelas pasaxes evanxélicas que se refiren á relación co mar, xa sexa
á pesca, ás tormentas ou o camiñar sobre as ondas, así como unha referencia ó
ensino do oficio transmitido de pais a fillos, sen faltar a escena do nacemento
e morte na cruz. Represéntase pois a vida, as vicisitudes que a visten, a loita
diaria dun pesco.

E si,
mentres volvemos a contemplar a igrexa desde fóra, tamén observamos as
primeiras casas, cravadas no chan como se emerxesen das profundidades da terra.
E cara elas imos. Cara a paisaxe humana.


As dúas caras da illa
Ningún comentario:
Publicar un comentario