luns, 25 de novembro de 2013

Amilladoiro


            Os camiños dos santuarios énchense de devotos que, ás veces con máis pena ca gloria cobren longas distancias baixo sol e chuvia, con pouco pan e mal descanso. Outras veces, ós inconvenientes do camiño únese o feito de que o devoto vai con toda a esperanza de curar algún mal que o atormenta, e co mal fai o camiño pero ese sacrificio non sempre é suficiente para mover a compaixón das divindades e queda nas bermas e alí mesmo é soterrado.
            A tumba do penitente que non chegou ó seu destino convértese axiña en lugar de reverencia para os posteriores peregrinos que, ó pasar ó seu carón réndenlle homenaxe depositando unha pedra sobre ese improvisado humilladoiro, día tras día e ano tras ano.
            Outras veces baixo ese monte de pedras non había finado, e así no lo conta don Eladio Rodríguez, senón tan só unha proba de que se pasou por alí, ata onde o peregrino trae consigo unha pedra que depositaba nese lugar en concreto, para que así, cando chegue o día do Xuízo final, esas pedras dean testemuña da peregrinaxe. Neste caso o amilladoiro só é un contador de persoas, como o torno dos accesos públicos ó bus ou a unha sala de espectáculos. Un costume que xa tiñan os gregos clásicos para honrar ó deus protector dos camiños e do comercio, a Hermes, que logo adoptaron os romanos para o seu Mercurio, tamén deus dos camiños e protector do comercio. E os amilladoiros seguiron logo co cristianismo e fóronse formando nos camiños que levaban ós principais santuarios, tal así que un deles deulle nome a un lugar da entrada de Compostela vindo de Padrón, e os de Teixido aparecen en todas as guías turísticas como exemplo de antergo costume. Pero tamén os había laicos, segundo nos conta don Eladio, que era o que formaban os segadores cando ían a Castela, como mostra da tristeza con que abandonaban as terras galegas.
            E xa que estamos indo cara santo André lembramos a cantiga:
                        Indo para santo André
                        seica me viu un agoiro:
                        non puiden deixar a pedra
                        no primeiro amilladoiro. 
E imos segindo o camiño porque Teixido queda lonxe.

domingo, 24 de novembro de 2013

A roda de santa Catarina de Alexandría


            A esta santa Catarina invócaa quen padece dor de cabeza, porque foi decapitada, pero tamén porque segundo a haxiografía tiña a seseira ben posta. Tamén a invocan todos aqueles que usan algunha roda no seu oficio, tales os carreteiros, e tamén os lactantes porque cando foi decapitada, do seu pescozo manou leite en vez de sangue; pois mentres o sangue simboliza da dor o leite simboliza a pureza e a esperanza.
            Esta é a santa filósofa que, discutindo cos xuíces que a condenaron por profesar a fe de Cristo, a todos rebateu con sólidos argumentos, e por iso os pais da Igrexa a tomaron como patroa dos filósofos, notarios e oradores.
            Como non portaba polas ordes que os xuíces lle daban nin se amosaba submisa con eles, nin lles facía caso con respecto a que deus había de render culto, indo incluso contra as mesmas leis do imperio, foi torturada poñéndoa no medio dunhas rodas armadas de coitelas, co fin de que estas, ó rodar, fosen magoándolle o corpo, pero no mesmo intre en que as puxeron a funcionar, un anxo baixou do ceo, e escangallounas antes de que tocasen a súa pel, por iso finalmente optaron por decapitala, e tamén por iso, na súa simboloxía, ademais da roda ten unha espada.
            Pero o caso é que esta santa quedou na memoria popular como a santa da sabedoría, e así, cando nace un neno que ten no ceo do padal unhas medias circunferencias, que os médicos soen dicir que son debidas a que aínda non están ben soldados os osos do ceo do padal, chámaselle a esas marcas a roda de santa Catarina, e é un indicativo de que ese neno vai destacar en sabedoría; e aínda a máis, ese mérito é algo que se transmite por vía de primoxenitura masculina cada sete xeracións. E así é dito común cando un neno amosa certa agudeza dicir que lle hai que mirar o ceo do padal.
            De todas maneiras, o neno que con tal virtude nace, xa antes estando no ventre da nai, se manifesta, falando e aconsellándoa desde a barriga, e a nai que tal cousa sabe, ha de manter o secreto ata que o neno naza, senón malograse o embarazo.

            Así pois, os que teñades meniños, mirádelle o ceo do padal.   

sábado, 23 de novembro de 2013

O DISCÍPULO DO MAR


                                   Por Pura Tejelo
fotografía de Carlos de Luis
Tes os ollos verdes da mesma cor do encerado
no que tantas xornadas
se perdían as túas pupilas
           entre números, versos e recreos...
(cunchas,cascarolos e velas de navegar...)
Soñador de triángulos imposibles:
a túa mirada, a pizarra e o verde de Soneira.
Tan distante da quimera azul da túa cabeza,
                      tan lonxe das redes de pescar.

Encheran as túas pálpebras de auga
coas vellas historias dos mariñeiros
que traen escamas en dornas prateadas, sereas avistadas
                                                                          na distancia,
aventuras con fondo de coral.

Roxe, meu neno o mar
                      baladas inocentes,
colcha marítima de falso encaixe,
e ti,
coa paixón de namorado
bucearás nas revoltas dunha rota
fotografía de Carlos de Luis
                              damas de seda e armiño
paseando unha borda imaxinaria.
Sinais, luces misteriosas
                   música, mariños de azul,
                                      papagaios, flotadores
que baterán no teu bote , en naufraxio,
até entolecer.


Quen te fixo enrolar
nun vello barco como este
tan vello como o mar,
repleto de especies e almas?
Este Océano
                 principio e fin do mundo.
Aborda ese buque
fantasma inmenso
                          de nome estraño
que agora es ti mesmo,
e sentirás pánico e faraste forte.
               Primeira tatuaxe da vida.
A vella factoría
                       vomitou unha balea
e soubeches que algo máis que cascarolos
                 vivían nas entrañas do monstro.
Evitarás moitos golpes de mar
e beberás o salitre que respiran as algas e os peixes.

A tempo estás de non calzar
as esporas de escuma
                        ou de catar o lombo dos delfíns,
mais, feliz ti!.  Terás
fluorescencias de estrelas
                         na túa almofada de vaivén.

Cando sopre o vento impetuoso
salferido de auga, ceo e horizonte,
sen máis protección que a túa pel
e o son triste no abandono da noite máis pecha,
os teus ollos verdes de mariñeiro novo
lembrarán, quizás,
                  longas tardes de temporal
navegando  polos campos de Soneira
                                 no pupitre abrigado e cálido
a lectura monótona
de calquera inverno
sentado entre Carlos, Ismael e Beatriz.

Tecerás galanos  de amor
rimando  liras con redes
e olerás a terra desde o recordo.

Que ese piélago feroz
que observa como un hóspede
                o teu perfil de cervo,
sexa o teu amigo
                       e te protexa
do seu corazón incesante.


venres, 22 de novembro de 2013

SUBMISAS


Por Pepe de Rocaforte
   
         Vólvome preguntar se estas colaboracións tocarán temas pouco acordes co contido xeral do blog, pero non me podo subtraer ás novas que a actualidade nos ofrece a diario.
            Estes días pasados, por exemplo, informábanos a prensa do inxusto acoso de feministas e progres a mon­señor Javier Martínez Fernández, arcebispo de Granada. E todo porque unha editora baixo o seu control, “Editorial del Arzobispado de Granada”, acaba de publicar un texto da escritora católica italiana Costanza Miriano, cun título que non ofrece dúbidas sobre a orientación do seu contido: “Cásate y sé sumisa”.
            Costanza Miriano alecciónanos no seu libro sobre o papel da muller nas relacións de parella. A muller debe aprender, dinos, a obediencia leal e xenerosa, a submisión, para poder ser feliz “incluso co seu marido”. ¿Resulta estraño? Pois é simple aplicación da doutrina bíblica, das normas de conducta dictadas directamente por Deus ós homes para o seu bo goberno.

            Vexamos se non o “Eclesiástico”, que por feliz coincidencia me cadrou ler nestes días: Á muller que non dá gusto ó seu marido escórdalle os brazos e amolécelle os xeonllos (25, 32). Se ela non camiña baixo a túa dirección, ofenderate diante dos teus inimigos (25, 35). Ela (se non a controlas como é debido), coma un camiñante con sede, aplicará a boca a toda fonte, e beberá a auga máis próxima, sexa cal for, e sentará en calquera esquina e abri­rá a súa alxaba a calquera flecha (26, 15). Metáforas preciosas, por certo. Etc., etc.
            Ademais ¿non nos di tamén a Biblia que no principio do mundo creou Deus ó home e como este se aburría fabricoulle unha muller para o seu solaz e distracción? Pois logo ¿de que nos escandalizamos? A publicación deste libro é consecuente coa doutrina bíblica. Non acusemos logo a monseñor Martínez, nin á súa editorial.
            Por certo ¿quen diría eso de eppur si muove?

xoves, 21 de novembro de 2013

A música e santa Icía


            Coma cada vintedous de novembro os músicos están de festa, celebrando á súa patroa, aquela que morreu cantando, aínda que outros a poñen tocando a arpa, o harmonio, a frauta e non sei cantos outros instrumentos para remarcar a súa condición de música.
            E se hai uns días lembrábamos como a música por medio de Orfeo establece unha relación entre o ben e o mal, e incluso entre a vida e a morte, e dado que un pagán como aquel non podía estar no almanaque, o cristianismo foi buscando entre os seus mártires a quen mellor se adaptaba para o posto e escolleu a esta mártir que, obrigada a casar, a pesar de facer votos de virxindade, no mesmo día da voda subiu ó estrado dos músicos e cantou para todos os invitados as marabillas da castidade. E claro, unha cousa tan privada do matrimonio como é a relación sexual, que sexa exposta en público pola mesma noiva, no mesmo intre de casar, avergoña a calquera e provoca todas as furias imaxinables. E provocounas a pesar de que o mozo lle perdoou, porque ós sogros non lles chistaba nada aquela tolería de deixalos sen netos. E pola furia dos sogros levárona ó xulgado e daí ó cárcere por rebelde e por negarse a darlle fillos ó imperio, logo vén a tortura e finalmente a pena capital, e no intre en que morría, todos os presentes sentiron un coro de anxos que baixaba do ceo, envolto en fermosas melodías para recoller a alma da finada.


luns, 18 de novembro de 2013

Orfeo



            Tan guapo e bo rapaz era Orfeo, que o mesmo Apolo fixo para el unha cítara co caparacho dunha tartaruga, e con el, cal repoludo gaiteiro encantaba ás mozas que o escoitaban. Pero non só a elas, senón tamén ás mesmas feras do monte e ata ós inclementes meteoros. A súa música amansaba ás bestas, arredaba as tormentas e traía a paz a todos os lugares onde improvisase algunha melodía, por iso Xasón, cando buscaba ós mellores tripulantes para ir na procura do vélaro de ouro, escolleuno tamén a el, quen grazas á súa música, ó pasar por diante das sereas que cos seus cantos atraen ós mariñeiros á perdición, el executou o seu arte tan primorosamente, que ata as mesmas sereas calaron para escoitalo.
            Foi así, con este arte marabilloso que conquistou o corazón de Euridice, e ela tan namorada del estaba que ó seu lado nin miraba onde pisaba, e por iso pisou mal e foi mordida por unha serpe e morreu.
            O desconsolado amante choraba todo o día tal perda, lamentaba a súa mala sorte, rogáballe ó ceo e á terra que o levasen coa súa amada porque o seu xa non era vida, e os deuses do Olimpo escoitaron o seu lamento e permitíronlle entrar no reino de Hades para encontrar a Eurídice; e diante dela volveulle a alegría e volveu a tocar a súa cítara, e tanto lle gustou ós deuses das profundidades que lle permitiron volver ó mundo dos vivos coa súa esposa. Pero cunha condición: Non poderá volver a vista para vela mentres non sexa bañada pola luz do sol.
            Colleron o camiño da saída e Orfeo, ardendo en desexos de bicar a Eurídice, mantivo á vista á fronte aínda que ela laiase pola presencia dalgún maligno ser que lles saía ó paso, só por importunar e provocar maldades. Orfeo coa cítara na man camiñaba diante e fixo durmir ó mesmísimo can Cerbeiro e alcanzou a boca da funesta cova e sentiu o sol sobre a súa faciana, e sentiuse feliz polo grande favor que os deuses lle facían, e ansioso de bicar á súa amante volveuse. Maldita sexa. Volveuse pero ela aínda non saíra á luz do día, e entón, cal nube de fume no nordés, desapareceu para sempre.

            A súa cítara xa só tivo tons fúnebres para o resto dos seus días.

domingo, 17 de novembro de 2013

Os marañois do Piornedo


            Non sei por que me tivo que tocar andar estes días de frío pola montaña, onde sempre se agradece unha cunca de caldo cando chamas a unha porta. E se ben certo é iso de “tal terra andar tal pan manxar”, tamén hei dicir que nunca lle puxen mala cara a unha boa tallada, outra cousa é andar pola neve que me sorprendeu. Pero tamén aquí, nestas terras de Cervantes, para iso hai recursos para facilitar a andaina, e amósanme os marañois que tanto me lembran a aquel exemplo que nos poñía o profesor de física cando nos falaba da presión en relación coa superficie e a forza, e acababa razonando por que as mulleres non poden usar zapatos de tacón na praia. Nin na praia nin na neve. En todos os documentais sobre os pobos nórdicos aparecen esas raquetas, que atadas ós zapatos serven para aumentar a superficie de contacto sobre a neve e facilitar así a andaina sen se cravar como se andásemos con zapatos de tacón na praia.

            Os marañois veñen sendo as raquetas para a neve que se usan nas nosas montañas. A eles átase o zapato, os zoques ou as galochas, e así o pé está quente e o paso é máis doado.

Ferraxes nas portas



Na montaña, os espellos de pechadura aínda nos máis simples, teñen unhas curiosas formas, con intencións decorativas. Estas ferraxes, pechos, asas, pechaduras e demais elementos propios das portas, aínda sendo adornos sen grandes aparello decorativo atraen a nosa curiosidade, pois neles non van faltar as espirais, ese símbolo que tanto nos lembra as voltas da vida, pasando polos momentos de alegría e de pesar de choro e de risa, e tamén a simboloxía relixiosa. Ás veces, o ferreiro que as fixo mételle incrustacións, simples punteados ou a data, outras tamén procura esa nota de cor, incrustando un bronce ou un cobre para darlle unha alegría nova ás ferraxes, unha nota distintiva como se fosen follas de frondosa natureza, follas eternas, sempre vivas.
            Atopámolas en todas as bisbarras, pero hoxe quedamos con estas dos Ancares tan só porque as temos máis próximas na memoria

sábado, 16 de novembro de 2013

Un crónlech ou reloxo astronómico en Cedeira


            En Cedeira atopamos este curioso reloxo de sol que máis ca de sol semella astronómico, onde a sombra da vara metálica, proxectada ó mediodía sobre a escala do fondo marca o día do ano. Evidentemente a orientación é cara sur. E compleméntase cunha especie de crónlech que sinala os equinoccios e solsticios nos piares que a acompañan só coa proxección solar. Á fin, estamos nunha época de alta tecnoloxía, e este é un exemplo que nos serve para ver como se move o sol pola bóveda celeste sen grandes mecanismos nin elaborados sistemas electrónicos que o expliquen.


xoves, 14 de novembro de 2013

UNHA DE TRANVÍAS


Por Pepe de Rocaforte
            A medida que pasan os anos medra en nós a tendencia a idealizar o pasado. Polo menos eso me sucede a min. Recordo a miña infancia, cando ía de veraneo a Vigo. Vigo parecíame o paradigma da cidade ideal: o mar, os barcos, os edificios altos (Aquela “Residencia Almirante Vierna” en construcción, máis coñecida como “O Pirulí” porque todos chupaban dela; para falar agora da corrupción como cousa nova). Pero o prin­cipal símbolo cidadán eran para min os tran­vías. Aquel continuo trafego arriba e abaixo polas rúas empinadas da cidade, o ruído do ferro, rodas contra raíl, os chispazos de contacto do trole co cabo de onde tomaba a corrente, o son da campaíña con que advertía do seu paso ós transeúntes, a xente encolgándose en mar­cha...

            Aínda non se me borraron da memoria os números dalgunhas liñas: o “1", que ía á Florida, cun mini-zoolóxico na estación final, desde onde se baixaba a Balaídos; ou o “2", a Bouzas, que colliamos habitualmente para ir á praia a Alcabre. En fin, conto esto para intentar explicar a alegría con que hai uns anos recibín a inauguración da liña de tranvía polo Paseo Marítimo da Coruña e a desilusión con que observo nestes días a retirada do cableado nese mesmo paseo, signo da próxima desaparición desta pequena atracción.
            Recordo a ilusión con que hai anos levei ós meus fillos ó Porto e a Lisboa para dar­lles a coñecer aquel medio de transporte desaparecido en Galicia. E pregúntome como é posible que noutras cidades manteñan ese servicio: o Tramvía Blau de Barcelona ata o pé do funicular do Tibidabo ou as liñas en pleno funcionamento en tantas cidades europeas.

¿Resulta realmente tan costoso manter o tranvía nA Coruña para ter que proceder hoxe ó seu desmantelamento?

mércores, 13 de novembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                       Por UM-DO-CHAO.
CAAMAÑO.

O apelido.
Roberto Caamaño
Este apelido deriva-se de topónimo (o mais destacado no município sonense), mas diria-se que tem umha origem antroponímica anterior, e nesse sentido teria actuado como alcunha, segundo Méndez Ferrín latino el (caa magno), vindo a significar, daquela,  quam grande
Ora, esa partícula caa forma parte de vários outros topónimos nossos como Caamouco/Caamouço ou Caaveiro; e isto leva-nos aos escasos exemplos, condenados a desaparecer, de vogais duplas: Vaamonde/Baamonde, Maañón/comumente Mañón, Paadín, Saa e Saavedra… ou bem Beemantes (hoje em desuso) ou Boo, Feixoo/Feijó, Rioboo/Riobó, Roo (topónimo de Outes e Noia, coincidente co holandês!), Poo (do navegante Fernao Poo, português que descubriu a actual ilha de Bioko, na república monárquica de Guiné Equatorial)…
Ao tempo que advertimos estes desaparecimentos (veremos que com Caamaño tamém passou), fora das nossas fronteiras, que nos fam justificar esse “h”, enfatizante e arcaico, intercalado por vezes (Bahamonde)… traemos um pintoresco exemplo de homonímia, qual é a palavra caa (ka’á) do guarani paraguaiano (incorporada à toponímia no Caacupé do santuário mariano máximo do país), significando erva.

As personagens.
Francisco Caamaño Deñó
1 JOAQUÍN CAMAÑO (sic) Y BAZÁN (1737-1820). Jesuita de induvitável estirpe galega, nado na Rioja argentina e morto em Valéncia, depois de se ter radicado em Itália, a partir da expulsom da ordem dos reinos de Espanha. No breve mas intenso lapso de 1763-1767 foi misioneiro no Gran Chaco (compartilhado polo Paraguai e Bolívia desde a cruenta guerra do Chaco no século passado), de onde captou a cultura dos chiquitos e a natureza da zona, convertido em importante lexicógrafo, naturalista e cartógrafo… polígrafo em suma.

2 ROBERTO CAAMAÑO (1923-1993). Pianista, compositor e director de orquestra argentino, que mesmo publicou umha Historia del Teatro Colón de Buenos Aires.


3 FRANCISCO CAAMAÑO DEÑÓ (1932-1973). Militar dominicano, neto do compostelám Álvaro Caamaño Sanjurjo. Luitou pola implantaçom da democrácia no seu país, chegando (1965) a breve presidente provisional… e acabando morto de morte matada naquele ano, em plena acçom guerrilheira… o qual o tornou em heroi nacional.

martes, 12 de novembro de 2013

Hórreo de Berdoias



        
    Hoxe andamos por Berdoias, na provincia da Coruña, fronte a este hórreo exento de adornos simbólicos, de tornarratos pouco elaborados, que incluso se aproveitan como pedra soporte para o resto da construcción, e doutros elementos que podemos ver nos hórreos de postal, pero cumpre co seu deber de manter o froito seco, illado da terra, aireado, sen alardes de cantería de pedra labrada, pero si coa arte de encontrar o punto de apoio de cada pedra para manterse rexo durante anos, incluso sen necesidade de sistemas de pegamento entre as pedras que o forman,  senón pedriñas incrustadas para manter o equilibrio, aínda que nesta foto semella que os pés xa van cedendo como vellos cansos de levar a vida ó lombo. É á fin o tipo de hórreos que se ven nesta parte do país, e como sabemos, en cada bisbarra teñen o seu estilo, o seu medio e as súas necesidades.

domingo, 10 de novembro de 2013

San Martiño

            
      
San Martín de Tours en Navia de Suarna
      No veranciño do san Martiño, que non sempre cadra co mesmo día do santo, todos os porquiños andan tristes e todos os paisanos felices. Logo virán os días fríos, o mellor tempo para curar as carnes da matanza, os días de recollida a carón de boas cuncas de viño e boas talladas de carne, por iso esta é unha data para celebrar. E por se non nos chegase un santo, no mesmo día temos a dous santos Martiño que festexar, o de Tours e o de Dumio, e se un é importante o outro é interesante, e ó revés.
San Martín de Tours en Suevos
(Arteixo
)
            Advírtenos o refraneiro que “despois do san Martiño deixa a auga e bebe viño”, porque aí está xa o frío, que “de san Martiño para diante non hai demoño que aguante”, e por iso precisamente o Martiño de Tours, cando está entrando na cidade e un mendigo lle pide esmola, el non atopa outra cousa mellor que ofrecerlle un anaco de capa, para que se tape nos vindeiros días invernais.

            Pero o noso de Dumio é outra cousa, porque era bispo e tiña que aconsellar, organizar as parroquias e as dioceses e advertir co seu famoso De correctione rusticorum, ou como corrixir ós rústicos, o famoso escrito no que lle aconsella ós párrocos como actuar diante dos costumes dos seus paisanos, para que deixen de adorar  ó lume, ás fontes, ás pedras e ás árbores. Xa tres ou catrocentos anos antes, o seu homónimo de Tours aconsellou poñer unha cruz naqueles lugares de culto precristián ou erguer capelas en honor dos santos onde antes había templos pagáns.
San Martín de Dumio en Suevos (Arteixo)
            Pero polo que sabemos, os consellos do de Tours non deran o resultado agardado catrocentos anos despois e polo que vemos tampouco os consellos do de Dumio deron resultado mil anos despois, pois que seguimos lavándonos na fonte do santuario, deixando exvotos de agradecemento, pasando polo carrasquiño carrasqueiro que non foi nado nin tampouco transplantado, colocando os ramos de loureiro nas adegas de viño novo, e os de toxo nas portas da casa contra as bruxas, colgando figas, cornos e espiñar contra o malfacendo todo tipo de rituais para casar, mocear, empreñar, nacer con ben e morrer sen dor.
     Somos fillos dunha tradicción que non é doado erradicar.
            En fin, festexemos ó san Martiño, a un ou outro, que aló no ceo, cada un xa saberá para quen é o recado.

venres, 8 de novembro de 2013

Unha chave


             Petar cunha chave na porta, ou a chave convertida en aldraba, posta a disposición dos visitantes pero tamén ó criterio dos moradores. Eis o poder da chave que abre pero tamén pecha, por iso os exipcios usaban aquel símbolo da cruz ansada que abría as portas da eternidade e que por transmisión e asociación simbólica chegou a converter a nosa chave en elemento apotropaico e forza protectora.
            Como elemento preventivo úsase a chave da igrexa en distintos rituais para evitar enfermidades, porque así como franquean os camiños do ben e pechan os do mal, tamén serven para curar, e funcionan como profiláctico contra os andazos, usándose incluso, a chave dalgunha igrexa posta ó lume, para cauterizar as feridas dos mordidos por can rabioso. Nas lendas e haxiografías témolas nas mans de san Pedro para abrir as portas do ceo ou nas de Hécate para abrir o camiño do Máis Alá. Tamén ás mulleres que van parir se lle pon unha chave sobre a barriga, para facilitar o parto e ós moribundos unha chave entre as mans, para facilitarlle o tránsito pola Outra Vida.

A chave abre as portas polas que se accede á verdade da vida pero tamén reclúe ó maligno, como anuncia o Apocalipse, cando fala do anxo que traerá a chave do abismo para encerrar o mal.

xoves, 7 de novembro de 2013

MUSEO DA EMIGRACIÓN


Por Pepe de Rocaforte
            Enviáronme nestes días unha montaxe con fotos da Emigración e  música de Fuxan os Ventos. As fotos, de Alberto Martí e Manuel Ferrol, lémbranme unha idea sobre a cal matinara xa hai certo tempo en relación coa posibilidade de que algunha institución puxese aquí en marcha un museo ó xeito do que funciona na Illa de Ellis, en Nova York.
            A idea, de se levar a cabo, non contaría cun éxito de público proporcional ó do museo neoiorquino da Inmigración, entre outras cousas porque alí a entrada vai incluída dentro dunha visita á estatua da Liberdade. Pero, ó noso nivel, ¿pagaría a pena en Galicia un museo similar?
            Debo confesar que a miña experiencia particular da Illa de Illis foi deprimente. A visión daque­las fotografías de xente humilde (os viaxeiros de primeira e segunda clase non eran desembarcados en Ellis, senón en Manhattan e sen problemas de ningún tipo). Os exames a que os recén chegados eran sometidos antes de lle permitir o acceso ó paraíso americano, a expresión dos seus ollos, o medo a vérense obrigados a regresar ós seus puntos de orixe, onde sen dúbida deixaran quei­madas as naves, encollíame o corazón.
            Certo que, ó parecer, dos vinte millóns de inmigrantes desembarcados en Ellis entre 1895 e 1954, tan só a un dous por cento se lle negou a entrada nos Estados Unidos. Pero tal porcentaxe representa catrocentas mil persoas (anarquistas, delincuentes e portadores de enfermidades contaxiosas, segundo as informacións).
            Quedeime particularmente cos enfermos, vin nas fotos o seu aspecto humillado, pensei no que os esperaba e tiven que abandonar o museo e marchar ver o mar para librarme da sensación de angustia que empezaba a afogarme.

            Certo que aquí as fotos serían de xente que se ía, non de xente que chegaba. Pero ben pensado ¿non son igualmente horribles, e alleas, as causas que os conducen a tal situación?

mércores, 6 de novembro de 2013

Membros para sandar

                        

Non vos asustedes. Non estamos nunha carnicería. Estamos nunha capela abandonada, e iso que vedes aí non é máis que a moeda con que os fieis mercaban o favor do santo, que xa nin os cregos aproveitan.
            Aí, pendurados da trabe están os exvotos que os fieis ofreceron nalgún día, pernas, brazos e ata caras feitas de cera, coa esperanza de curar dalgún maliño, que logo da festa se refundía e volvían a servir para as ofrendas doutros devotos noutra ocasión. A cera tiña, gracias á fe máis valor co ouro, porque cada peza que se mercaba volvía ó lugar de onde saíra, e logo de refundida volvíase a vender para que os ofrecido a deixasen onde se mercara. ¿Pode alguén imaxinarse cantas veces se podía revender un quilo de cera sen saír da tenda?, ¿ou cantos pés, brazos ou mans curou o santo con este pago?. Con estes exvotos podemos dicir que a esperanza non ten prezo.


            Dicir, para quen teña a curiosidade, que estes exvotos, están nunha capeliña abandonada na montaña luguesa, baixo a advocación de san Roque.   

luns, 4 de novembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                            Por UM-DO-CHAO.
FERREIRO.

O apelido.
            Apelidos sociais chamam-se aqueles originados no quefazer do home na sociedade, quer polo seu ofício (Peleteiro), quer polo seu cargo (Juiz), bem pola sua categoria social (Conde)… Daquela, som apelidos que estám presentes em todo o mundo, pois ondequer houvo e –cada volta menos- hai gentes que fabricam cousas coas suas maos ou que desempenham funçons de governo e administraçom.

            O de ferreiro (co seu subsidiário de ferrador) é-vos um ofício de bem antigo nascimento, haveria que aventurar que, em quanto falamos de Idade do Ferro, temos que falar de ferreiros ou proto-ferreiros, homes que fabricavam trebelhos e armas e que, portanto, jogavam um papel vital (ou mortal!) na sua colectividade.
Martín Ferreiro y Peralta
Daí passou a ser apelido em toda a Europa (nom temos conhecimento para nos referir a outras línguas e continentes onde se daria igualmente), com procedência filológica no latim ferro, e do que podemos citar umha longa lista de exemplos em várias paragens: é o Herrero espanhol, o Ferrer catalám, o Lefebvre francês, o Smith inglês, o Schmidt alemám… e o Kuznetsov ruso (como nos ilustrara o lembrado Manolo Riveiro).

Assi como Ferreira, o feminino, é topónimo entre nós e apelido muito comum em Portugal, cuido que Ferreiro está mais estendido na Galiza.

As personagens.
Nom parece haver tanto Ferreiro famoso a nível mundial. Mas hai abondo para os nossos fins. Vedeaí um espanhol, um uruguaiano e mais um galego, mesmo por esta ordem cronológica:

1 Martín FERREIRO y Peralta (1830-1896). Madrilenho. Geógrafo e cartógrafo muito dedicado à área marítima, é recordado principalmente por ter sido (1880) impulsor da Sociedad Española de Salvamento de Náufragos, co que isto tivo de filantrópico.

Alfredo Mario Ferreiro
2 Alfredo Mario FERREIRO (1899-1959). Uruguaiano. Poeta e jornalista. Adscrito à escola futurista, cujos títulos das suas obras abondam para darmo-nos ideia do seu criacionismo humorístico, talvez herdado de seu pai galego: El hombre que se comió un autobús (poemas con olor a nafta) (1927) ou Se ruega no dar la mano (poemas profilácticos) (1930). (Anedoticamente digamos que, por aqueles anos, codirigiu, co corunhês Julio Sigüenza, a revista literária montevideana Cartel).



3 Celso Emilio FERREIRO (1912-1979). Porventura o poeta galego mais popular do século XX, cum lirismo e um dizer incisivo parelhos (adoptando nalgum poemário o seudónimo de Arístides Silveira). Lembrai Longa  noite de pedra ou Onde o mundo se chama Celanova

domingo, 3 de novembro de 2013

A festa de Todos os Santos

           

            Coroas de acivro e loureiro eran comúns nos camposantos e cemiterios galegos noutro tempo, máis aínda que as flores; e a razón, sempre vinculada á simboloxía, non é outra que a de ser plantas de folla perenne, sempre verdes e sempre vivas, como unha evocación ó triunfo da vida, para lembrar que, como a semente que fica baixo a terra e logo florece, tamén os finados han de resucitar, unha crenza que, como vemos neste caderno por exemplos anteriores, non é exclusiva do cristianismo.
            E neste país en que a morte forma parte da vida, non podía ser doutra maneira que dúas das máis grandes feiras galegas, reunións de vida e actividade, son as que no primeiro de novembro se celebran en Monterroso e Betanzos, por exemplo.
            É data de visitar ós nosos antepasados, e como recollen etnógrafos como Taboada Chivite, eran datas nas que incluso se lle levaba comida ós finados, que se
depositaba sobre as tumbas, bolos de pan e cuncas de viño, que o sancristán recollía para contribuír con tales pagos ós responsos e misas de ánimas, nas que se evocaba o nome da persoa finada.
            E tamén é o tempo dos magostos, que tal vez teña na provincia de Ourense a máxima expresión ritual, onde nos dixeron que cada castaña que estoupa ó asar, é unha ánima que acaba de entrar no ceo.  

O ciprés


            A razón de que os cemiterios amosen uns cipreses dentro do recinto, é costume que traemos dos romanos, primeiramente por ser esta unha planta con forma fusiforme, fálica se se quere, e de folla perenne, unha planta sempre viva que semella loitar contra a morte.
            Mais a explicación lendaria da súa orixe nos cemiterios vén a través da lenda que conta de cando había en Grecia un mozo de beleza extrema, chamado Caperiso (ciprés en grego) de quen Apolo, o deus da luz, se namorou.
            Tiña este rapaz un cerviño que usaba de mascota e quixo a mala sorte que o animaliño lle morrese, sumindo ó fermoso mozo na máis triste desconsolación, polo que, apiadado del Apolo, ofreceulle a súa axuda para axudarlle a consolalo, e o cativo non tivo outra idea que pedirlle que lle permitise chorar polo cervo eternamente.
            Para cumprir tal desexo, Apolo converteu a Caperiso en ciprés a carón da tumba da súa mascota.

            

O Samain e Todos os Santos

            


            Na tradición celta hai tan só dúas estacións: o verán e o inverno, marcadas cada unha por unha data significativa, o Samaín (vocablo gaélico que se traduce ó inglés por Halloween), que marca o principio do inverno e o Cetmaín que marca o principio do verán..

            Á marxe das novas interpretacións que estamos vendo no noso país, que teñen máis de importación que de tradición, o Samain era unha celebración que coincidía con este primeiro de novembro, e cando as distintas tribos celebraban as súas asembleas e comidas rituais, lembrando as lendas asociadas a tal festexo, tal a do heroe que, en chegando esta data fica inmóbil durante todo o inverno, agardando a chegada do verán para volver á actividade, ou a do rei que pasa o inverno na completa ignorancia, ata que vén o verán. Lendas que á fin, nos falan da
inactividade da vida, da natureza que agarda ó medre dos días para volver a florecer, e que no fondo gardan esa relación simbólica co Achadego de Osiris, e asemade coa nosa celebración da Festa de Todos os Santos e Fieis Difuntos, que fala da esperanza dunha nova vida tras a morte.