domingo, 26 de xaneiro de 2014

Aves de luz e esperanza


Apuntes sobre a simboloxía das aves
Xa se escoitan cantar os paxariños, e atendemos a un elemento digno de destacar dentro da iconografía galega de época antiga, relativa ás representacións en petroglifos ata ben entrada a idade de Ferro, onde non soen aparecer aves e sen embargo hai moitas lendas relacionadas con castros ou monumentos megalíticos, nos que si aparecen como elemento protagonista, tal a lenda do galo de Armentón (Arteixo), ou a da galiña e os seus pitiños do castro de Lañas (tamén en Arteixo).
As aves non son elemento mítico exclusivo de ningunha cultura, a mesma Biblia conta como Noé, unha vez que deixa de chover, soltou primeiro a un corvo para que vise se había terra onde pousar, e este, ave preeira, ficou comendo cadáveres e non volveu, e logo, soltou unha pomba, que si regresou cunha ramiña de oliveira no pico, no que sen dúbidas se pode entender como o primeiro símbolo de paz.

As aves, que non acostumamos a velas en actividades cinexéticas nas iconografías do mundo clásico, si aparecen con frecuencia asociadas a distintas divindades como atributos propios, tal a aguia, considerada como a raíña das aves, por ser a que voa máis alto, a máis maxestosa e poderosa está asociada con Xúpiter, o falcón, capaz de ver desde longas distancias a súa presa, ou máis aínda o seu ollo, tómase como símbolo de Horus, ou o moucho, unha ave nocturna, serena, atenta e silenciosa con Minerva e a sabedoría.
Asemade as cores das aves son unha das claves iconográficas que observamos, non é o  mesmo o negro dun corvo ca unha pomba branca, pois igual có corvo de Noé, a choia, tamén da familia dos córvidos e das pegas, ave que tamén se alimenta de cadáveres, era considerada polos gregos como ave de mal agoiro, mentres que a pomba, ave da deusa fenicia da fecundidade Astarté, de Venus e Cibeles, era un símbolo do ben e da esperanza.
Tamén a cegoña se tiña como atributo dos viaxeiros, debido a súa migración, e asemade como símbolo de amor filial para os romanos, dado que se pensaba que esta ave alimenta ós seus pais na vellez, razón pola que se asociaba a Xuno.

Como vemos, unha mesma ave pode ter distintos significados e verse de distinta maneira segundo as culturas, en función das súas peculiaridades,  da súa cor, dos costumes ou usos, asóciase a distintas divindades desde antigo e con esa simboloxía se manteñen hoxe en día.
O galo de Barrañán
   
         Na praia de Barrañán, no concello de Arteixo, onde as iconas con aves son unha tradición que se remonta os primeiros séculos do cristianismo, semella que o monte rompeu como se se afundise de súpeto contra o mar, e no límite da praia hai algunha furnas que os elementos mariños foron esburacando a través dos séculos con profundidade variable. Algunha deses furnas comunícanse entre si, pero outras introdúcense no subchán de maneira que ninguén pode sondar a súa profundidade.
            Pois nunha destas furnas que abre a súa boca cara o ocaso, ese punto de onde as crenzas populares din que vén o frío, a noite e a morte, ninguén era quen de asegurar a súa profundidade nin a dirección que tomaba no fondo da terra, así que, a alguén, ocorréuselle meter un galo e agardar para ver por onde saía se é que saía. E ó cabo dun tempo, cando xa todos daban o galo por perdido, este cantou no alto de Lañas. Saiu á luz, despois de entrar pola boca das tebras, preto do castro de Lañas (o castro onde mora a galiña dos pitos de ouro), mirando para a parroquia de san Pedro de Armentón, onde podemos ver unha antiga inscripción que lle fixo pensar a alguén sospeitar que antes de que os paisanos rendesen culto a san Pedro, o santo que dicide a quen lle abre as portas do paraíso e a quen se invoca contra os raíos, xa adoraban a Xúpiter, o deus que pon condicións para subir ó Olimpo e castiga ós que lle levan a contraria botándolles un raio. Ben a inscripción máis ben parece referirse á data de fundación do templo primitivo e nada ten que ver co pai dos deuses.
            Pero a pregunta que agora nos planteamos é a seguinte: ¿Fálannos estas lendas do tránsito polo subchán, dunha especie de peregrinación polo hades dos gregos ata atopar a luz?.

A lenda de Lañas
Fálanos esta lenda da presencia dunha galiña con sete pitos de ouro, rubios coma o sol e ricos como a fartura que simboliza o prezado metal, uns pitiños que moran no castro de Lañas, como mostra da riqueza que alí habita, ou habitou nalgún intre da historia, nalgunha época dourada que permanece na memoria da xente, e fica alí agardando a quen saiba desfacer o encanto. Trátase dunha galiña que aparece ó amencer de certos días do ano coa súa rolada.
Alguén os viu, máis ninguén puido collelos, porque só son a presencia dun tempo de riqueza que se foi.

(Apuntamos como complemento a este artigo o titulado Hórreos en Arteixo)

sábado, 25 de xaneiro de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                   Por UM-DO-CHAO.

VÁSQUEZ/VAZ.

O apelido.

 
Autorretrato de
Gregorio Vásquez de Arce
           Estamos perante um outro apelido patronímico que, como os já tratados Estévez e Paz, é exclusivo do universo galaico-português. Particularmente VAZ, a versom reduzida, estimamos ser abrumadoramente portuguesa (velaí o poeta Vaz de Camoens, por Camoes com origem na Galiza, freguezia de Camos, talvez Camós noutrora).
            No nosso caso, trataria-se da derivaçom galega do VELÁSQUEZ castelhano. Poisque este último é o que provém do nome de pia basco ou euskera BELA/VELA (co sufixo abundacional ASKO), que vem significando corvo. (De feito, o nome Vela subsiste como tal apelido por terras de Aragom).
            De Velasco saíu, pois, VELÁSQUEZ, e tamém BLÁSQUEZ, cos séculos deformados em Velázquez e Blázquez. (É de salientar como os franceses escrevem Velásquez o nome do pintor hispano… por certo, de origem luso polo paterno portuense Da Silva/De Silva, que acabou sendo desbotado). Todos aqueles castelhanos de naçom.
            No entanto, entre nós, Velasco déu o reduzido VASCO (que nada tem que ver co gentilício basco) e daí o VÁSQUEZ, por sua volta disfarçado em VÁZQUEZ (é o que chamam, em todos as mostras aquí traidas, fenómeno de arrastagem, o Z arrastando ou vampirizando o S).
Daniel Vázquez Díaz
            Cumpre, por último, esclarecer que nas Américas, onde tanto disparate se tem dado coa ortografia dos topónimos espanhois (exemplo: o apelido Vaeza, polo topónimo  Baeza) e dos apelidos galegos (exemplos: Lozada por Lo(u)sada, Sangurgo por Sanjurjo)… neste suposto concreto dá-se multitude de famílias VELÁSQUEZ e VÁSQUEZ, bem mais fieis à etimologia do que na península-mai.

As personagens.

1 Gregorio VÁSQUEZ de Arce (1638-1711), colombiano, de família sevilhana, talvez o mais importante representante da arte barroca hispanoamericana, 50 anos a pintar.
2 Ramón VÁSQUEZ de Novoa (1791-1856), chileno, de ancestros galegos, avogado e político conservador de controvertida trajectória.
M. Vázquez Montalbán
3 Horacio VÁSQUEZ (1860-1936), dominicano, militar e político, presidente da República em vários períodos, finalmente derrocado polo primeiro dos funestos Trujillo.
4 Daniel VÁZQUEZ Díaz (1882-1969), de Huelva, um dos grandes pintores espanhois do seu século (pintando, por darmos algumha mostra, os frescos do mosteiro da Rábida).

5 Manuel VÁZQUEZ Montalbán (1939-2003), barcelonês de pai galego, quem se tem autodefinido como “periodista, novelista, poeta, ensayista, antólogo, prologuista, humorista, crítico, gastrónomo, culé y prolífico en general”, o noso lembrado criador do investigador Pepe Carvalho.

venres, 24 de xaneiro de 2014

Un home coméntalle ao seu compañeiro de butaca a danza dunha bailarina.

Por Pura Tejelo

                    As bailarinas teñen  o corpo esforzado pola disciplina e o sacrificio.  Os seus perfís  son o debuxo dunha nota musical, precisos, elegantes.
                    Pero fíxate naquela .  A da esquerda, esa que se aproxima , agora. O corpo desta muller, míraa, contempla o que estamos vendo.  Hai unha pequena redondez á altura da nádega, onde rematan as coxas, unha curva suavísima, biolóxica , unha pequena reserva natural, tan sensual.  Mesmo  sobe á  altura das súas  cadeiras, imperceptíbel, pero  que fai que a súa danza  sexa tan diferente. Creibel.  O seu corpo non  é demasiado alto e a delgadeza non é extrema, é a muller na xusta idade.  Podemos  supoñer que foi reprodutora, por iso  é aínda máis apetecíbel.  Observa o seu ventre, cantas veces soñaríamos ti mais eu cun ventre así, como unha suave almofada . No centro o embigo,  agora cando se estira e alza os brazos,  o ventre tórnase tan plano que confunde, como o das adolescentes, pero mira, qué tranquilidade, qué seguridade, cando se agacha e retorna o seu aspecto natural. Debe ser como un lugar en que soñar cercanías. Se  vas levando as mans polo seu corpo tópaste con que se vai estreitando . Poderías bailar con ela , pórlle un brazo arredor do van e levala polo salón adiante para a  envexa de todos.  Magnífica.  A unha muller así gustariame bañala, e ter unha esponxa diferente para cada parcela do seu corpo.
                    Agora sente este pianísimo, tantan, tantan...( E ía seguindo  coa cabeza a música. Eu asentía compracido e cómplice).
                 Un corpo novo ten músculo, pero ela, ten color. Os focos de luz douran un trozo de carne mais ca outro, como unha escultura con sombras.  Con relevo. Por iso a súa danza é tan completa.  Redondea as notas, os pasos. O compañeiro de baile faino en zigzag pero ela é unha auténtica espiral de música vivida. Arrastra. Respira. Escoita, é como se latese perto de nós.
              Ten as pernas interminábeis que se prolongan ate o brazo cando o levanta . Sabe o que está facendo. Dos pés á cabeza.  A punta dos dedos  teclearon tormentas e ceos de verán, por iso  aproveita ese paso, tan solemne, tan cercano que dá calofrio e á vez desexo, porque non inhibe parte ningunha do corpo.  Deixase ir.  É a madurez , amigo.  Unha profesional,  en plena madurez.  Máis ou menos  como a túa e a miña, que xa sabemos mirar todo.  En perspectiva, na súa completa  harmonía. Todo.

luns, 20 de xaneiro de 2014

De Música

O CONCELLO DA CORUÑA TRATA DE PROHIBIR OS MÚSICOS NA RÚA

            Por Pepe de Rocaforte
Miki Nervio&
The Bluesmakers
Gaiteiro nA Coruña,
            Segundo oín na radio, Enrique Salvador, concelleiro de Medio Ambiente, presentará ó pleno municipal coruñés do martes 21 de febreiro unha nova ordenanza de ruídos, coa que entre outras cousas se pretende suprimir a presencia nas rúas de músicos que alteren a paz cidadá coas súas tocatas.
            Vaia a miña condolencia para “Miki Nervio & The Bluesmakers” co seu “Autentic Rial Strit Blus”, e tantos outros músicos que tanto animaron as rúas coruñesas en épocas menos represivas que a actual.
            E tamén me dou o pésame a min mesmo, pola miña oculta afección, a partir de agora seriamente obstaculizada, de fotografar músicos de rúa por canta localidade visito. Malos tempos para a alegría, amigos.
Gaiteiro, escocés, 
en Manhattan, Nova York.
Gaiteiro na praza do Obradoiro,
en Compostela



   
Músicos en Madrid



          Se a proposta municipal coruñesa vai adiante, teremos que viaxar fóra para ver estes músicos que alegran outras rúas coas súas composicións.



Músicos en Fisterra





Músicos fronte ó Metropolitan
de Nova York

domingo, 19 de xaneiro de 2014

San Sebastián


            Xa se ven algúns gromiños florecendo. As acacias xa están a punto de soltar esa explosión de amarelo que inunda as estradas, múltiples pequenas flores que anuncian a ansiada primavera, a vida que estaba durmida comeza a aparecer vestida de cores. A fecundidade é froito da beleza, da flor sae o froito, e morto tamén estaba Sebastián, un atlético soldado que non quixo ceder ás propostas de índole sexual que o seu centurión lle facía, e acabou sendo acusado de pertencer a esa secta que non respectaba ós deuses do imperio e seguía as leccións dun condenado á pena da crucifixión. Sebastián foi xulgado e condenado a morrer aseteado polos seus propios compañeiros, e cando o deixaban xa por morto, unha piadosa muller recolleu o seu corpo e curouno, facéndolle crer a todos que resucitara, como resucita a semente soterrada durante o inverno.
            O santo converteuse en símbolo de renacencia e desde os primeiros anos do cristianismo foi invocado contra a peste, pois, igual ca un apestado, tamén el co corpo cheo de chagas volveu á vida, e por iso aínda en lugares coma Castro Caldelas se celebra a véspera do seu día unha procesión con fachóns acesos percorrendo todas as rúas da vila (a peste curábase e cortábase queimando todo o que tivera contacto co enfermo), purificándoa ata que todo o mal foi arrastrado para ser queimado con eses paos ardendo nunha grande fogueira onde se lle dan vivas ó santo, e logo a cinza resultante é esparexida polas rúas como se fose o abono dos campos.
            Ó san Sebastián do Pico Sacro, soben os romeiros e deixan no camiño, en lugares ben visibles, xeralmente encima de algunha pedra, anacos de pan e viño, curiosamente invocando ó Pico Sacro e non ó santo:
                        Pico Sacro, Pico Sacro,
                        sáname este mal,
                        este mal que traio.
E é que moitas veces, o lugar é máis máxico aínda co santo que o preside.          


O nacemento de Hércules:

   
 Os nós, as serpes e a vía Lactea
Sabido é que a muller embarazada, segundo é crenza popular entre nós os galegos, non debe atar o corpo con nós, para que estes non impidan o mal parto, nin pode facer nós ó peitearse, porque o neno pode nacer co cordón umbilical arredor do pescozo, nin facelos cando cose pola mesma razón. Porque os nós, atan e así como impiden que pase o fío tamén coutan a vida que chega por esa especie de cordel nutricional que é o cordón da vida.
            Son vellas crenzas xeradoras de costumes que aínda se estilan e se remontan á lenda que narra o nacemento de Heracles (nome grego do Hércules romano), o fortachón heroe fillo dos amores ilícitos entre Zeus e Alcmena, que tanto ofenderon á esposa do grande deus.
Foi por iso que a agraviada Hera solicitou das Moiras (unha especie de fadas malvadas) que impedisen o nacemento daquel crío, e daquela elas, un fato de ruindade, sentaron á porta da casa de Alcmena cos brazos e as pernas cruzados (como se fosen nós), polo que a parturenta rabiaba de dor pero o crío non saía. O maldito sortilexio estaba matando á pobre muller e ó que levaba no ventre.
            Apiadada dela Galintías, unha tipa de palabra fácil, que a acompañaba con funcións de matrona en tan complicado intre, saíu á porta dando a falsa noticia de que Alcmena xa parira, e fíxoo con tal convencemento, que as Moiras asombradas de que o seu método non funcionase, erguéronse e levantaron os brazos e os puños ó ceo, ameazando contra quen fose que lle quitaba poder, e entón, unha vez que se desfixeron os nós, o neno saíu como un foguete, gordo e repoludo.
            Hera, aínda non satisfeita, meteulle un par de cobras no berce, pero o neno, aínda neno, colleunas e estrangulounas coas súas manciñas, demostrando que xa desde que tan só tiña días de vida ía pelexar contra o mal.
            Máis o neno, repoludo como era, tamén era mamonciño por demais, e non había leite que lle chegase, e choraba a cada intre pedindo máis e máis comida, e daquela Hermes, o mensaxeiro, o amigo de andar con contos, recados e trangalladas, aproveitando que Hera durmía púxolle ó pequeno a mamar dos seus peitos; pero foi nesta que a esposa de Zeus espertou e vendo ó cativo froito dos amores ilícitos do seu esposo sobre ela, arredouno de malos modos, de xeito que o fortachón infante ó saír, sen acabar de separar os beizos da mama divina, disparou dos peitos da deusa un chorro de leite que formou a Vía Lactea.

venres, 17 de xaneiro de 2014

LECTURAS NOVAS E VELLAS

 Por Pepe de Rocaforte
            O francés Georges Polti resumiu nunha lista as 36 situacións posibles como argumento dunha obra dramática, resumo extensible a calquera outra peza de creación literaria. Para quen lle interese, a lista pódese atopar facilmente en internet.
            Aceptada a proposta de Polti, non será estraño vermos en toda nova lectura reminiscencias máis ou menos explícitas de calquera obra anterior. A semana pasada comentaba como “Intemperie” me trouxera á memoria “O deserto dos tártaros”. Hoxe sucédeme algo parecido con outra lectura, a de “Terra sonâmbula”, de Mia Couto, unha excelente novela, por certo. (A información nas orellas do libro dinos que un xurado na Feira Internacional do Libro de Zimbabue destacouna como unha das dez mellores novelas africanas do século XX).
            Estaba, xa digo, lendo e gozando coa obra do mozambicano, cando as historias que esta historia me contaba retrotraéronme a “Cien años de soledad”. Ó meu ver, Mia Couto reelaboraba en clave de Mozambique a novela colombiana de García Márquez. Tal vez non sexa una opinión correcta, tal vez non se trate de nada parecido, pero sentino así.
            E á vista de nos últimos tempos calquera libro novo traerme fatalmente á memoria a lem­branza dunha lectura anterior, pensei que mellor me será volver a aqueles textos que me encantaron anos atrás. Neles, en cada revisión, case sempre leva un a alegría de descubrir algún atrac­tivo antes inadvertido.

            Algo sempre novo e mellor, penso e poño por caso as obras de Álvaro Cunqueiro, ese soberbio fabulador, desenvolvendo sen esforzo, tamén sen alardes, a súa incrible imaxinación para á volta de cada lectura facerme sentir arrolado coma nos brazos envolventes da música de Johan Sebastian Bach mentres liña a liña continúo a facer máis e máis descubrimentes felices e inesperados.

xoves, 16 de xaneiro de 2014

Pregarias a santo Antón

         
                        Santo Antón, santo Antoniño
                        santo Antón o cacholeiro,
                        casei polo santo Antón
            volvín á casa solteiro.
Así que xa sabedes, mulleres que isto ledes, non confundir ó santo dos animais co santo dos galáns.
Como sabedes, hai unha confusión manifesta entre o santo Antón Abade, ermitán do século III e o santo Antonio de Padua, freire franciscano do século XIII; e para evitar confusións innecesarias, a voz popular advirte en verso, desde o momento no que o varón, o mozo ou o galán que necesita da súa axuda lle lembra ó animal que lle serve de atributo:
 Santo Antón, santo Antoniño,
             dáme forza no carallo
             coma ó porco no fociño.
            É evidente que, quen tal cousa lle pide a un santo, ou anda moi necesitado ou é un bruto.
            Tamén polas terras castelás se invoca ó santo das mozas e se confunde co dos animais para logo lamentarse a moza do home que lle tocou, , talvez por ter demasiada presa e non agardar ó mes de xuño para facer o pedido en condicións:
            Le pedí a san Antonio
             un mozo como un castillo
            me engañé de santo y dióme,
            una bestia por marido.

            Claro que, aquí, a confusión é máis doada de entender, porque tanto o santo do 17 de xaneiro como o do 13 de xuño teñen o mesmo nome.

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Hórreos en Arteixo


            Xa se escoitan estes días os paxariños piadores nas primeiras horas da alba, xa medran os días e nótanse, e con eles, aínda a pesar do frío e da chuvia, os campos amosan pequenos brotes que convocan, tal mesa farturenta ás aves, facendo certo iso de que un campo con aves é un campo que anuncia un futuro de prosperidade.
            Por iso os paxaros que vemos coroando os pináculos dos hórreos ou pintados nos seus linteis, son anuncios de fartura, son unha invocación ó medre da semente que eles gardan.

          


  E este tipo de simboloxía é abundante en Arteixo, aínda en hórreos de feitura moderna e con novos materiais, de cemento e ladrillo as máis das veces, os cales tamén son máis doados de traballar para facer estas formas de pináculos con forma de espiga ou resaltando dúas aves que, acubilladas baixo un diamantado sol, forman coa súa silueta un cáliz, conxugando así a simboloxía relixiosa e pagá.

martes, 14 de xaneiro de 2014

Santo Amaro e o paraíso



            Non faltan nesta época do ano os santos ermitáns, aqueles que buscan a paz na soidade e nos seus propios pensamentos, á fin este é un tempo de non andar a beber o vento. Pero aínda que sexan santos máis preocupados por quedar ben coas súas divindades, non deixar de servir como intermediarios para ben dos devotos.
            Contra o reumatismo e a dor de ósos invócase no quince de xaneiro a santo Amaro aquel que buscando o paraíso renunciou ó seu cargo de abade de mosteiro e embarcou con rumbo a Terra Santa, máis cando o barco en que ía atracou nunha praia para facer víveres, el retirouse a rezar, e tan a gusto estaba e tan fermoso era o lugar encontrado, que se esqueceu de volver; e o que para el só eran uns minutiños para o resto dos mortais foron trescentos anos que pasaron. E agardando por el crearon unha cidade, tiveron fillos, netos e netos deses netos. Tan velliño era e sen embargo volveu como se fora, só coa barba medrada.

            ¡Como non van festexalo en Lañas (Arteixo), co apelativo de santo dos vellos!. Méritos non lle faltan ó bo homiño. 

luns, 13 de xaneiro de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                                           Por UM-DO-CHAO.

PAZ/PÁEZ/PAIS/PAIO.

O apelido.

 
José Antonio Páez
           PAZ é apelido patronímico próprio nosso, compartilhado com Portugal, originado no nome PAIO (que em espanhol é Pelayo e dá Peláez), seguramente relacionado, di-nos X. L. M. Ferrín, co Pelagio grego (significando marinho).
            O nome de pía Paio (lembremos a Paio Gómez Charino) tamém funciona como tal apelido, inda que escaso, e del temos algum exemplo célebre, como logo se verá;  evocando entre nós, como nom, ao santo adolescente tudense de Crecente (século X: mesmo dando-se o apelido Sampayo/Sam Paio), do jeito que o Pelayo espanhol nos leva, decontado, ao quase legendário príncipe fundador do reino das Astúrias (século VIII, segundo alguns, um aristocrata visigodo com nome suspeitosamente grego)… tam caro ao franquismo, que mesmo derivou del àqueles pelayos… (Deixamos-lhe ao chefe do blogue deleitar-nos coa estória destes dous persoeiros).
José Mª Paz
            Nós preferimos fazer fincapé no enganoso PAZ, pola sua homonímia co sustantivo comum paz, o qual, lamentavelmente, nom é nada comum como concepto real. (Ora, imaginai-vos umha moça chamada Paz Paz Paz, que, se cadra, se dá nalgures…). Si tivo certo éxito a advocaçom católica de Nossa Senhora da Paz, poisque déu nome a La Paz (Bolívia) e é patroa da República de El Salvador… sem esquecermos a megalómana basílica de Côte d’Ivoire/Costa de Marfim, tamém conhecida como Sam Pedro da África (dado que é umha imitaçom da basílica vaticana)… Advocaçom mariana que originou o nome de pia Paz (Irene na Grécia).      Voltando ao apelido, do que com el acontecéu já damos a pista no título: o PAIS patronímico original (do que temos visto a versom PAYS, sendo PAES no português d’antano) déu lugar a um PÁEZ que, por contracçom, rematou em PAZ, assi de simples.

As personagens.
Víctor Paz Estenssoro

1 José Antonio PÁEZ (1790-1873), venezolano de origem canária, El Centauro de los Llanos, general do exército libertador e presidente da República por três vezes.
2 José María PAZ (1791-1854), exitoso militar argentino, neto do galego de Folgoso-Sobrado, Andrés Paz.
3 Pedro PAYO e Piñeiro (1814-1889), corunhês (com rua na cidade), frade dominico que chegou a arcebispo de Manila, prévia passagem polo bispado de Cebú (disque a diócese mais grande do mundo).
4 Pedro PAZ Soldán (1839-1895), peruano de oriundeza castelhana, literato e, sobre isso, primeiro lexicógrafo que publicou sobre peruanismos no espanhol.

5 Víctor PAZ Estenssoro (1907-2001), boliviano, da mesma família que José María, o cidadao que exercéu, en ocasions diversas, um cúmulo maior de anos como presidente da República, fundador do MNR (Movimiento Nacionalista Revolucionario).

INTEMPERIE


Pepe de Rocaforte

            Nestes días pasados, por recomendación dun amigo, lin “Intemperie”, opera prima de Jesús Carrasco, autor extremeño afincado en Sevilla, e léndoa veume á memoria outra novela, esta de Dino Buz­zati, “O deserto dos tártaros”, que hai moitos anos me produciu unha fonda impresión.
            En realidade estas dúas novelas non teñen practicamente case nada que ver unha coa outra. Relaciónoas só polo papel protagonista xogado en ámbalas dúas pola paisaxe. Mais se na novela de Buzzati esa paisaxe ven representar unha especie de materialización da espera angustiosa diante do des­coñecido, en “Intemperie” non hai espera nin temor a nada descoñecido, senón fuxida dun horror xa experimentado.
            De calquera xeito, tanto nunha obra como na outra, a paisaxe paréceme fundamental para mar­car o ton da narración. Esas chairas inacabables, unha envolta na néboa que oculta o misterio, e a outra baixo un sol inclemente que todo o aplana, xogan un papel de máxima importancia no desenvolvemento da acción. E aquí reside, para min, o mellor valor da novela de Jesús Carrasco, de quen falo coma aquel que acaba de descubrir o Mediterráneo, cando parece ser que a súa obra xa foi, ou está a ser, traducida a trece idiomas. Ou en trece países, agora mesmo non estou moi seguro.


            Así e todo, por se a algún dos seguidores deste blog lle sucedese como a min, que ata hai pou­cos días estaba in albis sobre o asunto, déixolle aquí o meu consello: paréceme que paga a pena a lectura de “Intemperie”, primeira novela de Jesús Carrasco. Se é lector, anímese.

venres, 10 de xaneiro de 2014

A NOITE COS SEUS PEITOS NEGROS


Por Pura Tejelo

                                                 Caín, onde está o teu irmán Abel?
                                                                                     Xénese-4,8


                                                                         Marisa Rodríguez
A NOITE COS SEUS PEITOS NEGROS
maquillaba a apariencia cruel do bosque
aquel inverno de luces perdidas.

Hansel abandonara a súa irmá,
vagando como un caín entre a podalla das primeiras árbores.
Mais un fino fío unira para sempre os orfos:
cada vez que ela suspiraba
el xacía morto atravesado por un lóstrego que lle azoutaba o peito.
Tres días tardaba en erguerse.
Tres días á intemperie e á fame.

Gretel medrou e venceu á súa pírica prisión
e,  aínda co ferinte  sabor do chocolate e o caramelo nos beizos,
buscou o irmán
para regresar á patria.
Atopouno nunha desas mortes na valgada ladeada,
perto dun lago mísero no que saciaba a febre.
Xuntos voltaron dunha historia de ausencia e terror,
collidos das mans, degrañando frangullas,
como antano.
Gretel  detivo a caída do mozo
mentres durou a maldición.

Un fermoso cisne sobrevoaba  o lago sen recoñecer a tristura dos nenos
 que lían un conto fraternal de final feliz.

luns, 6 de xaneiro de 2014

San Xulián


         
O san Xián ou Xulián que se celebra o 7 de xaneiro viviu no século III, pero na iconografía galega aparece vestido coma un noivo da época da ilustración. E digo noivo porque este mozo casou cunha rapaza moi linda, chamada Basilisa, quen a pesar do nome tamén chegou a ser santa, pois como a parella fixo votos de castidade e publicou ós catro ventos a súa intención de non consumar o matrimonio nin criar fillos para o imperio, sóubose que eran cristiáns, e como daquela estes estaban mal vistos, e ata niso de non querer xacer como matrimonio atopaban os xuíces da época un xeito novo de rebelión para non fornecer de sangue nova ó pobo e ós súbditos de Roma, daquela xulgáronos por contrarios e subversivos, torturáronos por non renunciar a ser o que eran e condenáronos a morte.
            A este san Xián e a santa María dirixíanse os fieis galegos cunhas estrofas que nunca adiviñei a conto de que,
San Xulián era meu curmán,
Santa María era miña tía.
Dábanlle o caldo e non o quería,
dábanlle o leite e que ben o sorbía.
            E aí o tendes, coa casaca vermella, porque foi mártir, coa pombiña que simboliza a fidelidade e a pureza, e co gorro na man, de cabeza descuberta porque era un home humilde e servicial.


domingo, 5 de xaneiro de 2014

Os Reis Magos



O día de Reis remata o Nadal. Remata cunha grande festa de galanos e sorpresas que son a ledicia de todos os nenos e maiores, pero tamén, na nosa tradición tíñase o costume de cantar os Reis, a cambio do aguinaldo que consistía en doces e bebidas principalmente.
            Había sitios onde, os cantores de reis, levaban diante unhas máscaras chamadas do Vello e da Vella, e podían entrar nas casas, mentres os cantantes reunían á veciñanza, para subtraer algún chourizo, no que se pode interpretar como un roubo ritual, un roubo propio do solsticio, sen outro mal que amosar como o mal ten artes caloteiras para conquistar e enganar.
            Hai unha dúbida sobre a que iremos tocando nalgunha outra ocasión sobre a figura real destes personaxes: ¿quen é o Vello e a Vella?, ¿teñen algunha relación coa do “Arco da Vella”?, ¿ou coa Vella que peneira nas noites de xiada?, ¿ou son simples personaxes simbólicos para representar o pasado?.


Sobre o significado dos tres Reis Magos, que é un número que aparece na Idade Media, pois os evanxeos non especifican o número, representan as tres razas coñecidas no medievo, tres como os descendentes de Noé: Sem, Cam e Xafet, tres porque eran as tres idades do home e tres porque son os galanos que representan as tres condicións de Xesús, Ouro porque é rei, incenso porque é Deus, e mirra porque é home. 
Só este apunte para desexarvos que os Reis, ou quen no seu nome veña esta noite, vos traia ademais toda a felicidade do mundo.

sábado, 4 de xaneiro de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                               Por UM-DO-CHAO.
OCAMPO/CAMPO/CAMPOS.

O apelido.
            Sendo Do Campo o apelido base, cos seus derivados Ocampo ou Campos (pluralizaçom comum a estes apelidos topográficos, v.g. Torre, Fonte), e os seus familiares Campa ou Campelo, é na forma Ocampo que nos imos deter hoje.
            Porque é um exemplo paradigmático dum grupo de apelativos afectados polo fenómeno aglutinaçom, isto é, aglutinados neles o nome e parte da contracçom singular precedente DO/DA (ou seja: DE O/DE A), seguindo o processo Do Campo-De o Campo-Ocampo, paralelo ao outro processo, o da simples fusom: Do Campo-Docampo, muito mais claro por direito, como nos casos: Dacal/Docal, Dafonte, Dapena, Dapereira, Dapía, Darregueira, Darriba (inda que tamém confluria a procedência D’Arriba), Dasilva, Datorre, Dobarro, Docasar, Docurro, Domato, Dopico, Doporto, Dorrío, Doval… (Olho, pois, a todo apelido que começa com D! Assi: Dans, Debén, Doldán, Dosil…).
            Casos clássicos de aglutinaçom som: Abal, por Aval (Da Val, isto é a forma arcaica feminina de Val/Vale), Aballe, por Avale (Da Vale)… como Oballe (Do Vale, mais leonês do que nosso, amém de, com esse duplo L arcaico, como passa com Villar, confundir-se co homógrafo castelhano), Acosta (Da Costa), Aponte (Da Ponte), Arriba (Da Riba: ver o dito em riba), Ávila (por Da Vila, caso este tam peculiar, como que nos fai cuidar, com esse cámbio de acento, referir-se ao topónimo castelhano)… ou Ocanto (Do Canto), Ogando (Do Gando), Opazo (Do Paço), Orrego (Do Rego)… e quem sabe quantos outros… Sem incluirmos aquí Acuña (procedente dum topónimo luso A Cunha).
Victoria Ocampo
            Todos estes apelidos cantam a primeira vista a sua origem galego-portuguesa, porque, de vermos Campo, poderia nom ser nosso; mas se vermos Ocampo é induvitavelmente nosso… por mais séculos que passassem… quase sempre fora das nossos lares.
            Para finalizarmos co apelido que nos convoca, digamos que a palavra é netamente latina e tem, daquela, equivalentes nas outras línguas románicas: Campo (espanhol e italiano),  Camps (catalám),  Duchamp (francês)…

As personagens.
Apenas três exemplos de três países.
1 Florián de OCAMPO (primeira metade do século XVI), çamorano, cronista de Carlos I, seique mentireiro como poucos.
2 Victoria OCAMPO (1890-1979), argentina, escritora e importante editora, fundando (1931) a emblemática revista literária Sur.
3 María Luisa OCAMPO (1899-1974), mexicana, dramaturga e romancista com decidida pegada nacionalista e feminista.


venres, 3 de xaneiro de 2014

O homiño da Casarota do Páramo

                            

Xa están medrando os días e nótanse un pouquechiño máis largos. Quen mire con atención as cousas do campo, verá como nalgún lugar os primeiros brotes anuncian o camiño cara a benevolencia da primavera. Cando a chuvia nos deixa ver o ceo do amencer, ata escoitamos algún merlo madrugador. Aínda é inverno, pero os días van a máis.
Non é estraño que ante milagre tal, os nosos antepasados adorasen ó sol, ó único elemento dador e protector da vida, como se ve nesta laxe na Casarota do Páramo, unha mámoa do alto do Iroite, o lugar máis próximo ó ceo de toda a Barbanza, con permiso da Curota e dos Gallos, como epitafio dalgún antepasado adorador do astro rei.
Hai expertos que aseguran que esta é unha representación do deus Lug, o deus dos dedos longos, que soia amparar e protexer a toma de posesión dun territorio por cada novo líder. Pode ser, pero iso que semellan dedos longos tamén poden ser as polas dun ramallo. Como queira que sexa semella que está ofrecendo unha especie de ramo ó sol.
Agora sería bo saber cal era o ritual daquel paisano, que tipo de ramo leva na man, e que clase de obxecto soporta na outra ou como era a careta con que se viste. Seguramente, ó largo deste mes e do próximo podemos encontrar moitos elementos que nos aproximen ás súas crenzas. Á fin, este homiño, ó noso entender, o que está é invocando a renacencia da vida tras o estéril inverno.
Coma sempre, admítense opinións.

  

mércores, 1 de xaneiro de 2014

Xano, o primeiro

                   
XA temos ó novo ano, que entrou da man de Xano o deus das dúas caras, do vello e do novo, do sorriso polo que vén e tristura polo que se foi, aquel que porta un báculo en que apoiarse e unha chave que o abre todo. É tempo de sortilexios, de querer adiviñar o porvir, de modo que segundo sexa o tempo meteorolóxico en cada un dos doce primeiros días deste mes, así será cada un dos meses do ano.
Xano é o deus que lle dá nome a este mes, que os nenos reciben percorrendo as rúas das súas vilas e aldeas cantando as Xaneiras e os Manueis, que son cantares de felicitación.
            Outrora era nesta data cando se facían plans para a comunidade, e Murguía lémbranos unha xunta de homes que en Pontecaldelas, cada primeiro de ano, se reunían antes da misa é debaixo dun carballo, para elixir a quen había de presidir o consello parroquial durante o resto do ano.
            En Verín e Laza xa aparecen algunhas máscaras, tal vez como pervivencia das Saturnais romanas, como tamén pode ser lembranza de costumes precristiáns que os rapaces saísen na última noite do ano a atrancar os camiños con carros, cancelas e outros elementos, como unha invocación a que o mal non pasase polas rúas.
            En fin, que xa temos aquí un novo ano, e moitos desexos de felicidade.


TELÉFONOS MÓBILES


Por Pepe de Rocaforte
            Falaba na última colaboración da novidade dunha colección de teléfonos móbiles nun pequeno museo das Arribes del Duero. Ten o asunto o seu aquel dada a me­drante importancia destes aparatos nas nosas vidas.
            Desde o prehistórico zapatófono do “Superaxente 86", unha delicia na inefable televisión única dos anos 70, pasando polos mancontros de pirulos e villeus, sen esquecer os mobilazos de cinto que decoraban a estilo pistoleiro as cadeiras de horteras e pailáns a fins de século, ata os iPhones, iPads, e iPods utilizados hoxe por canta xente quere estar ó día, hai unha longa historia, similar se non en anos, si en evolución, á que vai do pleistoceno ós nosos días.
            Neste mes de paga extra (para os aínda non saqueados por Rajoy, Montoro e os seus xefes das multinacionais financeiras), en preparación para posibles tempos peores decidín facer uso atípico da extra asistindo a varios espectáculos dos que saquei algunhas conclusións.
            Fun ver en primeiro lugar o Ballet Nacional de Rusia, no Palacio da Ópera, en “O lago dos cisnes”. Alí, fóra dos carteis disuasorios ós que ninguén fai caso, non oín ningunha outra prohibición do uso de móbiles. Desde a miña ubicación privilexiada nos altos da sala observei unha marea de pantalliñas luminosas ata o pé mesmo do escenario e pregunteime por que carainas pagara a súa localidade aquela xente se durante a representación se dedicaba a chafullar no móbil, pero alguén máis sabido comentoume que posible­mente estivesen gravando o espectáculo. Xa me entraron dúbidas cando no intermedio todo o mundo continuaba hipnotizado fren­te á súa pantalla, pero tal vez fose para observar os resultados da grabación, vai ti saber.
            A segunda experiencia vivina no Teatro Colón. Alí actuaba o Chicago Mass Choir cun espectáculo de música góspel. Antes do inicio da actuación os asistentes fomos informados da absoluta prohibición de utilizar cámaras fotográficas, gravadoras e teléfonos móbiles. A miña posición, no patio de butacas, non era tan privilexiada coma no Palacio da Ópera e só podía dominar unha pequena extensión diante de min, na cal, a pesar dos seus límites, localicei dous ou tres móbiles en pleno funcionamento.
            Terceira experiencia: Coliseo dA Coruña, actuación do Circo do Sol. De novo en posición privilexiada, polos altos, observo a marea de espectadores estendida en abano ós meus pés. Antes do inicio do espectáculo advírtesenos por megafonía a absoluta prohibición de teléfonos móbiles, entre outras cousas polo perigo que flashes e pantalliñas iluminadas poden representar, como elemento de distracción, para a integridade física dos artistas.


            Este suposto debe influír para que ó iniciarse a actuación se apaguen as pantalliñas Pero a miña sorpresa prodúcese cando no intermedio unha marea delas florece ó instante diante miña. Aquí a cousa víase clara: todo o mundo estaba con “mo­no”, nun verdadeiro síndrome de abstinencia colectivo, coa necesidade imperiosa de manipular inmediatamente o seu aparatiño.

            E eso xa debe dar un pouco máis que pensar, paréceme a min.