
domingo, 30 de xuño de 2013
Un pozo en Alfoz

sábado, 29 de xuño de 2013
Noticia sobre o ramo solsticial de Loroxo
Colaboración de Carlos Campos
Este ramo, en Loroxo, retirábase na noite do 23 ó 24 de xuño, para metelo nun caldeiro ou bañeira de auga despois de pasalo polo fume da cacharela do san Xoán, para lavar logo a cara con esa auga e deixala secar ó aire. Logo o ramo volvía ó seu lugar para cumplir coa función purificadora da casa, ata o san Pedro.
venres, 28 de xuño de 2013
San Pedro de Coucieiro

A cousa foi, que, segundo nos contan os evanxeos, san Pedro, vendo o moito que maltrataban ó seu mestre camiño do Calvario, colleulle medo a dicir que el era dos seus, e entón negou ata tres veces que tivese nada que ver con aquel, e entón, cantou un galo, e lembrou aquilo que Xesús lle dixera na cea, cando el se amosaba como o seu eterno defensor, o amigo que daría a cara por El diante de quen fose: que antes de que o galo cante, ti hasme de negar tres veces. E así, ó cantar, o galo anuncia un novo amencer triunfando sobre a morte de Cristo, pois nese intre Pedro (nesa hora aínda non era santo) decatouse do mal que fixera e a partir de entón si foi o grande defensor da mensaxe de Cristo.
Por iso esta imaxe de Coucieiro, en Muxía, pon un galo a carón do primeiro Papa e pai da Igrexa. Unha iconografía moi rara en Galicia, tanto, que esta é a única imaxe que eu coñeza na que san Pedro se acompaña dun galo.
O galo de Barrañán
Na arteixá praia de Barrañán hai unha furna orientada cara o ocaso, a ese punto do horizonte de onde vén sempre a noite e a morte, onde en certa ocasión se suscitou a dúbida sobre a súa profundidade, pois ninguén lle vía o fondo por moita luz que pola súa boca se proxetase, e tampouco ninguén ousaba entrar nela pois semellaba a boca do inferno; e entón argallaron meter un galo cun cordel arado a unha pata, para ver ata onde chegaba. Pero o galo entrou, andou polas entrañas da terra arrastrando canda el aquel apéndice que daba noticia do seu avance, e cando xa non quedaba corda, seguiu andando e perdéndose nas escuras entranas da terra, como Odiseo baixando ós infernos, ata que o deron por perdido.

xoves, 27 de xuño de 2013
Unha curiosa relación entre Xúpiter e san Pedro en Armentón

Sen embargo, isto si nos dá pé a lembrar que, se Xúpiter era o deus que lanzaba lóstregos contra os seus inimigos, a san Pedro tamén se lle pide que aparte os lóstregos da terra.
De todas formas, esta inscipción non significa que se refira a Xúpiter, como nalgún momento nos quixeron facer ver.
O galo e o raposo

-Xeou, xeou.
A raposa, que non sabía a que viña aquilo, cansa xa de escoitar ese sen sentido de palabra que nada tiña que ver co día nin co que acontecía, quixo replicarlle e díxolle, “Se xeou que xease”. E entón ó abrir a boca, o galo aproveitou para fuxir e subiuse a un carballo rebolo.
Que a ela, tan arteira como era lle fixesen aquilo, amolouna moito, e entón refregando o rabo contra o carballo, a modo de serrón, agardando intimidar ó fuxido, ficou salmodiando:
-Corta rabo, comerás galo. Corta rabo, comerás galo.
Máis o galo, que ben sabía das calidades cortantes do rabo da raposa, respondíalle desde a rama en que repousaba.
-Deus me libre de fouce ou machado, que rabo de raposa non corta carballo.
mércores, 26 de xuño de 2013
O cruceiro de Xunqueiras

luns, 24 de xuño de 2013
A invasión romana do Noroeste de Iberia
Mañanciña de san Xoán
mañanciña a mai garrida,
que ri o sol cando nace
e baila ó morrer o día.
Pois si, así é. Este milagreiro día lévanos de sorpresa en sorpresa ó largo de toda a historia. Xa sei que nesta data, o noventa e nove con noventa e nove por cento dos galegos estarán pendes das sardiñas, cando na realidade o mellor mes para elas é xullo e agosto, a pesar do refrán: Por san Xoán a sardiña molla o pan. Pero sen embargo a ninguén se lle vai ocorrer acercarse a ver nestes días o ocaso, para ver bailar ó sol e rememorar con el a grande victoria dos castrexos sobre as lexións romanas sen necesidade do uso da forza.
A referencia histórica deste fenómeno, doado de explicar na máis elemental clase de ciencias, remóntase a cando o invencible exército de Décimo Xunio Bruto, aló polo 130 a.C. tivo a ocorrencia de vir a conquistar o noroeste peninsular, a terra dos castrexos, que daquela aínda non era Galicia e acabou marchando co rabo entre as pernas.
Como é doado de entender, a artimaña dos castrexos só deu resultado a medias, pois as lexións invasoras axiña se repuxeron do atraso e continuaron, practicamente sen oposición polo seu territorio, cando o servicio de intelixencia castrexo (SIC), volveu ás súas, pero desta vez pensando en algo que non lles dese pé a ser desmentidos tan axiña, e correron o conto de que, se algún daqueles tipos chegaba á beira do mar, á fin da terra, e vía bailar ó sol, sería que aló nas terras de orixe de quen tal cousa vise grandes calamidades estarían acontecendo e caendo sobre os seus parentes. E quixo a casualidade ou as artimañas que os guías locais usaron, que chegasen ó cabo da terra no mesmo solsticio de verán, e viron bailar o sol, e colleron medo, e comezaron a desertar masivamente para volver ás súas terras.
Cando as agrupacións tribais daquel tempo souberon das intencións do romano, antes de facerlle fronte como uns arroutados, dedicáronse a espialos, ver de que ían e a que viñan, e comprenderon que as fábricas de armas castrexas non tiñan tecnoloxía suficiente para competir cos ben equipados lexionarios. Pero os nosos paisanos, xa daquela eran xente que non se daba por vencida doadamente, e eentón botaron man do primeiro servicio de intelixencia militar de que eu teño noticia, e acordaron infiltrar no poderoso exército a algún paisano que fose sonsacando de que pé coxeaban os invasores. E así, a primeira argallada que se lles ocorreu foi aproveitar as crenzas que aqueles tiñan nas cousas do outro mundo, e cando chegaron á beira do río Limia, correron o conto de que aquel era o Lethes, o río do esquecemento, aquel do que se dicía que, quen o cruzase perdería a memoria de si e dos seus, co que aqueles aguerridos e facinerosos soldados plantáronse cabo do río negándose a cruzalo. Era o primeiro motín que o invencible Décimo Xunio Bruto tiña en toda a súa carreira militar, pero como facerlle un consello de guerra a todo un exército non é prudente en ningunha parte do mundo, el mesmo cruzou o río e, desde a outra orela, foi chamando un por un a todos e cada un dos seus oficiais, suboficiais e tropa en xeral, non só polo nome senón tamén nomeándolle á familia.
O invencible exército de Décimo Xunio bruto, unha vez máis non foi vencido, pero foi rexeitado, iso si, sen o uso das armas porque nós somos moi pacíficos e pacifistas, e as tropas romanas habían de tardar un século en volver por estas terras.
xoves, 20 de xuño de 2013
Aproximación ó ritual do san Xoán
Ritos de adiviñación para a noite do san Xoán
Por ser noite meiga non faltan nelas os meigallos, os ritos propiciatorios e de adiviñación, e así, se unha moza escribe o nome de tres pretendentes en papeis dobrados que mete baixo a almofada, o primeiro
que lle vén á man á mañá do vintecatro será o que mellor lle cadra para marido.
Nesta noite milagreira, cando as mulleres infecundas acoden á Lanzada ou á praia de san Francisco de Muros a recibir o baño das nove ondas para propiciar a saúde e a fecundidade, lémbrannos os baños propiciatorios que se facían en Atenas en honor de Démeter a deusa da agricultura. E de feito, un pouco relacionado con isto das augas bendicidas polo san Xoán, considérase que non se poder levar baños de mar antes deste día, que é cando o santo bendice as augas.
Se se deixa a pela dunha pataca no antepeito da fiestra durante a noite, segundo a forma que colle pola mañá indicará a inicial do nome de quen acabará casando con ela.
Se ás doce da noite a rapaza se pon espida diante do espello, verá reflectida por detrás dela a imaxe do futuro marido.
Tamén o mozo que pretende os favores dunha moza, debe cortar un acivro ás doce da noite, pasalo por debaixo de trece ondas de mar ó tempo que reza un Credo por cada onda, e con el logo ha de tocar á rapaza que no acto quedará namorada del.
E quedan moitos máis, seguro que cada parroquia ten o seu.
As augas da saúde
Considérase que a auga de certas fontes cobra especial poder na mañá de san Xoán, tales como a de san Gregorio de Padrón ou a fonte de Bexán en Cambados, onde se lavan os que padecen mal de ollo.
Curioso é en Monterroso, onde os paisanos se lavan na auga contida nun sartego que hai no cemiterio de Sirgal.
Pero tal vez a que pode ser a auga máis pura, a do orballo, a auga que nace co día, úsase para purificar o corpo e combater a sarna, e incluso para que empape a roupa que se vai poñer; pero tamén para que o gando pase por entre as follas empapadas de tales augas para purificalo.
Non é novo este costume, pois que xa na Grecia Clásica se recollía o orballo nos solsticios con fins purificadores.
E apuntamos finalmente, como remedio contra o bocio, beber a auga de nove fontes, desde as doce da noite ata o amencer do día de san Xoán.
As herbas de san Xoán
Pero a maneira infalible de purificar as augas e coas herbas de san Xoán, sempre un número impar de herbas olorosas, que poden ir de tres a nove, pero na maioría dos casos son sete, que varían segundo a zona, tales como rosas, romeu, hortensia, ruda, menta, hedra, herba de san Xoán, fiuncho, folla de figueira, etc.
Na noite de san Xoán, os catro elementos, a auga, a terra, o aire e o lume son os protagonistas indiscutibles, pero tal vez as cacharelas, lumieiras ou fogueiras son as estrelas indiscutibles da noite do vintetrés, da véspera do santo. Cada casa e cada aldea acende a súa propia fogueira. O lume arreda o mal, queima o vello para que renaza o novo, para abrir un novo tempo, purifica o aire e ás persoas, pero, sobre todo, vence coa súa luz a noite solsticial.
Son herbas que se poñen ó sereno durante toda a noite, é polo mañá métense na auga con que imos lavarnos. Xa Plinio cita algunhas delas como herbas solsticiais, e no seu caso estas eran a artemisa, pegotes, camomila, grama, hedra terrestre, licopodio, hipérico, orquídea, saramago e verbena, cada unha coa súa virtude e que segundo o autor romano, cobran aínda máis forza cando lles dá o luar, e así, sempre segundo el, o amaranto serve para atraer o favor de persoas importantes, a artemisa e o crisantemo arredan o mal de ollo, a rosa vermella favorece a concepción e o salgueiro arreda os males nocturnos. Por iso non está de máis saber que herbas se escollen no momento de escollelas.
En moitos lugares protéxese a casa co ramo de san Xoán, que se colga na porta da casa ou nas fiestras, como protectores contra o mal.
No caso de Arteixo, estes ramos fican colgados na porta ata o día de san Pedro (o 29 deste mes de xuño), en que se retira, se garda para que seque, e no ano seguinte engádese este ramo xa seco á fogueira, para que os membros da familia se afumen con el e se purifiquen. En Suevos (Arteixo), as herbas do ramo son: romeu, hortensia, herba luísa, herba de Santa María, fiúncho, ruda, folla de castiñeiro, trobisco, malva e cecimbre, calquera delas pero sempre en grupos de sete. E en Ferreiros (O Pino-Arca) úsase só a flor do bieiteiro ou sanxoán e os estalotes.
O lume
Xúntanse pois madeiras, mobles vellos, palla seca e ata roupas en desuso na pía purificadora diante de cada casa, na rúa por onde pasa a xente, e cada un que pasa saltará por encima dela.
A fogueira hai que saltala un número impar de veces, porque así arrédase o mal de ollo e cúranse as afeccións da pel, e tamén como nos di a cantiga:
Salto por riba do lume de san Xoán
para que non me morda cobra nin can.
Asegúrase, asemade, que a moza que salta unha fogueira sen tocar as chamas casará nese ano.
mércores, 19 de xuño de 2013
A redención da serea. Lenda dos Mariño
Nunha noite de san Xoán, saltando por riba do lume para que non nos morda cobra nin can, foi redimida a serea, ese ser mítico, símbolo da atracción fatal, a tentadora de Ulises e o exemplo que máis á man tiña a Igrexa para falar da beleza inútil, da muller estéril. Eran tempos nos que o feminino se asociaba co diaño e a tentación.
Aconteceu que andaba o señor conde don Froilán, aló polos finais do século XIII, paseando pola praia, sen máis cousa que facer ca ver entre os crebazos da mallante os restos dalgún naufraxio, cando ante os seus ollos apareceu unha fermosa muller da que el, vendo só a fermosa faciana, o busto e o louro pelo que cubría o seu corpo espido, xa se namorou, sen fixarse que había de cintura para baixo. Tapouna coa súa capa e colléndoa en brazos levouna para o seu castelo. Aquel si era un amor a primeira vista.
Non tardou en correrse polo condado a noticia: O conde atopara unha serea e meteuna na casa.
Tan namorado ficou que decidiu casar con ela, ó que os paisanos, laicos e eclesiásticos se opuxeron. ¿Non había mulleres no reino que ía casar cunha extraña?. Non podía casar con aquel ser que representaba a beleza inútil. Pero el casou, e ninguén sabe como nin por onde, fíxolle un fillo.
Pasou o inverno, e cando chegou a noite de san Xoán, a muller xa amosaba a barriga de bo dar, pero a xente aínda non estaba por ela, algo había que non gustaba. A aquela muller nunca se lle viran as pernas. Transportábana en padiola. Era unha estraña. Desde que apareceu na mallante non dixera palabra, e ninguén lle vira as pernas. E en padiola levárona a onde o señor don Froilán celebraba con cacharelas a festa do solsticio.
E desde ese intre, a serea foi redimida e convertida no tenente do escudo dos Mariño.
Xa temos ó san Xoán ás portas
Con sardiñada ou sen ela, o san Xoán é máis laico ca relixioso. Máis precristiá en ritos ca cristián en culto. Á fin celebramos un dos máis antergos cultos ó sol.
Por iso, aínda que é tempo de festa, non está de máis advertir que no medio das risas sempre anda algún mal meigallo

Tamén nesta madrugada andan polo mundo as Xanas, esa especie de ninfas galegas, fermosas e de encantadora voz, afeccionadas a fiar a carón das fontes e dos ríos, con roca de ouro, ofrecendo os tesouros que agochan nalgún dolmen, mámoa ou castro a quen saiba resolver algún enigma.
¿Son parentes Xanas e Xacias?. Coido que algo han de ter que ver entre si.
En fin, ollo, que xa temos aquí o san Xoán e o mundo énchese de maxia.
luns, 17 de xuño de 2013
domingo, 16 de xuño de 2013
Santo Adrián de Malpica

San Adrián, aparta as pestes da terra
e o temporal do mar.
E hoxe, 16 de xuño, foi o santo Adrián de Malpica a festa grande do grande porto, a onde acoden os romeiros para pedirlle, entre outras moitas cousas, a cura das infeccións cutáneas, verrugas e eccemas, lavándose na fonte do santo e deixando logo o pano a secar, e así, cando o pano seque, suponse que seca o mal, ou que o mal cura.
Meu señor san Adrián
é un santo moi milagreiro,
pedinlle un home bonito
doume un cara de Carneiro.
Pero quizabes, a especialidade do santo sexa a protección dos mariñeiros da Costa da Morte, á fin tamén el fixo as veces de patrón, despois de sufrir martirio, para dirixir a barca onde ía a súa esposa Natalia (tamén santa) a terra de cristiáns.
venres, 14 de xuño de 2013
O santo Antonio das Neves, en Malpica

