mércores, 29 de abril de 2015

Consellos a unha embarazada (VI)



Deitar unha galiña
            E cando todas esas cousas que contamos non dan resultado, non se poden levar a cabo ou se teme que algún nefasto elemento impida a boa traxectoria da xestación e do parto, o remedio só pode ser procurar que o mal vaia por outro camiño, arredalo da nai xestante, das dúas maneiras coñecidas; por medio directo ou por invocación divina. E por medio directo a mellor maneira e trasladar os posibles problemas a algún animal da casa que vaia parir antes que a muller embarazada.
Así, era norma que na casa dunha muller embarazada se deitase unha galiña choca, agardando que o mal que puidese ir ó feto fose antes ós ovos, e destes casos sabemos de pitos que naceron con tres patas ou sen ás, un ou dous meses antes do rapaz que si naceu sen mácula.
E cando a galiña non chocaba con tempo suficiente, ofrecíaselle a galiña cos pitos a algún santo da bisbarra, e así na Barbanza sur, era norma ofrecerlla a santo Alberte da Conlleira, aquel de quen xa temos falado neste caderno, e a quen se ofrecían os futuros matrimonios.
E se aínda se intúen problemas, quédanos o ritual do bautizo prenatal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario