xoves, 9 de abril de 2015

Santa Casilda e as flores.



            Se abril é o mes en que as flores anuncian a vindeira chegada do froito, santa Casilda opera a función contraria, convertendo o froito, e por facelo máis difícil aínda, o pan, que é o froito cociñado, en flores.
            Todo ocorreu cando esta filla do emir de Toledo ía visitar ós cristiáns que seu pai tiña na cadea e lles levaba pan envolto no mandil, e cando seu pai, sospeitando que por detrás del a rapaza rompía todas as normas da súa lei, lle preguntou que levaba, ela díxolle que flores, e cando o emir quixo que llas amosase, ela desenvolveu o mandil e o pan que agochaba converteuse en flores que reluciron no seu regazo.
            Tamén se conta que tendo ela un mal que os médicos non eran quen de curar, visitou a fonte de san Vicente, que tiña fama entre os cristiáns por obrar milagrosas curacións, e tras introducirse nela, tamén ela curou do seu mal, polo que se converteu ó cristianismo e se fixo eremita; e hoxe invócase contra a esterilidade conxugal e para conter as hemorraxias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario