A volta do camiño e do tempo
O
percorrido, sempre preto do mar océano, permítenos ver esoutra paisaxe de
toxos, a antiga fonte de enerxía calórica dos insulares, que deixaban medrar
por tempadas de ata dous ou tres anos para ter leños gordos e duradeiros.
Tamén se
cruza no camiño o novo sistema de transporte da illa. Os carros de outrora
fican morrendo entre os arredores e fincas incultas para abrirlle paso ós
pequenos tractores que reparten os encargos que o barco de Ons trae cada mañá.
Todo o camiño
é un inmenso miradoiro que nos leva preto do faro, no lugar máis lugar máis alto
da illa, e máis aló aínda imos procurando a chamada punta do Centolo, un
promontorio que se ergue no extremo norte, e a onde en época de cría de aves
non se pode acceder. E desde aquí, desde este cume, temos enfronte os montes da
Curota, os Dous Gallos, e o Iroite, e ó pé toda a costa que abrangue desde
Aguiño ata Cabío, e xogamos a adiviñar que é cada cousa que se ve, e
distinguimos a igrexa de Palmeira, esa da que contan que foi ronsada desde o
lugar de san Pedro ata preto do porto, media legua de camiño, arrastrada por
dous valentes que a foron empuxando paso a paso unha noite de bebedela.
Ata esta
punta do Centolo chegan moitas sensacións que nos fan sentirnos parte desta
terra, onde repousamos un anaco antes de baixar, cos nosos bocadillos na
saqueta á praia de Melide, un branco areal de augas frías, onde podemos
repousar un anaco, sacudir o pó da larga camiñada e emprender de novo a rota
cara a praia das dornas, onde concluímos a volta en redondo á illa.
As dornas
de Ons, as dornas polbeiras, que mantiveron ata ben avanzado o século XX as
formas tradicionais e os máis arcaicos métodos de mantemento e conservación, son
agora, coas casa abandonadas
e cunha actividade practica e exclusivamente
dedicada ó turismo, uns obxectos en perigo de extinción. Só algunha dorna apodrece
nun balado e algunha outra dorme tranquila fronte ó mar, ociosa e saudosa de
nasa, redes e polbos. Semella pois, que coas voltas do camiño feito, volvemos
de novo a un tempo que só nos pode lembrar o pasado. Aí están estas dornas de
tipo carreirana. Delas só quedan pequenos exemplos fotos, algunha lembranza e a
caldeirada de polbo que degustamos nun dos restaurantes da illa, despois de
probar un anaco de empanada milla, tamén de polbo, para facer honor á tradición,
onde mar e terra se conxugan nun exquisito manxar, moi semellante a outros que
temos probado nalgún dos portos da ría de Arousa. A fin o illa grazas ás dornas
non está illada, abriu camiños a terra firme, trouxo e levou ideas e costumes, mercadorías e ansias de abrir fronteiras e saltar salseiros, e tamén, entrando por esa punta do Centolo que antes visitamos, hoxe paraíso de aves acuáticas, ás veces vén a Santa Compaña, que aquí, en Ons, se fai anunciar con luces e campaíñas para avisar da vindeira morte dalgún veciño deixando un cadaleito na porta do chamado, e logo segue camiño cara ó cemiterio, onde desaparece. E nós, curiosos como somos, cara ese cemiterio iremos despois de degustar a caldeirada de polbo.
Visita ó camposanto e despedida
Ningún comentario:
Publicar un comentario