As casas, os hórreos, as fontes.
É nesta
banda de leste onde está a parte máis rica arquitectonicamente falando, ou máis
exactamente na parte que vai cara sur, o sueste, pois ó ser a máis abrigosa
tamén era onde as condicións ambientais facían máis doada e soportable a vida.
As construccións mostran as
necesidades, os recursos e o enxeño dos moradores. E buscando esa adaptación ó
medio, onde abundan os hórreos, o que nos indica a importancia da agricultura na
illa, a pesar da fama mariñeira que ninguén lle quita, e vemos neles unha construcción
sólida, de cantería moi traballada, tal vez máis sólida e máis delicadamente
elaborados cás mesmas casas, adaptadas estas ó terreo, como enterradas nel, formando
pequenos núcleos que semellan emerxer do chan, aínda que na maioría observamos
que a porta de entrada ten o acceso a través de tres ou catro chanzos. Son
construción de paredes feitas de cachotes de pedra mentres que os ocos de
portas e fiestras, poden (que non sempre) ter pedra labrada, sempre mirando á
necenza do sol, e aínda que hoxe chegan a xuntar varias casas para facer unha
algo máis grande, en orixe eran pequenos habitáculos de chan térreo, cunha porta
e unha fiestra, onde se reparte a cociña e unha habitación, con cortellos e
cuadras arrimadas. A parede traseira
chega a enterrarse tanto no chan que ás
veces non levanta medio metro, e outras veces sorpréndenos unha cheminea que
nos fala da riqueza da casa, como símbolo de poder económico, pois a lareira
onde hai moito lume é porque ten moitas potas a cociñar e todo iso necesita
unha cheminea acorde co fume que sae.
Non hai
rúas entre as casas, senón que se dispoñen como filas de tres ou catro, os
tellados son a dúas augas, ás veces o de oeste máis longo co de leste, moitas
fiestras carecen de aleiro no lintel, non hai miradoiros nin balcóns, que tampouco
se necesitan, neste lugar onde todo el é un miradoiro, agás na da rectoral que
era casa grande.
Sentimos
curiosidade pola simboloxía apotropaica, e fixámonos nos hórreos, construídos
con pedra sólida e ben traballada, coa base cerrada entre os pés,
maioritariamente cerrada, para aproveitar como adega, uns hórreos que, vistos
por separado, dan idea dunha boa riqueza
agrícola, e que teñen como adorno maioritario o pináculo, representación fálica
contra o mal de ollo e propiciador da semente e da reproducción; e sen embargo,
en moi poucos hai a cruz, limitada esta, case en exclusiva ós da casa do crego,
que son dous, e ambos os máis grandes de Ons. Pero tamén nos chama a atención
unha especie de semicírculos enfrontados baixo o aleiro do pinche, sempre o
mesmo símbolo, dúas curvas máis ou menos separadas ou pronunciadas, unha
simboloxía que tratamos de identificar con algunha figura do folclore
etnográfico, e imaxinámolo como dous cornos cara abaixo, ata que lembramos o
vello amuleto usado contra o mal de ollo en distintas partes da nosa terra,
formado polos cornos de vacaloura ou escornabois que se levaba pendurado do
pescozo, e na semellanza, esquemática, que estas inscricións teñen cos
atributos do coñecido insecto. Á fin, a fortuna sempre atrae a xenreira dos
envexosos, e contra ela hai que defenderse coas armas que a tradición nos dá.
Tamén se
ven algúns pozos modernos, deses chamados de barrena, para o abastecemento de
auga doce, pero gustamos de ver un sistema de recollida da auga consistente en
aproveitar un dos moitos desniveis do terreo para reforzalo con pedra ata facer
unha arqueta, máis ou menos grande, á que lle engaden un torno ou tubo para que
a auga flúa controlada e sen que se perda, tal unha fonte ou, noutras ocasións,
unha especie de piscina que mantén no chan a auga recollida.
Aí está a
vida adaptada ó terreo, facendo propia a terra que se habita, co mar sempre
presente, atraendo a nosa mirada.
A laxe do crego
Ningún comentario:
Publicar un comentario