O buraco do inferno
Camiñamos,
pois, cara esas cruces que se erguen sobre o cantil, e nos lembran do perigoso
que é o lugar, e sentimos xa de lonxe o ruxir do mar como un touro bravo que
loita por desafogar toda a súa furia. Imos, porque a aventura invítanos a
explorar paisaxes e sensacións, pero non sen certa precaución. Din que
por este illa e por este lugar, rolda un touro negro coma a noite, coroado por dous cornos de ouro como o sol,
exercendo de porteiro deste buraco polo que entran os finados camiño do Outro
Mundo. Non é pois o inferno cristiá de lume e maldición o que o touro protexe,
senón o mundo dos mortos das mitoloxías gregas, o Hades aquel ó que baixaron
heroes como Odiseo cando buscaba consello para seguir a súa longa viaxe. É o
touro que de sempre simbolizou o poder fecundativo da natureza, quen anuncia o
triunfo da vida sobre a morte, e eses cornos lembran ó sol que fai xerminar as
plantas.

Volvemos
daquela a lembrar aquela imaxe que coroaba o pinche dos hórreos, eses cornos
rendidos ó chan, eses raios que poden e deben facer medrar a semente, o poder
apotropaico dun símbolo que invoca a triunfo da vida sobre a morte, do ben
sobre o mal.

O burato
do Hades, como lle vou chamar desde agora, é un profundo pozo ó que non lle
vemos o final, no fondo do que brúan as augas con tan rouca chamada ó abismo
que mete medo; e despois del, o camiño segue polas abruptas costas, deixando
ver xa a illa de Sálvora e a punta de Corrubedo, logo os montes da Barbanza e o
Iroite, pero tamén no cume desta mesma illa, no mesmo centro dela, erguéndose
con toda a maxestosidade permanece o faro de Ons, a guía de navegantes, e, como
dixemos no primeiro capítulo, o que nos indica como vén o tempo para a ría
segundo a rapidez con que as nubes o cobren.
A volta do camiño e do tempo
Ningún comentario:
Publicar un comentario