martes, 7 de abril de 2015

DESPOIS DA SEMANA SANTA

Por Pepe de Rocaforte
            Cóntame un amigo, cun certo tono de indignación, que despois duns trinta anos sen viaxar á súa vila natal nas vacacións de Semana Santa, desta volta animouse a pasar uns días alá e regresa, por dicilo dun xeito suave, un tanto sorprendido dalgunha novidade con que se encontrou.
            Alporizouno particularmente a procesión do Santo Enterro, á que se sentiu obrigado a asistir por presión familiar na noite do Venres Santo. “Dos meus tempos de rapaz”, dime, “lembraba nestes actos ás señoras de boa posición da vila desfilando vela en man, ataviadas con traxes negros, zapatos de tacón alto, peineta e mantilla española. Este grupo non faltou agora, pero o desfile ía incrementado por uns impresionantes individuos con capirotes estilo ku-klux-klan, con longas capas de bo tecido, noviñas e ben planchadas, e por debaixo uns hábitos frailunos tamén do trinque, conxunto que xa lle debeu saír por un bo pico. E non só eso, tampouco faltaba outra boa colección de encapuchados, estes sen capirote, un deles cunha tremenda cruz ás costas que a xulgar polo grosor dos madeiros xa debía pesar o seu, e outros máis portando as imaxes tradicionais. Por non faltar non faltaba nin o encapuchado de pés descalzos arrastrando unhas cadeas moi aparentes”.
            O meu amigo fixo unha pausa como para coller ánimos. “Pero o que xa me deixou dun barreno”, proseguiu logo, “foi ver pararse a procesión e nun balcón ben iluminado por un reflector aparecer unha tía que se puxo a cantar unha saeta”- “Home”, díxenlle eu, “xa se lle podía ter ocorrido algo un pouco máis enxebre, un alalá por exemplo”. Miroume cun certo aire de dúbida. “Non sei o que sería peor”, suspirou.
            E coa mesma alá se marchou rosmando: “xa me gustaría a min coñecer a opinión do papa Bergoglio sobre toda esta parafernalia”, tampouco sei eu se máis alporizado pola exhibición de relixiosidade troglodítica que acababa de observar na súa vila, ou pola constatación da evidencia de sermos un pobo cada vez máis carente de identidade.
            Xa digo: non sei… non sei…

Ningún comentario:

Publicar un comentario