Non se pode dicir onde se encontra a devoción máis fervente ou a manifestación cultural, etnográfica, festiva e de culto máis rica e xenuína, pero hoxe, queremos deternos no santo Antonio das Neves, en Malpica. Unha pequena capeliña que pasa desapercibida, que se sitúa como un miradoiro sobre o mar ártabro.

Cóntannos unha señoras que atenden o templo, que unha lenda refire cando un paisano quixo facer esta capela, e buscando sitio encontrou, un cinco de agosto, esta zona nevada, polo que interpretou que aquí había de construírse o templo dedicado a Nosa Señora das Neves. Como se ve, esta é a mesma lenda que se conta da construcción do templo que baixo esta mesma advocación lle dedicou un nobre romano, no monte Esquilino, a Nosa Señora, en tempos do papa Liberio (352-366dC).
O altar con retablo de feituras barrocas populares e tardías, mantense como antes do Concilio Vaticano II, posto que non hai altar cara ó público, e cando se fai misa traen unha mesa sobre a que colocan a ara para celebrar.
O retablo, presidido pola patroa, unha virxe morena vestida de branco, soportada por anxiño de esforzado rostro, ten nos distintos nichos a un santo Antón co seu porquiño, san Roque co se can, que neste caso semella gabear polo caxato do santo peregrino, un santo Antonio co seu neniño sobre o libro e outro santo que non sabemos identificar por mor da cor do hábito (pintado de gris, seguramente con boa fe por algún veciño sen aterse ás normas para facilitar a identificación dos santos), e da falta de atributos identificadores, pero que coidamos sexa un santo Antonio desfigurado, tal vez máis antigo có actual, que ten ó lado un san Pancracio.
Aínda que a capeliña ten feituras do século XIX, por dentro as imaxes son dunha potencia creadora impresionante, e de todas elas sobresae un san Francisco que se hospeda nun nicho ou fornela lateral, en pose algo inclinada, como resignado, pola súa humildade, a recibir o aprecio e cariño da freguesía, amasando os estigmas das mans que impresiona pola basta feitura, simple pero cargado dunha impresionante forza emotiva que se transmite ós que o observamos.
Os devotos veciños son os que se prestan para conectar a luz do templo, e nesta ocasión, doan as flores con que se honra ó santo para facer as alfombras florais dentro do templo, e para as que, ademais dos petalos se usa para as cores marrón e marrón máis claro, a cáscara do pino machucada e os arumes tamén machucados. E por mor delas, e do pequeno que é o templo, ós asistentes á misa han de facelo desde o adro.
A procesión sae sobre un chan onde se espallan flores e vai ata un cruceiro próximo, tos típicos das terras bergantiñás, onde se pode ver un círculo inscrito nos brazos da cruz, unha forma própia da bisbarra, asemade rodeado de flores.
Haberá que seguir buscando información, porque todo nos parece que este lugar ten unha carga histórica moito máis profunda.
A pedra da serpe, en Gundimil
Era tal a praga de serpes que invadía a bisbarra bergantiñá, que as boas xentes que a habitaban non sabían a quen acudir.

Santo Adrián acudiu axiña en auxilio dos paisanos, e aquí, en Gundimil, moi preto de Corme, chantou o seu bastón no chan e convocou a todas as serpes do reino, que recluíu baixo a pedra de Gundimil.
Iso máis ou menos nos conta a lenda, para xustificar a existencia desta laxe, en que aparece gravada unha serpe alada ou dragón, á que o cristianismo lle chantou unha cruz encima.
Etnógrafos como Risco falan da existencia dunha cultura precristiá con culto ás serpes que os cristianismo erradicou e se amosa na simbiose desta pedra.
xoves, 13 de xuño de 2013
No santo Antonio da Agualada
-¿De cal?.
Está ben preguntar iso porque aínda que o santo é único o santuario non o é.
Está ben preguntar iso porque aínda que o santo é único o santuario non o é.

Hoxe paramos, entre outros máis no da Agualada. Chegamos xusto cando a procesión xa volvía cara a igrexa, co que aínda asistimos ó ritual do paso das estampas pola divina imaxe, para que as bondades do santo se transmitan á estampa converténdoa así nun obxecto con poderes protectores.
Logo aínda estivemos na sesión vermú. Escoitamos a banda e a orquestra con dúas fermosas vocalistas. Botámoslle un par de bailes, brindamos á saúde do santo, probamos o polbo con pemento e
aínda tivemos tempo de mercar as rosquillas e as bolachas, e abríusenos a boca para as próximas romaxes que se celebren daquí en diante. O máis importante é que aí veñen as festiñas do verán.
martes, 11 de xuño de 2013
Minimalismo nun hórreo de ferranchos
Este hórreo é feo. Ninguén o poñería no xardín do seu chalé nin sae en ningunha guía turística, pero é arquitectura popular.
Antes de seguir debemos aclarar que arte e arquitectura non sempre van da man. Pero tamén debemos ter presente que non sempre a obra artística é do gusto do observador.
A arquitectura popular defínese como aquela que dá solución a problemas propios do medio en que se executa con materiais propios da zona ou doados de encontrar; por iso é popular o uso da pedra de gran en Galiza e a pallabarro en Castela. E este hórreo soluciona os problemas derivados da humidade e o secado do gran substituíndo as regañas clásicas polo arame de rede e os pés que o erguen do chan. Asemade, o tipo de textura do ferro usado para pés evita a subida de roedores, co que se evita a necesidade do tornarratos. E todo isto botando man de materiais baratos e doados de atopar e usar. Este hórreo, lixeiro de peso pero adornado cos símbolos protectores, o pináculo con reminiscencias fálicas precristiás e a cruz, pódese montar nunha mañá e dá o mesmo resultado co de Carnota.
Iso non evita que sexa feo segundo os canons que seguimos maioritariamente.
domingo, 9 de xuño de 2013
A vara de Monterrei

O castelo de Monterrei convertíase así na oficina de Pesas e Medidas da bisbarra, moito antes de que se instaurase o metro. Aínda que a vara está marcada na parede da igrexa, xa se sabe aquilo de Castelao, do fisco e as oblatas sempre xuntos.
Dicir tamén que a vara usada en Moaña chegaba ós dous metros con dez centímetros
sábado, 8 de xuño de 2013
Un curioso cataventos
Nas cousas máis simples sempre atopamos algo que nos fai reflexionar sobre a profundidade do pensamento.
Poucas veces se ve na simboloxía que a cruz se poña por encima do sol. Polo xeral este está intercalado no cruce dos brazos, unha veces inscrito e outras contendo a cruz, daí a curiosidade desta imaxe encontrada en Alfoz, na capela da fortaleza, que nos suxire que sobre o mesmo rei do universo triúnfa o símbolo da cristiandade. ¿Non será demasiado prepotente?.

Creo que, aínda sen pretendelo, o artista que tal cousa fixo estaba pensando no trocachaquetas ou viraventos que son algunhas persoas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)