Por Pura Tejelo
Vai debullando pensamentos enlazados
na cuadrícula veciñal da beirarrúa,
guións inacabados que rematan en suspiros
monólogos repousados da vida.
Seis pasos acompasados
de solitaria soidade,
remanso de penas.
O setter amainado
abeira desde hai anos o matinar
cano e aínda baril
do seu corpo desamado.
Ás veces ergue a vista,
mira feliz un coñecido
departe con el
cesto de froitos,
amorodos maduros e doces
e no érbedo frondoso
do seu corazón perenne
nace unha flor de outono.
Ten mirada infantil no iris grisallo,
antes azul ingrávido,
cando era anxo, no mes de maio
de versos e plumas de rima e son.
cando a nai bicaba aqueles ollos
espello dos seus, tan mariños
como a vila nórdica abandonada
baixo unha rede que pescaba caracois
de entrañas rosas
que enfeitizaba os contos urbanos
do seu neno azul.
Agora el mira as pupilas
do seu lebreiro leal,
que tamén soubo de páramos dilatados.
Ambos percorren rúas de xadrez
á espera da nova imaxe familiar
na que verquer amorodos de érbedos borrachos de sol
Ningún comentario:
Publicar un comentario