martes, 18 de marzo de 2014

San Xosé e a vara florida


   
         Cando María, a filla de Ana e Xaquín estaba en idade de casar, xuntáronse á súa porta todos os mozos da bisbarra, agardando ver nela un sinal que indicase a súa preferencia. E a escena é doada de imaxinar, con tantos rapaces novos xuntos, facéndose bromas, armando festa, competindo á fin e ata burlándose daqueles que ó seu entender tivesen menos posibilidades. E así foi que, cando viron ó casto Xosé, encanecido e apoiado no seu caxato, as bromas e burlas dirixíronse contra el, a ver que pensaba facer aquel vello seco entre tantos rapaces na flor da vida.
            Mais aí ocorreu o milagre.
            Estando todos agardando a vela pasar, camiño da fonte ou da casa dunha veciña, cando María abriu a porta e apareceu co seu vestido azul celeste, resplandecendo de beleza, ó casto Xosé floreceulle a vara, ou sexa, do caxato en que se apoiaba brotaron unha flores e floreceu a primavera. E daquela a nena María soubo que aquel ancián era o escollido pola divindade para esposo seu.


            Sen embargo, xa todos sabemos que ó final ela foi fecundada polo Espírito Santo, e as malas linguas que sempre houbo, inventaron unha oración profiláctica, para poder facer o acto sexual sen cargar coas consecuencias, unha pregaria que o matrimonio rezaba ó pé do leito antes de meterse nel: San Xosé, ti que o tiveches sen facelo, permite que eu o faga sen telo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario