Cadren
altas cadren baixas, en abril cadran as pascuas, sentencia o refrán que é, sen dúbida, a sentencia da
sabedoría popular de que tanto gustamos neste caderno. Sen embargo, se a
primeira lúa chea da primavera cadra o día 22 de marzo, tamén en marzo colle un
anaco de pascuas. Quizais por isto, por facerlle caso a este ou a outro refrán
semellante, o emperador Carlomagno quixo que este mes levase por nome Pascua.
Pero a pesar de todo mantívose o antigo nome de “Aperio” ou abrir, ata os nosos días porque
este é o mes no que as flores do froito enchen de esplendor os campos, e tamén
por iso Roma lle dedicaba este mes a Venus, quen nun principio foi unha deusa
protectora da agricultura ata que, a partir do segundo século antes de Cristo
tomou os atributos da beleza erótica. Pero abril tamén é o das augas mil, que son a fertilidade da terra.
Estamos pois nun mes que empeza coa
divindade da beleza e acaba coa invocación a Flora, a outra deusa da vexetación
viva, das flores. E estamos no mes (nunhas datas, será mellor dicir) en que o
cristianismo coloca a Semana Santa para contarnos como é o asunto ese da
resurrección, da nova vida, do esplendoroso e fructífero mundo dos crentes que
acadan a graza dos benaventurados.
Benvido sexa pois este mes invocador da vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario