A laxe do crego


Máis en certa ocasión chegou a esta
illa un santo varón que atracou nas súas ribeiras coa única intención de
ensinar ós paisanos que atopase as verdades nas que el cría, e tanto se
involucrou coas xentes e coa paisaxe, que desexou ficar aquí para a eternidade,
formando parte da paisaxe; e para iso non atopou mellor sitio onde repousar cando
deixase de vivir entre os homes, ca ese promontorio rochoso medio do mar e medio da terra ó que os
salseiros bañan con vento de nordés tal bendita escuma de branca pureza.
Aquel crego do que ninguén lembra o
nome que tiña, ou ó menos un anaco dalgún dos
seus sermóns, milagres ou obras,
nos momentos en que o seu labor apostólico o deixaba libre, subía a este
promontorio, a pensar nese Máis Alá que el agardaba como meta para ver ós seus
deuses e santos, e accedía a esta laxe cada día a través dos mesmos chanzos que
a pedra ten, como se ela mesma o invitase a subir, e onde, día a día e ano a
ano foi cavando a súa sepultura, coma quen abre unha porta ó paraíso.
A santidade vai parella coa humildade,
e non hai santo no calendario tan humilde coma este que nin nos deixou un nome con
que veneralo nin unha data para festexalo.
Era o seu desexo, renovado a cada golpe
de maza cando facía o seu leito para a eternidade, encontrar aquí a paz e a
gloria polos séculos dos séculos, do que agora, xa só queda ese sarcófago
labrado, desde o que todos saben que o seu desexo de acadar a gloria se
cumpriu, e onde os crentes que hogano a el se achegan deitan, pechan os ollos
e, lembrando ó seu constructor, piden un desexo, que o santo crego sen nome
concederá pola memoria que del se garda.
A Laxe
do crego é agora un santuario sobre o que a alma do santo permanece e faise
presente na memoria dos visitantes, ata converter este promontorio nun lugar de
peregrinación e devoción a un milagreiro santo sen nome que atende, de tan
peculiar maneira os pedidos dos devotos.
O por que decidiu ficar aquí é un
misterio, pero podemos intuír que quixo permanecer onde cada día os veciños o
visen e o lembrasen, á fin, o ceo só é a boa memoria que se garda do finado, e
non hai gloria máis grande para quen deixa este mundo ca ser lembrado con
cariño por aqueles que conviviron con el, e polos descendentes que seguirán
téndoo presente a través dos séculos.
A punta dos Fedorentos
Ningún comentario:
Publicar un comentario