xoves, 22 de agosto de 2013

Ons, unha sentinela no Atlántico (IV)

As dúas caras da illa
  
Saímos da igrexa ó encontro da vida, á procura das claves que nos indiquen como era esta illa, e o por que da devoción dos insulares sobre esas iconas de que falamos.
            Sabemos que practicaban unha economía mixta, a pesca e o marisqueo durante medio día, e o outro medio a agricultura, que coidaban galiñas e galos que, chegando o Nadal levaban a terra firme a vender coa voz “Quero Galo”, aves ben mantidas a base de millo e papas de pan; e empezamos a camiñar cara onde hai máis casas, cara a parte sueste da illa, onde outrora chegou a haber máis de cincocentas persoas e agora a penas viven media ducia durante todo o ano. Unha aldea onde nos sorprende un pesco que prepara os aparellos, rodeado de gavotas que agardan a dádiva que el lle bote como se fosen pombas agardando as frangullas. As gavotas non lle temen ó pesco porque saben que el aliméntaas, e el que elas atraen a sorte, desde o intre en que coroan os barcos coa súa estela como se perseguisen a fartura.

            Aínda os bechos salvaxes aquí semellan convivir cos paisanos, e por iso lembramos aquela lenda que fala dun rapaz que, mentres gardaba o gando atopou unha pequena serpe á que lle deu un pouco do seu pan da merenda, e tan amigos se fixeron, que o mozo só tiña que chegar a aquel lugar onde pastaban os animais que, botando un asubío, aparecía a serpe e con el compartía o pan. Pero ó rapaz chegoulle o tempo de cumprir co Servicio Militar, e despois de moitos meses fóra, cando volveu e chamou pola becha, esta tanto o botara en falta que, enroscada a el con tanta paixón deulle morte. Entón, arrepentida, do mal causado por non saber medir a forza do seu cariño, a serpe botouse ó mar e morreu afogada.
           A outra versión que se conta di que a serpe abrazouno con premeditada maldade, e os máis misóxinos aseguran que non era serpe senón moza desagradecida.
            Miramos agora ó mar e a néboa semella querer despexarse, marchar, facendo aflorar as illas e pedras da contorna.
            A illa, con ser unha, ten dúas partes moi diferenciadas, que imos marcar cunha liña imaxinaria que percorra todos os cumes, onde seguramente se situaban a maioría dos secadoiros de congro e polbo que os insulares vendían en terra firma. Unha liña para deixar ó oeste a parte máis agreste e de perfil costeiro máis escarpado, con grandes cantís e furnas, afeitas a soportar a acometida dos ventos mariños; e a leste, mirando para a ría de Pontevedra, a parte máis abrigada, onde están as praias, as terras de cultivo, as casas e o mesmo peirao, que non existiu ata os anos sesenta, cando os insulares comezaron a facer barcos e xa non lles era tan doado atracar coma coas dornas, no embarcadoiro natural formado por areeiros e pedras.
            Na parte agreste, nesa parte bañada polo solpor, medran os toxos que os nativos usaban como combustible, e que recollían por épocas deixándoos medrar ata dous ou tres anos, co fin de engordarlle o tronco leñoso, mentres que na banda do amencer abunda en leiras de millo, que fixeron da empanada un dos pratos típicos da illa, e dos hórreos unhas das construccións máis abondosas.
            Andemos pois pola parte máis humanizada da illa.
As casas, os hórreos, as fontes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario