Son
como o día e a noite, antagónicos pero inseparables.
Nas
fábulas e nos contos, o galo e o raposo son a cara e a cruz, o bo e o malo, a
franqueza e a mesquindade; son os eternos e máis tenros contrincantes, son o
frío e a calor eternamente mesturados, o inverno e o verán perseguíndose e
fuxíndose, sempre un detrás do outro complementándose. O primeiro,
caracteristicamente exaltado, luminoso, barulleiro; coa súa colorida plumaxe
resplandecendo baixo o sol, é o primeiro que saúda ó amencer e tamén o primeiro
que se agocha tras o ocaso, pero permanece sempre alerta, sempre en constante
vixilancia. El representa a elegancia, a franqueza, a fecundidade e a lealdade.
Pola contra, o raposo sae coas estrelas, camiña sempre ás agochadas, dando mil
voltas, artellando mil trampas e traizóns para volver ó seu tobo cando o día
reluce; é sixiloso, calado, atento e frío como a noite. El é a astucia
traidora, é quen rouba o galiñeiro e pode traer a ruína; el fai que a súa
presencia se converta en medo e odio; nel a precaución vólvese maliciosa
picardía, faise o morto cando o descobren, e ó menor descoido papa o que
encontra.
Cada
un representa unhas peculiaridades diferentes que os enfronta e une a un tempo,
para ser, os máis entrañables inimigos que hai sobre a terra. O galo é a
precaución sen maldade, mentres que o raposo é a astucia suíña. E así, quen
deseñou este cataventos, xuntou nel os ciclos da vida, o día e a noite, pero
tamén a condición humana, esa mestura de bo e malo, ese demo e ese anxo que
levamos dentro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario