Non creo en san Xurxo como un santo,
senón como un cabaleiro andante. Xa sabemos iso que nos contan de que morreu no
303, baixo tortura por ser cristián, pero a súa grande fazaña, aquela pola que
é lembrado en todo o mundo é unha das máis fermosas historias de cabalaría
xamais contadas, cando un maligno dragón pedía nunha arredada cidade da actual
Libia unha doncela cada día para xantar, e aí se lle daba porque de non facelo
a cidade corría o risco de ser arrasada polo pezoñento alento daquel monstro.
Unha doncela cada día, ata que lle tocou o vez á filla do rei, quen lle pide ó
pobo o esforzo que antes non fixera por salvar a ningunha moza. Pero o pobo
esixe igualdade no sacrificio. Daquela o monarca pide uns días para despedirse
da filla. E o pobo solidario, acepta. E chega o día da ofrenda, da inescusable
ofrenda, porque anque non todos somos iguais, ante a morte e o sacrificio pola
vida o pobo esixe igualdade, so pena de que o mesmo rei perda o reinado, e
visten á doncela con fermosas roupas, que xa me diredes vós para que, e sácana
da cidade e déixana de muros para fóra, á ventura do dragón, que se lle acerca
lambéndose de gusto e pracer, cando aparece sobre seu cabalo un cabaleiro
armado que arremete contra a fera, e os paisanos que miraban desde os muros da
cidade, fican marabillados ante aquela mostra de valentía, e lamentan que non
lle acordase antes vir a salvar a tantas mozas que deron a vida pola cidade, e
tamén tiñan pais que as querían, e libera á moza das fauces do monstro e mátao
para que nunca máis o mal atormente á boa xente do lugar.
San Xurxo, a quen se invoca contra a
peste, as afeccións cutáneas e as enfermidades venéreas, ten devotos en
Inglaterra desde o século VII, unha figura traída, seguramente, polos cruzados
desde Palestina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario