mércores, 26 de marzo de 2014

JOSÉ MANUEL PORTELA


Por Pepe de Rocaforte
  
O grupo MANTRA en 1978
          Iniciei esta serie dedicada ós músicos de rúa con “Miki Nervio & The Bluesmakers”. Hoxe remato de volta nas rúas coruñesas, agora con José Manuel Portela, Ghessi.
            Este músico, sen saber nada del, xa me viña chamando a atención desde hai uns anos, cando tocaba na rúa Real á altura da sub-delegación do goberno, de onde houbo de marchar, seica pola denuncia dunha veciña a quen lle molestaba o ruído, para recalar na rúa dos Olmos, case na esquina coa rúa Nova.
José Manuel Portela na actualidade
            Agora, de novo unha observación de Fran­cisco Vidal aler­toume para buscar máis información sobre el. Así sóubenlle o nome e coñecín algo da súa traxectoria desde que en 1978 entrou a formar parte como teclista no grupo “Mantra”, en Puerto Real (Cádiz).
            Despois de gravar unha maqueta cun rock progresivo na liña de “Smash”, “Triana” e outros grupos de rock andaluz, desprazáronse a Madrid. Alí non acadaron o éxito desexado e o grupo desapareceu. Algún dos seus compoñentes triunfarían posteriormente en solitario, como o guitarrista Tito Alcedo, concertista de jazz non só por España senón por varios países de Europa.
            José Manuel Portela, pola súa parte, tocou nun tablao flamenco de Madrid, actuou en televisión no programa “Fu­era de lu­gar”, acom­pañou a Aute e a Rosendo durante dous ou tres anos, interviría na musica dalgunha película e, pouco a pouco, iniciou a costa abaixo.
  
Grupo MANTRA en Madrid en 1979
          Nos anos oitenta casou cunha coruñesa, con quen tería unha filla, e da que logo se separou. En Galicia estivo nunha orquestra en Ourense, despois tocou con outra de Santiago...
E agora faino na rúa, polas moedas que lle deixan na caixa de cartón ós seus pés.
José Manuel Portela na Rúa dos Olmos
(A Coruña)
            Na peza “Arco Iris” cantaba José Manuel: Grita. Demuéstrale a la gente / que tú eres capaz. / Pasa de mil contradicciones / que te agobiarán... Non sei se agora, men­tres toca na rúa dos Olmos, onde a peza que máis lle piden é “El hom­bre del piano” (“vu­elve a tocar, viejo perde­dor...”) como un resumo da súa vida, lle volverá á cabeza aquela canción que interpretaba co grupo “Mantra”, alá a fins dos anos setenta, no seu Cádiz natal.
            Nin tampouco sei se agora, cando chega o tempo sinalado pola corporación municipal encabezada polo señor Negrera para eliminar o ruído de músicos ambulantes das rúas dA Coruña, poderemos seguir oíndo as súas interpretacións en directo.


            En todo caso, para quen queira oír unha mostra do seu virtuosismo como teclista, reco­méndolle pinchar aquí:
                                     

            De nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario