martes, 21 de abril de 2015

Tauro




              Todos sabemos o namoradeiro que era Zeus e os moitos problemas que por iso tivo coa súa esposa. Pero tamén sabemos que, coñecendo o mal xenio que Hera tiña para con aquelas que eran seducidas polo seu esposo, poucas ousaban ceder ó encanto do pai dos deuses, e por iso el, que sempre andaba coa líbido subida, argallaba todo tipo de disfraces para acadar os seus propósitos.

           E así foi cando viu a unha moza chamada Europa paseando polo campo con tanta gracia, que chamou ó seu axuda de cámara, a Hermes, e pediulle que lle axudase a conquistala. E Hermes, moi espelido, botou man do gando de Agenor para levalo a pacer ás costas de Tiro, onde a doncela e as súas amigas paseaban. E no medio daquela vacada meteuse Zeus disfrazado de touro branco, tan manso e guapo que a moza tivo a tentación de acariñalo, e como o animal non amosaba fereza, ela xogaba con el, poñéndolle flores entre os cornos ou na boca, e como seguía manso, aínda ousou subirse nel como se fose un cabalo para pasear, e o touro levábaa dun lado para outro, ata que atopou o carreiro dunha praia, e daquela abocouno, meteuse ó mar e botouse a nadar con ela ó lombo, cada vez con máis apuro, e a moza agora temerosa, agarrada ós cornos cunha man e cun cesto de flores na outra, que era a primavera e flores non faltaban, viuse chegando a Creta, onde o deus, sen dor de rogos nin desculpas posuíu á doncela, con quen tivo tres fillos: Minos, Radamantis e Sarpedón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario