Por
Pepe de Rocaforte
José de Alencar está
considerado o pai da novela brasileira. Del acabo de ler “O sertanejo” e debo
confesar que me deu a impresión dunha novela algo así como do pleistoceno. Tal
vez sexa unha apreciación un pouco inxusta; en forma de historieta infantil
debuxada pareceríame sen dúbida máis aceptable. Arnaldo, o protagonista, non
deixa de ser unha especie de precedente de supermán coa súa valentía e os seus
extraordinarios poderes. Só lle faltaba voar (pero case) e a cambio non había
kriptonita que o reducise.
Así e todo, no activo do autor debo aducir o seu mérito á
hora de plasmar con vigor ese mundo dos sertóns brasileiros que moitos anos
despois Guimarães Rosa retrataría de maneira maxistral no seu “Grande Sertão.
Veredas”.
En “O sertanejo” encontramos aqueles
facendeiros, gobernantes ó estilo feudal, exercentes dun poder caprichoso e
tiránico, amparados polas súas tropas de jagunços, nas xurisdiccións por eles
mesmos marcadas ós seus dominios. Un mundo primitivo, mítico, tamén maxistralmente
retratado por Euclides da Cunha no seu monumental libro “Os sertões”, máis
adiante “fusilado” por Vargas Llosa en “La guerra del fin del mundo”, exercicio
incapaz de acadar a altura, o interese dramático e a verdade da obra que copiou,
non en vao Euclides da Cunha acompañara a expedición militar que na Campaña de
Canudos se enfrentou ás forzas de Antonio Conselheiro e contaba con información
directa, de primeira man, dos feitos que soubo reproducir á perfección.
Pero
non era de todo esto do que quería falar hoxe, senón de que na miña busca por
internet á procura de información sobre José de Alencar atopei uns cantos links
interesantes para quen dispoña dun libro electrónico e queira acceder sen
problema a textos que doutro xeito lle sería pouco doado encontrar.
Por
exemplo, para baixar títulos totalmente gratuítos deste autor, podémolo facer
en esta páxina de Alancer. Pero,
aínda máis, accedendo á seguinte páxina de dominio público disporemos dunha extensísima
colección de autores brasileiros ofrecidos tamén de forma gratuíta.
E xa que nesto andamos, non quero rematar sen informar doutra
páxina, á que un dos seus promotores, Xulian Maure, non se cansa de lle facer
publicidade e ofrecer gratuitamente en canta ocasión se lle presenta. Contén traducións ó galego de obras da literatura
universal, de cuxa versión se encarga a Asociación de Tradutores Galegos nesta páxina.
Tanto neste último caso como nos dous anteriores encontrarémonos
con obras das que xa se extinguiron os dereitos de autor e que paga a pena volver
ler hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario